No mundo líquido e
individualista, construamos cultura de compaixón e achegamento
Entrada: Que
ledicia miña (Nº 4)
Lecturas: Escoita ti (Nº 26)
Ofertorio: Ti es o pan do ceo ( Nº 54)
Comuñón: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)
ESCOITA ACTIVA
Hoxe é o día do Corpus Christi, do Corpo de Cristo; a
festa da Eucaristía. E todos os anos neste día os bispos españois escriben un
texto coa finalidade de que nos axude a entender e celebrar con verdadeiro
sentido cristián esta festa relixiosa e cristiá. O deste ano ten coma título: “Chamados á comuñón". Con el
quérennos lembrar que sen capacidade para atoparnos, camiñar xuntos, saber
comprendernos, ser xenerosos, poñer a nosa mirada e o corazón no facerlle o ben
a quen vemos que se sente necesitado, ou esforzarnos para que o perdón e a
misericordia estean por riba da vinganza, o comentario ferinte ou as palabras
fóra de ton; sen todo iso, non pode haber Eucaristía. É dicir, que non nos
chega con vir á igrexa os domingos, por moi constantes que nisto sexamos, senón
que a Eucaristía non non se pecha nas paredes dos nosos templos, senón que se
prolonga nas rúas. Esas rúas polas que hoxe vai pasar a custodia co pan consagrado,
presenza de Cristo no medio do mundo, o noso, tan necesitado de pan que
alimente a xenerosidade e as ansias de encontro e sentido participativo e comunitario.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
1.
Porque o noso actuar non se asenta no que
favorece o respecto, a axuda e o perdón cara aos demais; SEÑOR, QUE
PRACTIQUEMOS O PERDÓN E ESQUEZAMOS O RANCOR.
2.
Porque non somos coidadosos coa natureza, casa
común, que Deus nos entregou para que a custodiásemos e coidaramos; CRISTO,
QUE PRACTIQUEMOS O PERDÓN E ESQUEZAMOS O RANCOR.
3.
Porque son
moitas as veces nas que pechamos os ollos a canto pasa ao noso redor, despreocupándonos
da dor e tristura de quen temos ao lado; SEÑOR, QUE PRACTIQUEMOS O PERDÓN E
ESQUEZAMOS O RANCOR.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·
Moisés,
estando o pobo en Exipto, fálalle moitas veces de que teñen que abandonar a súa
zona de conforto para volver a plantexarse, de xeito comunitario, a volta á súa
terra. Dilles que, como pobo de Deus, non era o sometemento senón a liberdade o
que había mover as súas decisións e o seu xeito de comportarse. Para iso era
necesario cambiar e non deixar que os días descorresen de xeito anodino e
rutinario; tiñan que tomar decisións, non podían esquecer onde estaban as súas
raíces. Tiñan historia compartida. O seu mundo non comezaba nin acababa en
Exipto. As palabras de Moisés van callando no corazón e na mente daqueles
israelitas que estaban sometidos ao control dos exipcios, e pouco a pouco
comezan a perder os seus medos, a lembrar que tiñan historia, moita historia
común; pero que tamén a eles lles tocaba seguir facendo historia para as xeracións
que virán despois deles. Todo iso vainos levando a recuperar o sentido comunitario
á hora de traballar, o desexo de volver á súa terra e vivir libremente, eles e
os seus descendentes; de non esquecer endexamais que non están solos, que Deus
segue, sen cansar, ao seu lado. Pois ben, todo isto que Moisés lle ía facendo
caer na conta aos israelitas en Exipto, pode tamén axudarnos hoxe a nós. Porque
a palabra de Deus non se fai vella, senón que se actualiza en cada momento e
situación histórica; e hoxe somos nós os que temos que facer memoria de
pertencer a unha comunidade que ten a Xesús como guieiro, unha comunidade que
recibiu o legado da fe dos teus antepasados: pais, avós... unha comunidade que
ten historia que nos chega do pasado e que ten como compromiso e tarefa non
deixala morrer, senón transmitirlla ás xeracións que veñan tras de nós. A fe, a
mensaxe de Xesús, a continuidade da comunidade cristiá non vai depender de
ninguén máis ca de nós, da nosa ilusión, da nosa alegría, da nosa capacidade de
seguir o camiño que nos mostra Xesús. Porque só cando un é testemuña
esperanzada de algo importante pode facer que os demais poñan nela os seus
ollos e o seu corazón. Como lle ocorreu ao pobo de Israel en Exipto, tócanos
hoxe a nós ser os transmisores da identidade que nos fai tamén sentírmonos pobo
de Deus, Igrexa, en camiño e sempre en actitude de ler os sinais dos tempos
para, desde eles, seguir anunciando que Xesús vive entre nós. A festa de Corpus
non é máis que un pequeno sinal ao lado de moitos outros.
