14 Domingo TO A 2017


MANSOS E HUMILDES, SI. DOMESTICADOS, NON

Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
ö ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
ö LECTURAS: A túa palabra (Nº 25) 
ö OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
ö COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESCOITA ACTIVA

Hai que facer discípulos, non prosélitos... non basta que deas o Evanxeo, has de abrir coa túa vida a paixón por comelo”. Esta cita de Pedro Casaldáliga axúdanos a situar a nosa celebración de hoxe. Si, porque Aquel que é a nosa bendición preséntasenos de xeito modesto, sinxelo e sen facer apenas barullo, como sen que se note.... pero si que está. E está para converter a nosa vida nunha treboada de disposición e esforzo por levar sorriso de dignidade e xustiza alí onde a violencia, o abuso e a utilización das persoas para fins interesados acabaron impóndose. Está para alentar e encher a nosa vida de valores, actitudes e opcións nas que a igualdade e dignidade humanas son berce de presenza de Deus... Paga ou non a pena embarcarse nesta apaixoante tarefa?.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*        Por non confiar en Ti para poder aprender da túa gratuidade; SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.

*        Por non ser capaz de levar a forza da túa bendición a quen se sente angustiado e sen esperanza; CRISTO, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.

*        Porque somos cristiáns consumidores de ritos: vodas, bauticeiros, rosarios e novenas, pero andamos moi lonxe de aterrar para encarnar a fe no aquí e no agora; SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·        Non estaría de máis que tod@s; pero dun xeito especial os que presiden e acompañan as nosas comunidades, meditasen paseniñamente o que hoxe nos di o Señor por boca do profeta Zacarías; que sigue alentando a esperanza do pobo. Nun tempo no que camiñamos na desesperanza e no desalento, nun tempo que os profetas de calamidades describen coma tempo de apocalipse, de persecución, de desastre… o profeta lémbranos que Deus segue a camiñar con nós… pero non desde unha estrutura piramidal (que tantas nostalxias levanta), senón desde unha estrutura de comuñón. Non desde a xuntanza do poder e da Igrexa, senón desde o camiño da sinxeleza. Non desde as parafernalias nas que moitas veces se teñen convertido as nosas celebracións, senón desde a valoración das cousas pequenas que van tecendo a tea da nosa vida: un sorriso alentador, unha man no traballo, un rato de compaña….

·        Se o que queremos é vivir a vida sabendo e aprendendo a integrar nela a fe, non é necesario facer cousas raras e estrañas, senón coller o rumbo que nos orienta cara un Deus que se implica no que nos pasa, no noso sufrimento e na nosa ledicia; na nosa tristura e na nosa esperanza, para poder logo afastar a tentación ben de crernos superiores aos demais ben sentírmonos incapaces e medorentos. O Deus de Xesús, é o Deus da vida e de canto fai que o mundo no que vivimos non sexa o mundo no que triúnfan os corruptos, ou a sucia burocracia que fai negocios coas persoas. O Deus no que cremos que nos reúne nesta celebración, non é polo tanto o Deus da demagoxia e o engano, senón do amor. E o amor, como ben di Paulo solo se pode mostrar nas boas obras que facemos, non para nós e o noso proveito, senón por e para o ben dos demais.

·        Só deste xeito entenderemos por que Xesús nos invita a achegarnos a El. Porque nos temos cansado e gastado a favor dos demais, non de buscarnos a nós mesmos, senón de buscalo a El no traballo a favor dun mundo máis xusto e igualitario, no que Deus está presente e nos chama a atopalo na mansedume, que non servilismo, e na humildade do noso facer, dando lugar a un corazón entregado á solidariedade e a causa da paz. Xesús nin nos trae nin nos invita a ter poder, senón que nos mostra que o camiño, a sinxeleza e a honestidade do traballo que non deixa que ninguén se aproveite da boa fe dos sinxelos

FRATERNIDADE ORANTE

Desde a apertura de corazón á que nos chamas, poñemos agora a nosa oración na túa confianza, para que sintamos a túa presenza no noso camiñar cotián, e dicímosche xuntos:
QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME
Ø Por unha Igrexa que non perda tanto tempo en dogmatismos, senón que saiba cargar cos xugos de tantos irmáns entristecidos e desacougados, OREMOS. 
QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME
Ø Polas nosas comunidades, para que a fe que compartimos nos leve a avanzar coa realidade na que estamos e vivimos, implicando aí a nosa vida, OREMOS. 
QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME
Ø Por cantos estamos abert@s á palabra hoxe proclamada, para que a acollamos de verdade, e non deixemos que esvare por nós convertida en rutina, desgana e ritualismo; OREMOS.
QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME
Grazas, por dar luz a unha vida tantas veces chea de sombras, e necesitada da túa claridade. P.X.N.S. Amén. 

MIRADA DIFERENCIADA
Confía na súa palabra: non temas.
Confía na súa promesa: terás a lumieira das estrelas.
Confía na súa bendición: terás froitos de amor.
Confía na súa presenza: eu estou contigo.
Confía no seu evanxeo: terás un fillo divino.
Confía nos seus dons: a efusión do Espírito.
Confía nos seus amores: lévote nas palmas das miñas mans e no meu corazón. Amén.

Comentarios