Ir al contenido principal

Xoves Santo 2017


ESQUEMA

1)      CANTO DE ENTRADA
2)    ESCOITA ACTIVA
3)    CORAZÓN MISERICORDIOSO
4)    GLORIA
5)    ORACIÓN COLECTA
6)    PROCLAMACIÓN DA PALABRA
1ª Lectura: Ex 12,1-8.11-14
2ª Lectura: 1 Co 11,23.26.
Evanxeo: Xn 13,1-15

7)    OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
8)    CREDO
9)    FRATERNIDADE ORANTE
10)    OFERTORIO
11)   NOSO PAI
12) PAZ
13) COMUÑÓN
14) ACCIÓN DE GRAZAS
15) TRASLADO AO MONUMENTO
16) ALTARES: RETÍRANSE OS MANTEIS

Descarga o ficheiro


A festa do amor que fai do servizo entrega e xenerosidade
SINAL: A celebración é rica en contido, por iso consideramos que o único sinal podería ser poñer no lugar onde imos trasladar ao Santísimo o sinal que fomos construíndo ao longo da coresma. O corazón de pedra transformado en corazón de carne.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Onda Ti, Noso Pai (Nº 120)
GLORIA (Nº 14)
LECTURAS: O amor é o meirande (Nº 119)/Xesús é Señor (Nº 16)
OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
SANTO (Nº 39)
PAZ (Nº 46)
COMUÑÓN: Pan do ceo (Nº 53)
ADORACIÓN SANTÍSIMO: Salve, Santo Sacramento (Nº 117)
Podo do divino e humano En estrañas linguas falar
       Temos moita capacidade de dicir cousas, inda que non temos esa mesma capacidade para pensar todo canto dicimos. A celebración desta tarde non quere quedar en simples palabras, senón que quere avanzar ata chegar a ser vida, feitos, accións, comportamentos. Porque falar do amor, nas súas múltiples concrecións non é moi difícil. Porén, ser capaz de facer do amor o motor que faga que nos acheguemos a quen nos necesita, que acompañemos a quen está solo, que alentemos a quen se sente deprimido, que non calemos ante quen está a sufrir maltrato ou calquera outra vexación... é todo un reto, e supón sempre pasar da mediocridade silenciosa ao risco de ser mal mirado. Nesta tarde na que, nas linguas nas que nos entendamos, queremos falar do divino desde o servizo ao humano, non deixemos que as palabras bonitas secuestren a riqueza do noso actuar. Poñamos amor e non indiferenza.

Se non teño amor son talmente como o badalar da campá
·     Polas veces nas que non somos máis ca un pandeiro que fai barullo, pero non man que agarima; SEÑOR, ACHÉGANOS A TÚA TENRURA.
·     Polas veces nas que reducimos o amor a simples palabras, esquecéndonos das persoas; CRISTO, ACHÉGANOS A TÚA TENRURA.
·     Polas veces nas que non convocamos como o fai a campá, senón que desunimos e espallamos; SEÑOR, ACHÉGANOS A TÚA TENRURA.

GLORIA
(Cantado (Nº 14))
LECTURAS
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón:
- "Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ao que cada un poida comer. O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode ser o mesmo un año coma un cabrito. Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. Comerdes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.
Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do Señor.
Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor. O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.

Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa de precepto por tódalas xeracións.
PALABRA DO SEÑOR

CANTO: O amor é o meirande (nº 119)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".
Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volte.

PALABRA DO SEÑOR
CANTO: Xesús é Señor (Nº 16)


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
E mentres ceaban -xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase-, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
- Señor, ¿vasme lavar os pés ti a min?
Xesús respondeulle:
- O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.
Pedro replicoulle:
- Ti non me lavarás os pés a min endexamais.
Xesús respondeulle:
- Se non te lavo, non terás parte comigo.
Exclamou Simón Pedro:
- Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza.
Dille Xesús:
- Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".
Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
-¿Comprendedes o que fixen convosco?. Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