·
E o Señor
non sae ás rúas soamente hoxe porque as adornamos con flores. Iso é o menos
importante. O Señor sae ás rúas para dicirnos que somos os continuadores daqueles
aos que invitou dicíndolles: "Ide e anunciade", non “quedade e
durmide”. O pan e o viño que sempre poñemos por riba do altar non son unha
representación do pasado nin un remedo de mala obra de teatro realizada por
actores afeccionados, senón actualización e presenza de que Deus quere estar
nas rúas porque é nelas onde se viven os "gozos e as esperanzas, as
tristuras e angustias" das persoas que temos o mundo como casa común. E se
a casa é de todos, a todos nos corresponde termar dela para que non se veña
abaixo. Temos pensado moito nisto? Ser hoxe corpo de Cristo é ser cidadáns do
mundo, o que esixe conservalo, coidalo, custodialo para que todos sen exclusión
teñamos acubillo nel; para que todos sen exclusión sexamos respectados e
recoñecidos como persoas; para que todos sen exclusión compartamos tellado que
nos protexe ante as inclemencias da vida, que moitas veces chegan en forma de
furacán. Aquí é onde está a verdadeira e auténtica comuñón que neste día do
Corpus Christi celebramos os seguidores de Xesús.
·
Esforcémonos
entón por vivir unidos, por celebrar con cariño, acollida e respecto; por
comportarnos de maneira que os nosos ollos non se queden parados nas custodias
de ouro e prata que saen hoxe ás rúas, senón nas custodias de carne humana –as
persoas- que non só hoxe, senón que tódolos días están nas nosas rúas porque
non teñen onde vivir, non teñen quen pare con eles e lles dedique un pouco do
seu tempo e da súa atención; non teñen quen os visite e lle leve compañía e
tempo compartido, se faga voz que é escoitada polos que toman decisións e
mandan pero que son incapaces de ver se esas decisións son un servizo aos máis
excluídos e descartados, ou só titular de periódico que ao día seguinte xa se
ten esquecido. Corpus é a celebración do recoñecemento do Deus que camiña polas
nosas rúas dentro da custodia de carne dos corazóns entristecidos e magoados
que, cada día, seguen a ser máis. Camiñemos polas nosas rúas non vendo como pasa
este Deus presente nos "ninguén", os cada vez máis marxinados, senón
uníndonos para que poidan ser resarcidos do esquecemento e desprezo ao que os
temos levado para que entre todos poidamos de verdade ser casa común baixo cuxo
tellado todos teñamos oco.
FRATERNIDADE ORANTE
Chamados a construír entre todos nós unha
espiritualidade de comuñón que nos leve a preocuparnos dos demais, e non só do
noso; digamos xuntos neste día no que o Señor nos invita a poñer a nosa mirada
nas rúas e a recoñecelo nos máis pobres:
QUE CONSTRUAMOS CANLES PARA VIVIR A COMUÑÓN COS QUE SOFREN
æ Para que a Igrexa sexa de verdade tellado onde poder acubillarse cantos se
senten sen casa, sen traballo, sen familia ou sen ninguén que os escoite,
alente e axude; OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS CANLES PARA VIVIR A COMUÑÓN COS QUE SOFREN
æ Para que pensemos se nas nosas parroquias estamos a facer o esforzo por
preocuparnos de que ninguén quede sen teito onde descansar, comida coa
alimentarse ou compañía para vencer a soidade e superar o individualismo no que
tantas veces nos movemos; OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS CANLES PARA VIVIR A COMUÑÓN COS QUE SOFREN
æ Para que nós fagamos da comuñón unha verdadeira experiencia de poñer a nosa
mirada e o noso corazón nas persoas que máis sofren e ás que menos caso se lles
fai; e sexamos para elas alimento que os acolle, acompaña e nunca os rexeita;
OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS CANLES PARA VIVIR A COMUÑÓN COS QUE SOFREN
Señor, que sexamos custodios
da casa común que nos deches e de canto nela puxeches. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DIFERENCIADA
Queremos ser ámbito de comuñón e construtores de
comunidade. Necesitamos cultivar unha verdadeira espiritualidade de comuñón ao
estilo daqueles primeiros cristiáns que vivían unidos e tiñan todo en común,
porque eran asiduos na ensinanza dos apóstolos e en partir o pan.
A
“Espiritualidade de comuñón significa ante todo unha mirada do corazón cara ao
misterio da Trindade que habita en nós, e cuxa luz ha de ser recoñecida tamén
no rostro dos irmáns que están ao noso lado”.
A
“Espiritualidade de comuñón significa, ademais, capacidade de sentir ao irmán
de fe na unidade profunda do Corpo místico e, por tanto, como “un que me pertence”,
para saber compartir as súas alegrías e os seus sufrimentos, para intuír os
seus desexos e atender as súas necesidades, para ofrecerlle unha verdadeira e
profunda amizade”.
A
“Espiritualidade de comuñón é tamén capacidade de ver ante todo o que hai de
positivo no outro, para acollelo e valoralo como regalo de Deus: un “don para min”.
Ademais de ser un don para o irmán que o ten recibido directamente”.
(Da mensaxe dos bispos españois para a
festa do Corpus Christi 2017)
Comentarios