Ir al contenido principal

Bautismo do Señor 2018


PERSOAS SINALADAS PARA SER NO MUNDO FONTES DE AUGA QUE RENOVA E LIMPA
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
o   LECTURAS: A auga do Señor (Nº 125)
o   OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)
o   COMUÑÓN: Non vou so (Nº 60)
PARA NON PERDER O PASO
Rematado o camiño do Nadal; camiño, que como fomos dicindo, nos leva do nacemento ao recoñecemento de Xesús na súa universalidade, pasando pola maternidade de María, comezamos hoxe unha nova xeira para que, coas pilas cargadas polo Misterio do Deus feito un de nós, tomemos conciencia de que o bautismo, e polo tanto, pedilo e ser acollidos na fe na que por el nos incorporamos á Igrexa, non é un desexo ou unha ilusión, ao modo das que facemos na noite de fin de ano, senón unha opción, que debera ser froito da reflexión e da coherencia de quen di: quero que o meu fillo/a sexa cristián.
Non é un rito desconectado do que se vive e reza, senón unha decisión libre e madura, así debera ser, para dar testemuño diante daqueles que foron incorporados por esta petición á comunidade cristiá.
É unha opción de vida marcada polo seguimento de Xesús que se enraiza no Evanxeo, non no que nos contaron ou nos costumes. De aí que onde tod@s deberiamos ter escoitado e aprendido a rezar, persignarnos ou falar de Deus por vez primeira tería que ter sido nos nosos fogares. Pero, de verdade ten sido así?
Acheguémonos, logo, hoxe ao altar onde se nos invita a facer memoria da nosa coherencia persoal e familiar.
CO CORAZÓN FERIDO
*   Pola nosa falta de coherencia; SEÑOR, QUE OS NOSOS OLLOS ESTEAN POSTOS NO EVANXEO.
*   Pola superficialidade coa que vivimos a fe; CRISTO, QUE OS NOSOS OLLOS ESTEAN POSTOS NO EVANXEO.
*   Pola nosa ausencia de Deus nas vivencias do noso día a día; SEÑOR, QUE OS NOSOS OLLOS ESTEAN POSTOS NO EVANXEO.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
o   Algo tan sinxelo como a auga, pero tan importante para que as nosas vidas crezan, maduren e atopen o seu sentido, supón que teñamos que poñer os ollos e o corazón no pequeno, no sinxelo, no aparentemente simple. E ningunha destas tres cousas se dá hoxe en día. Os nosos oídos non paran de escoitar falar de triunfo, poder ou prestixio. Pero Deus elixiu un sinal sinxelo, mais rico en contido. Que sería de nós sen a auga? A pouco que o pensemos, atopámonos co feito de que a resposta sería: nada. Efectivamente, a existencia de vida conleva sempre a presenza da auga; e a súa ausencia é sinónimo de morte, secura e desintegración. Non hai máis que lembrar como nos afectaba, en todos os ámbitos da vida, a ausencia de auga non hai moitas semanas. A auga é motivo de vida, alegría, xermolo de esperanza. E nesta esperanza que nos trae a auga, invítasenos hoxe a descubrir a presenza de Deus.
o   Un Deus que nos iguala, inda que nós sigamos empeñados en levarlle a contraria e estar constantemente enfrontándonos, dividíndonos ou facendo separacións entre uns e outros: homes/mulleres; ricos/pobres; poderosos/excluídos. Por iso a lectura do libro dos Feitos insiste nesta idea de igualdade, aceptando a cada un/ha de nós tal e como somos. Coas nosas potencialidades, si, pero tamén coas nosas limitacións. El teno claro, pero nós? Non hai máis que botar unha ollada ao mundo que estamos a construír e a deixarlle aos máis novos, para darnos conta de que o plan que Deus nos invita a seguir vai quedando esquecido nas beiras dunha estrada pola que só transitan os que se cren mellores, máis poderosos e con capacidade de mandar e dominar aos pequenos e sinxelos. Un mundo onde non hai sitio para os máis pobres.
o   Sabedes cal foi a palabra que en español se elixiu como palabra do ano 2017? Non? Non é de estrañar porque a palabriña ten o seu aquel, pero aí vai: aporofobia, que non é nin máis nin menos que o medo ás persoas pobres, como se fosen apestadas ou nos contaxiasen a súa pobreza. Triste, non? Nunha sociedade que se cre permanentemente libre, formada e rica. Para que non sigan pasando estas cousas, nós, as persoas crentes, teriamos que dar un paso adiante e manifestar a alegría de ter o Evanxeo e a Xesús como referencia do noso actuar, do noso acoller, do noso estar no mundo non con prexuízos, senón con empatía. Porque se Deus non fai distincións, a santo de que nós si as facemos? Este é o verdadeiro cristianismo, o de poñer o punto central nas persoas, fillas de Deus. Non nos ritos, nas tradicións, nas... que enredan, poden traer máis "turistas" e deixar cartos, pero non nos recoñecen nin como iguais nin como persoas. Deus cóllenos e lévanos da súa man. Facemos o mesmo uns cos outros? Aquí está a verdadeira razón do noso bautismo: iguais no ser e no acoller. Non deixemos esquecer esta fermosa lección de antropoloxía que o Deus de Xesús nos mostra hoxe.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Para que a nosa oración non caia no saco roto do individualismo dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POLA AUGA DO BAUTISMO
Para que sexamos unha Igrexa que inclúe: acollendo, agarimando e facendo da tenrura alimento cotián dos corazóns magoados, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POLA AUGA DO BAUTISMO
Para que nos esforcemos por ser veciños preocupados uns dos outros, e con capacidade de poñer sorriso e colaboración nas nosas palabras e accións, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POLA AUGA DO BAUTISMO 
Para que teñamos sempre presente que a auga do bautismo ten que facer latexar os nosos corazóns no esforzo por romper prexuízos e achegar esforzo para que quen temos ao redor non se senta so e esquecido, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POLA AUGA DO BAUTISMO
Grazas, Señor, por este momento de oración que nos fai tomar conciencia de que no noso camiño sempre estarás ao noso lado invitándonos a non deixarnos levar da discriminación nin da exclusión das persoas. P.X.N.S. Amén

PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
El achégase e fainos o seu ofrecemento. A nosa resposta de fe ante o amor daquel que se fixo un de nós e entregou a súa vida por nós, faise dunha vez e para sempre. Pero ao longo da nosa vida, a calquera idade, hai que atravesar horas de dúbida, de desánimo, de escuridade; inda que sempre hai un camiño ao que voltar: crecer en Deus cara un amor máis grande, máis puro, máis limpo; adentrarse nel e permanecer no seu amor.    
         Nós como persoas bautizadas e seguidoras súas, temos emprendido este camiño, e, inda que no noso interior ás veces non vexamos esa gran luz de Cristo, e máis ben nos pareza un pequeno resplandor; anque nos vexamos de todo incapaces de acercarnos a ese Deus tan grande e tan cheo de amor, incapaces de renunciar a tantas cousas ás que estamos apegados, xorde unha pregunta desde o máis profundo do noso ser, que pouco a pouco vai abríndose camiño e que lle diriximos a quen quixo morar en nós:
Que esperas ti de min?
Xa non podemos seguir vivindo do mesmo xeito. Cristo proponnos un firme e decidido Sígueme. É a invitación a comezar un camiño de seguimento.

               (Regra de vida da Acción Católica Xeral de Madrid )

Comentarios

Entradas populares de este blog