PALABRA DO SEÑOR

O amor é o meirande dos dons que nos veñen de Deus
ü Poñendo os pés na terra, e desde todo canto hoxe estamos a celebrar en todas as comunidades cristiás, non só nos sentimos movidos a escoitar a súa palabra; senón que El nos urxe a poñela en práctica, a darlle vida, a superar a tentación de facela palabra vella, morta e sen capacidade transformadora.
ü E só podemos superar esta tentación de facer insubstancial a palabra de Deus se nos esforzamos en prestar atención cando se proclama, en interiorizar o que temos escoitado, e, lendo os sinais dos tempos nos que vivimos, aprender a facer da palabra pregoeira do actuar humanizador e solidario con todas aquelas causas que dignifiquen ao ser humano. Todas aquelas causas que fagan del o centro; que non se deixen levar pola forza do mimetismo da maioría, falta de creatividade e sempre disposta a resaltar o negativo das cousas, no canto de potenciar o bo, o que une, o que anima, o que conmove, o que cambia verdadeiramente o corazón.
ü Un corazón que, como fomos vendo ao longo da coresma, se nós queremos, podemos cambiar para facer que a dureza e friaxe da pedra que fai invisibles ás persoas e pon distancia entre nós, mude nun actuar que escoita, acolle, alenta e dá testemuño, porque o cre e vive do Deus de Xesús, a quen esta tarde acompañamos na mesa da Eucaristía, no servizo agarimoso e dispoñible dos nosos curas e no traballo, voluntario, gratuíto e sempre agradecido, dos moit@s vountari@s das Cáritas que dun cabo ao outro do mundo escoitan, serven e acompañan a quen se sente excluído e non recoñecido. Agradezámoslle ao Señor que nos teña agasallado neste Xoves Santo coa invitación a ir camiñando, paseniñamente, pero sen estancarnos, polos vieiros que fan do noso corazón de carne:

o  don de fraternidade
o  don de servizo
o  don de xenerosidade

O amor é O misterio, que a todos nos custa entender
Desde o misterio deste amor sempre xeneroso e rebordante que celebramos esta tarde, rezamos xunt@s a oración comuitaria dicindo:
GRAZAS, SEÑOR, POR ENTENDERNOS E ACOMPAÑARNOS NA VIVENCIA DO AMOR
1.  Pola Igrexa, para que abandone a súa zona de conforto, que a fai opresora ante os pobres e a asimila aos poderosos, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENTENDERNOS E ACOMPAÑARNOS NA VIVENCIA DO AMOR
2.  Para que as nosas comunidades parroquiais rompan coa rutina do costume e da falta de ilusión, incapaces de testemuñar que Deus, desde o noso actuar, faise servizo, solidariedade e entrega xenerosa, OREMOS
GRAZAS, SEÑOR, POR ENTENDERNOS E ACOMPAÑARNOS NA VIVENCIA DO AMOR
3.  Para que o testemuño de tantas persoas voluntarias, que poñen o seu tempo ao servizo dos máis débiles e esquecidos, mova os nosos corazóns non só a non desconfiar da súa entrega, senón que a colaborar coa nosa axuda material nas súas causas solidarias, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENTENDERNOS E ACOMPAÑARNOS NA VIVENCIA DO AMOR
4.  Polas comunidades cristiás que esta tarde celebramos, dun cabo ao outro do mundo, que Deus se encarnou facéndose amor no pan da Eucaristía, na Palabra proclamada e no corazón capaz de sentir o latexo do irm@n, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENTENDERNOS E ACOMPAÑARNOS NA VIVENCIA DO AMOR
5.  Por todos os sacerdotes, que hoxe celebran o mandato de Xesús de "facede isto en memoria de min", para que non caian/mos na tentación de ser funcionarios ao servizo do carreirismo intraeclesial/clerical, senón verdadeiros e alegres servidores dos máis pequenos e esquecidos, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENTENDERNOS E ACOMPAÑARNOS NA VIVENCIA DO AMOR
Acolle Señor a oración que nesta tarde de fe e servizo compartimos xunt@s reunidos no teu nome. P.X.N.S. Amén.
O amor é o Meirande dos dons que nos veñen de deus
Grazas porque o misterio da túa presenza non nos deixa caer no pragmatismo.
Grazas porque inda que nos custa entender e somos duros para facelo, segues a ser xeneroso con nós.
Grazas porque ante o noso amor tantas veces circuitado, ti segues a amarnos de xeito incondicional.
Grazas porque nos ofreces a Eucaristía como encontro alegre de xustiza compartida.
Grazas porque na túa pedagoxía cabemos tod@s, e a tod@s nos prestas atención; especialmente aos que máis necesitan a túa tenrura.
Grazas porque non cansas de insistir de que só quen serve pode entender o que é o amor.
Grazas porque fas da acollida man que entrelaza e non se solta a pesares das dificultades e desatinos polos que pasamos.
Grazas por nos urxes para que sexamos capaces de experimentar o amor no servizo e na entrega aos máis necesitados e invisibles do noso mundo: as maltratadas, os abusados, as perseguidas, as esquecidas, as violadas, as explotadas...
Grazas, Señor, porque inda que nós marchamos e te deixamos só, Ti permaneces fiel e sempre á nosa espera.
Traslado do Santísimo ao Monumento
(Facémolo en silencio; unha vez alí, cantamos Salve santo sacramento)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor