Transfiguración

COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
o   LECTURAS: Escoita ti (Nº 26)
o   OFERTORIO: Déixate querer (Nº 61)
o   COMUÑÓN: Quédate Señor connosco 
ESCOITA ACTIVA
O medo a correr riscos é unha das cousas que máis nos paraliza no seguimento de Cristo. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia... E, aínda que se di que o medo garda a viña, temos que recoñecer que o de seu da viña non é gardala, senón que dea froito abundante. 
Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-: erguédevos, non teñades medo. Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor, nos axude a quitar a pedra do medo do noso corazón para que poida agromar a confianza que no Señor e nos irmáns.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos chama a cambiar o mundo co noso esforzo e compromiso; SEÑOR, ILUSIÓNANOS DE NOVO.
  • Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos chama a deixar atrás os nosos medos para ir ao encontro do irmán e da irmá; CRISTO, ILUSIÓNANOS DE NOVO.
  • Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos invita a baixar da póla do “sempre se fixo así”; SEÑOR, ILUSIÓNANOS DE NOVO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Neste tempo de verán, no que tantas persoas fan roteiros e andainas, a Palabra que vimos de proclamar márcanos tamén unha folla de viaxe, neste caso desde o externo cara ao interno, ao corazón. 
SAÍR: A primeira etapa da nosa viaxe invítanos a saír: do noso templo, das nosas costumes relixiosas, do noso culto moitas veces baleiro, de todo aquilo co que cremos que podemos mercar a Deus, porque El é gratuidade e non un tendeiro co que temos que axustar prezos. Saír de nós mesmos, do noso illamento, do noso refuxio, das nosas seguridades, dos nosos medos e complexos....e arriscarnos coa forza da fe.
SUBIR: Porque ninguén dixo que o camiño fose fácil. Ás veces hai costas que mesmo nos fan perder o alento... pero paga a pena subilas. Ninguén dixo que fose fácil deixar de lado o medo, ninguén dixo que non nos sairán bochas no corazón e na alma... e tamén precisaremos que alguén nos axude a curalas, lembrándonos que Deus está connosco porque ás veces parece coma se non nos fiásemos de que el camiña á nosa beira e mesmo nos leva nos brazos en tempos difíciles. Perdemos a perspectiva de que non imos sos, acabamos convencéndonos de que alguén botou a Deus do camiño. E non é iso, senón que en lugar de anunciarse con repique de campás e bandas de música, resulta que fai o camiño, coma sempre, cuberto de po e no medio dos máis desfavorecidos. Non se foi, segue aí, o que pasa é que ao mellor temos que pararnos a mirar con outros ollos, cos ollos de Deus.
ESCOITAR: Nunha sociedade coma a nosa, na que cada vez máis abundan voces de profetas que descifran e solucionan o porvir, na que os medios de comunicación non só informan, senón que orientan ou desorientan, onde máis de vinte millóns de persoas len semanalmente a prensa rosa, quen quere dar sentido humano á súa vida ten que coidar as fontes nas que bebe. Nunha sociedade coma a nosa, atravesada por infinidade de conflitos sociais, culturais, políticos... persoais e grupais, onde aínda escoitamos os ruídos das balas; nunha sociedade coma a nosa na que a aglomeración non achegou, senón que illou, nunha sociedade coma a nosa na que hai miles e milleiros de persoas que non teñen quen as escoite, cómpre lembrar que a actitude de escoita é fundamental: “Este é o meu Fillo... Escoitádeo....”. Temos que acostumarnos a facer silencio para poder escoitar a Palabra de Deus, o berro dos irmáns e das irmás, as sinais da historia. Porque…escoitar é confianza e compromiso.
BAIXAR: Porque non podemos estar sempre no cumio, hai que volver aos irmáns e ás irmás que sofren e non poden camiñar, e para @s que estamos chamad@s a ser sal e luz. Hai moita desigualdade social a prol da cal traballar. Por iso… nada de quedar no monte, nada de acamparmos aquí na sancristía quentiños á beira do Santísimo. O noso escenario é o mundo, alí onde estamos, cada un no noso lugar, no que desenvolvemos as tarefas que van enchendo tempo e vida. Xa está ben de construír grupos burbulla, que non só non axudan, senón que desvirtúan o que debe ser a nosa función de mensaxeir@s dunha Boa Nova. Loitemos contra a tentación de sermos unha Igrexa autorreferencial, como nos di o Papa Francisco. Hai que subir ao Tabor desde a rutina da vida para ver, para coller folgos e esperanza no camiño; pero non hai que perder de vista a terra, non sexa que o resplandor e os destellos do Tabor se convertan en fogos artificiais, e a esperanza se desvaneza en ilusións.
FRATERNIDADE ORANTE
Grazas, porque a pesares das nosas canseiras e da nosa pouca ilusión, segues a plantexarnos retos anovadores e estimulantes para facer da nosa vida experiencia de gratuidade e transformación. Por iso che dicimos:
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ, SEÑOR
ü Para que todos e todas nós, que formamos a túa Igrexa, saibamos acollerte non desde o medo ou a imposición, senón desde o convencemento de que lle has dar sentido á nosa vida, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ, SEÑOR
ü Polas nosas comunidades para que nunca esquezamos que nosa credibilidade pasa sempre polo camiño do amor misericordioso e compasivo, un amor de nai; OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ, SEÑOR
ü Por tod@s nós, para que escoitemos a túa voz que nos fala nas persoas que viven nas periferias existencias creadas por un mundo inxusto: persoas que sofren, as que están enfermas, as excluídas, as que carecen de oportunidades, as paradas, as presas, as que son vítimas da violencia; OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ, SEÑOR
Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nos falsos tabores dos templos, senón nos sorrisos e nas dificultades da vida, onde temos que saber descubrirte. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Cando nos esquecemos de nós mesmos,
cando nos esgotamos no servizo aos últimos,
cando vencemos a tentación de calquera apego,
cando aceptamos o sufrimento coma compañeiro,
cando soubemos perder,
cando xa non pretendemos gañar,
cando compartimos o que precisabamos,
cando arriscamos polo pobre,
cando enxugamos as bágoas do inocente,
cando rescatamos a alguén do seu inferno,
cando nos metemos no corazón do mundo
cando puxemos a nosa vontade nas mans de Deus,
cando nos purificamos do noso orgullo,
cando nos baleiramos de tanto consumismo superfluo,
cando nos sentimos feridos...
brilla en nós, gratis, a luz de Deus,
sentimos a súa presenza que recende a primavera,
nun perfume que envolve e reanima
Xa non precisamos outros tesouros.
Deus acompáñanos, fálanos, protéxenos.
Sentímonos nun mar de felicidade.
E se non estamos nas nubes,
é un Tabor que se nos ofrece de balde
para que disfrutemos xa o presente
e camiñemos firmes e sen temores.

Comentarios

Entradas populares de este blog

14 Domingo TO A 2017