Ir al contenido principal

2 Domingo TO B 2018

A SÚA VOZ NON TEN PROGRAMA PROPIO NIN NA TELEVISIÓN NIN NA RADIO, SENÓN A TRAVÉS DA MIRADA ANGUSTIADA DE QUEN NON TEN CASA OU TEN QUE ABANDONAR O SEU PAÍS PARA SALVAR A SÚA VIDA.
TRABALLEMOS PARA FACER DA VIDA ACOMPAÑAMENTO NO CAMIÑO DO INVISIBLE AO VISIBLE
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
LECTURAS: As túas palabras, Señor, son espírito e vida (Nº 113)
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 117)
COMUÑÓN: Déixate querer (Nº 61)

PARA NON PERDER O PASO

Somos invitad@s hoxe desde as palabras de Xesús a, como noutro tempo o foi Pedro, a ser pedras. Pedras de esquinal, pedras que asentan, pedras que non esmorecen nin caen cando as cousas van en senso contrario ao que pensabamos que deberían ir. Nunha palabra, Xesús invítanos a ser pedras construtoras do mundo como casa onde se acolle; casa na que as fronteiras non se pechan senón que están permanente abertas para ir e vir; pedras desde onde construír pontes que unen e achegan e non muros que poñen distancia entre nós. E para iso non nos queda outra que ter os oídos atentos, como os tivo Samuel, á voz que Deus nos dirixe a través do berro, moitas veces desgarrador, das persoas que son contadas como números e tratadas coma cousas.
Fagamos logo desta celebración que agora comeza rebelión interior que cambie a nosa vida e non se deixe levar polo desleixo.

CO CORAZÓN FERIDO

*      Porque ante a chamada de Deus, nós respondemos con escusas e afastamento; SEÑOR, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.
*      Porque ante a chamada de Deus, facemos oídos xordos; CRISTO, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.
*      Porque ante a chamada de Deus respondemos dándolle as costas á dor e tristura do irmán; SEÑOR, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.

UNHA PALABRA QUE AGROMA

·      Como ocorría con Samuel, tamén Deus nos chama hoxe a nós. Si, inda que nos resulta difícil crelo e entendelo. Pero, non nos enganemos, a súa chamada non é unha voz de ultratumba, senón unha voz que se manifesta no silencio buscado para a reflexión sobre o que queremos e como buscamos cada día ese querer; no silencio de quen se achega a quen está descolgado da sociedade de triunfo e papel de celofán que nos queren vender, e que vai deixando aos lados persoas esquecidas e ignoradas; na palabra acolledora, na man apertada desde o corazón e a mirada limpa; tamén no barullo onde hai conflito, incomprensión e moita rabia. Aí e alí, sempre está Deus. O que ocorre é que non queremos poñer nin a orella para escoitalo nin os ollos para velo. E non digamos xa o corazón! Pero Deus está, segue facendo camiño, inda que nós o neguemos, o apartemos ou pretendamos silencialo. Porén, Samuel si que estivo atento e co oído fino para responderlle. Todo un exemplo ao que esta mañá e sempre, somos invitados. Oxalá poidamos dicir tamén: "aquí estou, Señor, porque me chamaches".
·      Esforcémonos logo por facer da súa vontade proposta na que nos situemos na vida, sabendo que a vontade de Deus non é imposición, senón camiño compartido e compaña agradecida. Como non cansa de dicir o papa Francisco, a vontade de Deus pasa pola "revolución da tenrura" por parte das persoas que nos chamamos seguidoras súas. Isto supón converter a paciencia en espera proactiva, e a loanza en primereo libre e gozoso no que anunciemos e transmitamos ao Deus que temos descuberto cada un e cada unha de nós como compañeiro de camiño nas luces e sombras. Un camiño que imos facendo cada día e que non é unha carreira ás présas por ver quen o remata antes. E neste camiño ímonos descubrindo corporeidade a través da que imos realizando o proxecto de Deus; unha corporeidade que non se queda a mirar retábulos, vestir santos ou consumir tempo "pseudo–devocional". Non. A corporeidade desde a que imos facendo da vida e do mundo proxecto de Deus pasa por esforzarnos en facer ben as cousas cada día, sendo responsables no traballo, respectuosos coas opinións dos demais, e sinceros e auténticos na coordinación entre o dicir e o actuar de cada un/ha de nós. Fagamos logo templo desta corporeidade poñendo o mellor de nós en ser felices, e todo o esforzo por tentar que os demais tamén o sexan.
·      E isto supón moita capacidade de desprendemento e pouca de apego. Pero resulta que nós imos invertendo os termos, e poñemos moito apego e pouco desprendemento, de aí que a vida non pode ser outra cousa máis que tarefa para non deixarnos vencer por esta tentación. Busquemos entón o que nos achega a Deus, que non pode ser outra cousa que aquilo que fai que o rostro do irmán entristecido poida sorrir; e o corazón da irmá matratada, abusada ou invisibilizada se volva presenza recoñecida e dignidade defendida. Isto vainos pedir abandonar as nosas zonas de conforto, como descubriron os discípulos que facía Xesús. Por iso o seu morar era un morar en permanente esforzo por poñer no centro ás persoas, sen medo a abandonar estruturas e comportamentos adormecidos, cando non mortos. Xesús con pouco fixo moito; nós, tantas veces con moito, que pouco facemos!

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

Señor, invítasnos a prestar atención á túa voz, que nos fala a través da voz dos irmáns e das irmás. Convencid@s de que esta é a nosa tarefa, digamos:
QUE A NOSA NON SEXA VOZ DE SUSTO, SENÓN DE CONFIANZA
Para que non sexamos unha Igrexa que se limita a mirar, sen comprometerse na busca de solucións aos cos problemas e dificultades dos homes e mulleres do noso mundo; Oremos.
QUE A NOSA NON SEXA VOZ DE SUSTO, SENÓN DE CONFIANZA
Para que sexamos comunidades parroquiais vivas, alegres e dispostas a participar da alegría do Evanxeo; OREMOS.
QUE A NOSA NON SEXA VOZ DE SUSTO, SENÓN DE CONFIANZA
Para que a nosa vida non se deixe levar do conformismo, a rutina e a falta de ilusión por ser persoas máis xustas e traballar para que outras tamén o sexan; OREMOS.
QUE A NOSA NON SEXA VOZ DE SUSTO, SENÓN DE CONFIANZA
Grazas, Señor, por espertarnos do soño conformista, que non nos deixa camiñar poñendo os pés nos problemas da terra e a esperanza na busca de solucións unindo e non separando. P.X.N.S. Amén.

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO

Se eu quixer falar con Deus,
teño que quedar a soas,
teño que apagar a luz,
teño que calar a voz,
teño que encontrar a paz
teño que afrouxar os nós dos zapatos, da garabata,
dos desexos, dos receos.
Teño que esquecer a data,
teño que perder a conta,
teño que ter as mans baleiras,
ter a alma e o corpo espidos.
Se eu quixer falar con Deus
teño que aceptar a dor,
teño que comer o pan que o demo amasou.
Teño que lamber o chan
Dos palacios, dos castelos suntuosos do meu soño.
Teño que verme triste,
teño que atoparme mal,
e malia iso, alegrar o meu corazón.
Se eu quixer falar con Deus,
teño que aventurarme
teño que subir ao ceo sen cordas de seguridade.
Teño que dicir adeus
Afastarme e camiñar decidido pola estrada
decidido pola estrada
Que ao cabo do día vai dar
en nada do que pensei atopar.

(Gilberto Gil)

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…