Ir al contenido principal

1 Advento B 2017

Sen desesperar, tampouco apurando o paso, paseniñamente, a tebra irá dando paso á luz. Ven, Señor Xesús!

Descarga o ficheiro
SINAL DE ADVENTO
Os lumes asolaron a nosa terra e a nosa xente. A Casa Común quedou ferida, polo que ao longo do Advento tentaremos ir tomando conciencia que, máis alá da dor, da tristura e da rabia, a esperanza segue presente. E queremos expresalo poñendo no taboleiro diante do altar unha cartolina con catro siluetas de rocha. Cada un dos domingos sacaremos unha destas siluetas para que deixe ver o que hai detrás: unha árbore verde e frondosa, tamén en silueta de cartolina. Deste xeito o día de Nadal poderemos ver en todo o seu esplendor a árbore que as rochas ennegrecidas non nos deixaban ver ao comezo do Advento.
Que queremos transmitir? Que o mesmo que en Galicia a esperanza non a matan os lumes, tamén en nós, Xesús non deixa que a esperanza morra.



CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Volve Señor (Nª 90)
  • LECTURAS: Xesús chamado amigo (Nº 89)
  • OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
  • COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)
PARA NON PERDER O PASO
Moitas veces, cando temos que facer varias cousas, ocórrenos que nos aturulamos e non sabemos por onde comezar para desenvolvelas de xeito ordenado. Algo así é o que lle está a pasar ao mundo que todos e todas conformamos. Recibimos moita información, excesiva, deberiamos dicir, o que nos leva a andar sempre ás carreiras dun lado para o outro, sen a paz, a cadencia e o repouso que cada unha das cousas necesita. Isto vainos convertendo en persoas pouco reflexivas e atoladas.
Para introducir un pouco de visión e reflexión con perspectiva na nosa vida, os crentes imos tendo ao longo do ano litúrxico pequenos oasis de esperanza que nos van axudando a ver as cousas doutro xeito. Un destes oasis é o tempo de Advento que hoxe comezamos. Catro semanas que nos queren axudar a incorporar á vida o punto de reflexión que nos leve a ver as cousas coa perspectiva do sentido e do por que.  E neste Advento queremos que a tebra que pouco a pouco vai cubrindo a nosa mirada vaia desaparecendo para dar paso á luz da esperanza que nos trae Xesús. Tentaremos facelo sen retórica, senón desde o convencemento de que é verdade, de que a nosa vida vai cambiando, de que non nos deixamos, inda que sabemos que non é doado, que o negro chegue e emborree canto facemos.
Vaiamos logo limpando ao longo destas catro semanas cada unha das pedras que nos tapa a esperanza que nos trae Xesús e non deixa que avancemos saíndo do laio tristeiro e pesimista. Manteñamos o paso e non quedemos atrás.
CO CORAZÓN FERIDO
·      Polas veces nas que deixamos que as pedras da nosa vida se ennegrezan coa tristura e co desespero; SEÑOR, DÁNOS SAVIA NOVA.
·      Polas veces nas que deixamos que as pedras da nosa vida se ennegrezan co noso egoísmo e coa nosa falta de solidariedade; CRISTO, DÁNOS SAVIA NOVA.
·      Polas veces nas que deixamos que as pedras da nosa vida se ennegrezan coa nosa desgana e co noso desleixo; SEÑOR, DÁNOS SAVIA NOVA.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
ü Este tempo que hoxe comezamos, o Advento, defínese sempre como unha invitación a botar fóra todo canto de mal fomos acumulando no corazón. Por iso dicimos que é tempo de conversión, cambio, esforzo por deixar atrás canto nos vai facendo insatisfeitos co noso xeito de actuar. E, cantas cousas non hai que sabemos debemos abandonar, esquecer ou deixar atrás! Por iso Advento é tempo de graza e preparación para que non nos deixemos confundir, de xeito que o Nadal sexa celebración cristiá e gozosa de nacemento, comezo e ledicia. tod@s nós temos que esforzarnos para non deixar que fagamos da festa do nacemento de Xesús a festa do consumo desmesurado. Non debemos consentir que o noso actuar acabe sendo a celebración dunha festa pagana que esquece o fundamental: Deus nace, vén a nós. E faino porque quere e nos quere. Aquí está o cerne do que queremos preparar ao longo destas catro semanas de Advento. Non descarreiremos entón, e vaiamos sacando a negrura das pedras que endurecen o corazón e nos fan tomar conciencia de que, se non remamos tod@s na mesma dirección, a casa común deixará de ser de tod@s para selo só dos que teñen cartos e poder. Temos catro semanas por diante para reflexionar sobre a importancia do compromiso, da implicación, de tomar en serio que o mundo é das e para as persoas, e non dos poderosos nin dos famosos. Non renunciemos logo a esta tarefa.
