Ir al contenido principal

Epifanía 2018


CAMIÑAR, CAMIÑAR, CAMIÑAR... COMA OS MAGOS, SIGAMOS A ESTRELA QUE NOS LEVA ONDA O NENO!
CANTO GOZOSO
Panxoliñas
o   ENTRADA:
o   LECTURAS:
o   OFERTORIO:
o   COMUÑÓN:
o   BICADO DO NENO:
PARA NON PERDER O PASO
Nin eran tres, nin facían maxia, nin eran reis. Eran uns homes sabios, de alén das fronteiras xudías, que se puxeron en camiño para adorar ao Neno que viña de nacer. Hoxe xuntámonos para celebrar a festa da Epifanía, é dicir, a manifestación de Deus a todos os pobos, a todas as persoas. É unha festa que nos fala de universalidade e que vén botar abaixo a teima que tiñan os xudeus de que o Mesías que nacía ía salvalos só a eles. Velaí a intención de Mateu cando relata a adoración dos magos: transmitir que Deus nace para salvar a todas as persoas, que para El ninguén é estranxeiro.
Por iso hoxe, neste día de ilusión, vimos diante do Señor, que é a estrela que guía a nosa vida. Oxalá que ningunha Boa Nova de solidariedade, xustiza e universalidade nos asuste. Oxalá que as escuridades da nosa vida non nos deteñan nin nos desvíen do que un día nos puxo no camiño e se nos ofrece de balde.
CO CORAZÓN FERIDO
*   Por agocharlles a túa luz aos demais, excluíndoos, negándolles a palabra, gardando rancor e non valorándoos coma o que son, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA.
*   Polas moitas veces nas que non dubidamos en axeonllarnos diante das riquezas, do poder, do quedar ben ou das incoherencias, CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA.
*   Porque a pesares de que a vemos brillar enriba de nós, non estamos dispost@s a deixar que a túa estrela alumee a nosa vida, enchéndoa de misericordia, xustiza e tenrura, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
ü Os magos veñen de oriente, un lugar que evoca nos xudeus a patria da astroloxía e doutras estrañas ciencias. Son pagáns. Non coñecen as Escrituras.... pero si a linguaxe do corazón. Buscan a verdade.... e non dubidan en poñerse en camiño para descubrila. Nesa larga busca, ás veces a estrela parece que non está, deixándoos na máis escura das incertidumes. Outras veces, brilla de novo, enchéndoos de inmensa ledicia. A estrela é un símbolo, o símbolo do Mesías, que conduce aos pagáns (os non xudeus) á luz da fe, feito anunciado polos profetas no Vello Testamento. Hoxe, se cadra, vivimos nunha época na que é máis doado ver a escuridade da noite que as lumieiras que brillan no medio de calquera tebra. Porén, a Palabra dinos, unha vez máis que en Xesús se cumpre, daquela e hoxe tamén, a profecía de Isaías: “O pobo que camiñaba nas tebras, viu una luz grande... habitaban nunha terra de sombras e unha luz brillou diante dos seus ollos”. Sería unha mesquindade pola nosa parte, pensar que estamos a vivir unha hora especialmente escura e tráxica. Basta abrir ben os ollos para entrever lumieiras, sementes de liberación, xestos positivos que nos conducen cara á luz. Nin a vida nin o mundo son un caso desesperando, aínda que hoxe só vexamos unha humilde estrela que nos guía cara Belén, unha estela intermitente que aparece, desaparece, e volve aparecer.
ü Herodes e a súa corte representan o mundo dos poderosos, de calquera tipo de poderosos. Todo vale con tal de asegurar a posición: os fríos cálculos, a estratexia, a mentira.... mesmo a crueldade, o terror, o desprezo, a explotación.... Sóanos o conto?. Quere semellar un mundo grande e poderoso, defensor da orde establecida, dos dogmas e da lei; pero en realidade é un mundo débil e mesquiño, que termina buscando á xente para matala. Por iso, para descubrir a Deus nas persoas; para adorar ao Neno en vez de renderlle culto á morte; para recoñecer a dignidade da persoa en vez de destruíla, hai que percorrer o camiño contrario ao de Herodes. Pero ollo, non é un camiño doado, senón que hai que expoñerse e arriscar. Non son posibles a solidariedade e a liberación se queremos manter a nosa situación, porque mantela lévanos a tentar eliminar a quen, coa súa presenza, aínda que sexa de recén nacido, anuncia e trae unha nova sociedade cunhas novas relacións humanas baseadas na igualdade e na xustiza.
ü  Porque máis alá de controversias, lendas e opinións, o importante da festa de hoxe é a universalidade. Moito lle custou (moito nos custa) ao pobo de Israel (aos cristiáns) saír da exclusividade da relación con Deus para compartir e descubrir que El se lle manifesta a todas as persoas, respectando culturas, crenzas ou formas de vida. Por iso nós que, coma os magos, vimos saír a súa estrela, estamos chamad@s a levar esta estrela ao portal de tantas persoas deixadas de lado, discriminadas de calquera xeito, faltas de oportunidades de realización, sedentas de verdade, famentas de pan e luz, desexosas de xustiza, enfermas de desesperanza. Vaiamos na súa busca para ofrecerlles, coma os magos o ouro da súa dignidade, o incenso de saberse queridas por Deus, a mirra dos nosos coidados e do noso consolo.... E fagámolo sen distincións de xénero, ideoloxía, cor da pel ou relixión.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Acheguémonos á carón do Deus que hoxe se nos manifesta como luz, e digamos:
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
û  Para que as persoas que formamos a Igrexa non esquezamos nunca que o camiño polo que o Neno nos trae a maxia do amor é o do compromiso cos débiles e humillados, que fai tremer ao poderoso Herodes, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
û  Para que todas as persoas que teñen responsabilidades en calquera eido (político, cultural, educativo, eclesial....) se deixen guiar sempre pola luz da verdade, do ben común, da honestidade, da paz e da xustiza, OREMOS
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
û  Para que todas as persoas, fundamentalmente as que viven nas tebras e nas sombras da morte (paradas, maiores, migrantes, refuxiadas, enfermas....) reciban o agasallo da tenrura e a ilusión que veñen de Deus e que nós estamos chamad@s a darlles, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
û  Por cada un e cada unha de nós para que recuperemos a nosa condición de nen@s capaces de marabillarnos, sorprendernos, emocionarnos e engaiolarnos polo don da fe e por tantos e tantos agasallos que pos todos os días nas nosas vidas, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ALUMEAR A NOSA VIDA
Ilumina, Señor, o noso camiñar para que sexa xusto e solidario, e fainos testemuñas da túa luz e do teu amor. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Queridos Reis Magos:
Este ano queremos que nos traia
§    traballo para todas as persoas
§    colexios para que tod@s @s nen@s poidan aprender
§    unha sanidade pública de calidade
§    sorrisos para compartir con quen esta triste
§    apertas solidarias que fagan que nunca nos sintamos solos
§    paz, con nós mesmos, cos demais, coa casa común e contigo
§    lume para queimar os traxes que cheiran a podre: fraudes, chantaxes, corrupción, sobresoldos....
§    novas oportunidades para que todas as persoas que queiran poidan comezar de novo
§    ganas... porque cando as cousas se fan con ganas, sempre saen ben
§    milleiros de estrelas que, na nosa vida, manifesten o teu amor incondicional

Comentarios

Entradas populares de este blog