21 Domingo TO A 2017


EN TEMPOS DE INVISIBILIDADE, REIVINDIQUEMOS A VISIBILIDADE QUE NOS DÁ A TOD@S O SER FILL@S DO DEUS QUE NOS CREA COA MESMA DIGNIDADE E IGUALDADE
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOS
ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)

LECTURAS: A túa Palabra (Nº 25)

OFERTORIO: Velaquí, Señor (Nº 37)

COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
ESCOITA ACTIVA
Nunca tanto coma hoxe temos escoitado a palabra invisibilidade: invisible é a morte -renegamos dun dos elementos da nosa condición humana: somos limitad@s e para un tempo-, invisible é a enfermidade, invisible é a pobreza, invisible é a limitación e a nosa incapacidade para moitas cousas –sobrevaloramos, entón, a aparencia-, invisibles son tantas e tantas persoas que nin son populares, nin teñen poder nin saen a todas horas nas televisións nin nas revistas. Pero, nos guste ou non, seguen a ser persoas coa mesma dignidade ca nós. Por iso esta mañá a chamada a cantos participamos na celebración é a de non deixarnos domear nin conquistar pola moda da invisibilidade; para que onde haxa a tentación da invisibilidade, poñamos nós a palabra que denuncia, que fai escoitar a voz dos sen voz, que non se acovarda ante as modas e a presión do que fan tod@s.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*        Porque moitas veces tamén nós caemos na tentación de facer invisible a nosa propia realidade, querendo aparentar o que non somos; SEÑOR, QUE NON NOS APARTEMOS DA TÚA MIRADA.

*        Porque nos falta sensibilidade diante da dor dos demais, e nos sobra autosuficiencia; CRISTO, QUE NON NOS APARTEMOS DA TÚA MIRADA.

*        Porque nos sobran palabras e nos faltan feitos; SEÑOR, QUE NON NOS APARTEMOS DA TÚA MIRADA.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·        Dereito, non de xuíces, senón de igualdade de recoñecemento e trato, é ao que nos chama a Palabra de Deus constantemente. Porque sen esa igualdade e sen ese respecto duns para cos outros a salvación non sería máis ca una palabra baleira e oca. E se iso era así naqueles tempos, canto máis o é neste momento no que o medo, a inseguridade e o gregarismo que nos impide reflexión persoal e decisión responsable se vai impondo, á vez que lles serve aos manipuladores ao uso para dominar conciencias, encirrar corazóns e manipular desde a mentira ou a media verdade. Non caiamos nós tamén nesa maneira de actuar e facer! Recuperemos a conciencia, poñamos en xogo os valores, voltemos a vista á Palabra de Deus, e non esquezamos nunca que Deus creounos iguais e coa mesma dignidade, e ninguén, no nome de ningún Deus ou de ningunha ideoloxía, ten dereito a facer da manipulación e do engano o control e o dominio das persoas. Porque Deus non nos chama a poñernos sobre pedestais, senón a baixar deles para comezar a servir desde El, e non a servirse dos demais poñéndoo a El como escusa.



·        E só esta mensaxe que nos chega fresca e actual desde a Palabra de Deus poderá axudarnos a entender por que non debemos responder nin con espírito de vinganza nin de violencia á vinganza e violencia que uns poucos, non todos, queren impoñernos pola forza do terror. Deus acóllenos e bendinos, pero nós debemos responder a esta acollida e bendición que El nos ofrece. Só así descubriremos e entenderemos cal é a luz que desde El nos ilumina. A Deus non o podemos loar desde a violencia, o sometemento ou a mentira cara aos demais. E non podemos facelo así porque, non o esquezamos, a irmandade e a fraternidade son principios fundamentais e irrenunciables que veñen de seu co Deus cristián. No seu nome non se mata, non se maltrata, non se viola, non se corrompe... inda que hai persoas que utilizando o seu nome si o fan. Pero, insisto, volvamos á raíz, e nela atopamos que o camiño non é ese, senón o do comunitario, a participación, o compromiso solidario e a busca do ben común. Aquí si que poderemos descubrir e entender por que Deus está e cal ha ser a nosa actitude no medio do mundo cada dia. El reconcilia, perdoa, practica a misericordia., escoita, acolle... por que nós, que nos dicimos seguidores seus, non facemos o mesmo?



·        Na loita pola visibilidade, na superación polo socialmente correcto, no esforzo, nada doado, por levar á vida de cada día os valores cos que se move Xesús, está a nosa tarefa permanente. Porque a fe non é teatralidade, senón esixencia e compromiso. Nas duras e nas maduras. E iso non sempre resulta nin comprensible nin aceptado. Por iso, á pregunta do Evanxeo de hoxe sobre o que di a xente sobre quen é Xesús, temos que responder desde os ollos ben e moi abertos á realidade; e tamén desde a coherencia PERSOAL, de cada un/ha de nós. Sen coherencia, que imos transmitir ? Sen honestidade, como imos ser capaces de que alguén se ilusione co que cremos e coa nosa maneira de actuar, coa vida que levamos? Sen esixencia persoal, e non costume nin rito, como imos ser capaces de sentir que a fe ocupa un lugar fundamental e importante na vida á hora de tomar decisións e facer as cousas? Deus non é o recurso de última hora que nos congrega nun enterro con moita xente e un coro que cante. Deus é un Deus persoal e de vivos. Poñamos canto estea na nosa man para entendelo e seguilo.

FRATERNIDADE ORANTE

Rezamos xunt@s a este Deus que nos urxe a que o mostremos desde a vida que levamos, e non desde os ritos que realizamos. Fagámolo dicindo xunt@s:

GRAZAS, SEÑOR, POR ACOMPAÑARNOS

o   Para que sexamos unha Igrexa sen medos nin teatralidade, unha Igrexa de compromiso e testemuño, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR ACOMPAÑARNOS

o   Para que traballemos por ser parroquias sempre solidarias, testemuñando a vida, e non cumprindo ritos, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR ACOMPAÑARNOS

o   Para que non nos enganemos creando falsas ilusións; senón que vaimos construíndo a vida poñendo os pés no chan e tocando os problemas e dificultades que nós e os demais nos atopamos cada día, para que Deus sexa a forza e o alento desde onde afrontalos, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR ACOMPAÑARNOS

Señor, poñemos a vida nas túas mans. Segue acompañándonos a pesares das nosas feblezas e inconstancias. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Señor, seducíchesme e deixeime seducir;

collíchesme e puideches comigo.

Sirvo a cotío de burla;

a destrución é o meu pan.

Sempre que falo, teño que proclamar: ¡Desastre!;

teño que clamar: ¡Destrución!

A palabra do Señor volveuse para min un escarnio, unha burla continua.

Se digo: "Non me vou acordar máis del,

non falarei máis no seu Nome",

entón a súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón,

un lume prendido nos meus ósos;

fago forza por apagalo, pero non son capaz.

Xa estou oíndo a sentencia,

aumenta o terror ó arredor:

"Denunciádeo, denunciémolo".

Todos os que se fiaban da miña mensaxe de paz,

agardan a miña caída:

"A ver se se deixa seducir: poderemos con el, e vingarémonos del".

Polo Señor suspiro, como por un forte loitador;

por isto os meus perseguidores caen, non me poden.

(Xer 20, 7ss)

Comentarios