ü A esta conversión é á que teñen que levarnos as catro semanas de Advento. E o sinal que nolo indica ha ser memoria permanente de cal debe e ten que ser a nosa tarefa. Así deixaremos oco ao Deus que nos chama a cambiar desde a luz que vai ofrecendo a cada un dos pasos que damos para que as nosas relacións sexan sinceras, fieis, confiadas e verdadeiramente amigables. Deste xeito comprenderemos a razón pola que a graza e a paz non son palabras baleiras, senón agasallos cos que Deus nos vai indicando que é posible desenvolver camiños que nos encontran e producen felicidade. Pero para iso, a negrura das pedras ten que ir desaparecendo en nós.
ü De aí que temos que prestar atención ao tempos de Deus, que moitas veces non son os nosos tempos. Os seus tempos non cansan, non aburren, non descorazonan; ao contrario, son tempos que chaman a estar á espreita, a non desesperar, a valorar o pequeno, a non deixarnos levar polos retrousos que só buscan gañar adeptos, inda que sexa con medias verdades, para a súa causa, que non é a causa de tod@s. Deus puxo esta casa común, como nos di o evanxeo, nas nosas mans. Seremos capaces de coidala? Cadaquén ten unha misión; unha misión que conflúe ao ben de tod@s. Estamos seguros de que imos por este vieiro? Se contaminamos, queimamos, consumimos auga en exceso, producimos lixo sen norte... con que froitos o recibiremos cando chegue e chame? Fagámonos logo preguntas e non deixemos que este Advento sexa un simple correr e consumir días no calendario.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Porque queremos estar en vela coidando e termando da invitación que Deus nos fai de coidar uns dos outros e do mundo que puxo nas nosas mans, dicimos agora:
QUE VELEMOS SEN DESCANSAR PARA ACOLLERTE
v Para que a Igrexa sexa temón que nos leve a coidar do mundo que Deus puxo nas nosas mans, e non se reclúa dentro das paredes dos templos; OREMOS.
QUE VELEMOS SEN DESCANSAR PARA ACOLLERTE
v Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por transmitirlle aos máis novos o respecto polas cousas que son de tod@s, comezando polo coidado da casa común na que vivimos; OREMOS.
QUE VELEMOS SEN DESCANSAR PARA ACOLLERTE
v Para que este tempo de Advento sexa para cada un/ha de nós, tempo de graza, cambio e afastamento da negrura que imos acumulando no corazón e non nos deixa ser persoas felices e acolledoras; OREMOS.
QUE VELEMOS SEN DESCANSAR PARA ACOLLERTE
Señor, que non deixemos que a tristura cubra o noso corazón e a nosa mirada. Que aprendamos a descubrirte desde o coidado do mundo que nos deixaches no teu testamento. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Ai daquel@s que saborean o doce do azucre en pratos refinados; pero non teñen padal para a amargura do pobre que corta a caña de azucre; que miran a beleza nas fachadas dos grandes edificios; pero non oen nas pedras o grito dos obreiros mal pagados; que exhiben roupas elegantes en corpos ben coidados; pero non se preocupan das mans que colleitan o algodón… porque deixan esvarar sobre a vida a súa mirada de turistas e non contemplan as fachadas con ollos de profeta! Ai daqueles que só ven na persoa pobre unha man que mendiga, non unha dignidade indestrutible que busca a xustiza; que só ven na infancia marxinada unha praga e non unha esperanza que hai que cultivar; que só escoitan nos gritos da xente pobre caos e perigos, e non oen a protesta de Deus contra os fortes... porque non poderán contemplar a salvación que brota no Xesús encarnado desde abaixo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor