POUCAS VECES, QUEN RECIBE O QUE NON MERECE, AGRADECE O QUE RECIBE
Descarga o ficheiro* ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
* LECTURAS: Escoita ti a Palabra de Deus (Nº 26)
* OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
* COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
ESCOITA ACTIVA
Confianza, si confianza é a actitude que
debera primar na nosa relación con Deus. Porque só quen a plantexa desde ela
pode entender que ao dicir Deus estamos manifestando que nel poñemos a nosa
confianza, que del recibimos a forza para afrontar proxectos e superar
dificultades, que desde El imos tentando que o noso camiñar cotián vaia
sementando xenerosidade, fraternidade e tenrura alí por onde pasemos. A
celebración de hoxe invítanos a superar a tentación da desconfianza, para
reunirnos xunt@s ao redor do altar que nos fai sentir irmáns e irmás para quen
Deus é sentido, acollida e achega cara quen está ao noso lado.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Por ser demasiadas veces desconfiados e
fríos de corazón; SEÑOR, AQUÉCENOS COA
TÚA TENRURA.
· Por non ser capaces de afrontar a busca da
verdade desde a misericordia; CRISTO,
AQUÉCENOS COA TÚA TENRURA.
· Por non deixar que a vida sexa guiada pola
busca do irm@n para facer posible a o traballo comunitario; SEÑOR, AQUÉCENOS COA TÚA TENRURA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
* No tempo no que parece que todos temos
dereitos, pero non obrigas –deberes- a Palabra de Deus chama a nosa atención
para que baixemos da nosa nube persoal e non esquezamos que necesitamos poñer
os pés no chan e pisar con forza, porque é no chan onde nos imos dando conta de
que necesitamos ser realistas, e evitar teorizar creando mundos paralelos pero
irreais. Tanto o libro dos Reis como a carta de Paulo dannos un baño de
realismo para que nunca perdamos a perspectiva de que somos limitados, humanos,
con erros e necesitados uns dos outros. Isto supón que aprendamos a confiar, a
escoitar e a traballar buscando o ben de todos, e non só o noso propio interese
ou o dos que tamén penan coma nós. Naamán confiou; pero no tempo no que vivimos
o que practicamos non é tanto a confianza como a desconfianza, non tanto a
xenerosidade como a utilización dos demais, non tanto a acollida como a
exclusión. Por iso é tan importante ter unha actitude receptiva e de escoita
ante a palabra de Deus. Aprendamos a ver e vivir a vida como un agasallo que
recibimos, que debemos coidar e transmitir, tamén como se fose un agasallo, aos
que veñen tras de nós. Porque só así seremos capaces de entender desde a mirada
de Deus, que como ben sabemos, é unha mirada bastante distinta da nosa.
* Cantémoslle ao Señor o cántico novo do
servizo, a alegría, a escoita ou o tempo compartido cos demais. A isto invitaba
Paulo ao seu discípulo Timoteu. Porque só desencadeando a Palabra de Deus da
rutina, o costume ou a tradición, seremos capaces de entendela e vivila coma
unha experiencia nova e xeradora de actitudes que nos leven a espertar en nós a
xenerosidade e a dispoñibilidade para actuar buscando o ben de todos, o ben
común, e non só o noso interese. Vivir para Deus quere dicir que loitamos por
facer da nosa vida un esforzo por poñer ás persoas no centro de canto facemos.
É aí onde a salvación adquire toda a súa forza e sentido.n Francisco, o papa
actual, non cansa de repetilo unha e outra vez cando desde a súa experiencia de
misericordia nos invita a seguir as pegadas de Xesús desde a confianza e o
agradecemento.
* Confianza
e agradecemento son dúas actitudes que o Evanxeo de hoxe quere poñer diante dos
nosos ollos para que lles prestemos atención e non deixemos que pasen de largo.
Xesús camiñaba, e ao longo do camiño ía atopándose con xente; xente que se
achegaba con expectación, buscando o que non tiñan: esperanza, alguén que os
defendese ante os poderosos, quen non os utilizase para os seus propios
intereses.... tamén os había que o seguían para ver como poder collelo nun
renuncia, en algo do que poder acusalo ante as autoridades. Sexa dun ou doutro
xeito, a persoa de Xesús non deixa indiferente a ninguén. O seu paso, o
encontro con El produce sempre unha reacción. Hoxe, aqueles gafos (leprosos)
buscábano porque lle interesaba. Escoitaran falar del, e querían ver se era
verdade o que del se dicía. No fondo, o que trataban era de solucionar o seu
problema, que non era pequeno. Os gafos no tempo de Xesús, e durante moito
tempo tamén despois, eran tratados como apestados dos que había que separarse e
marcar distancia, non fora que contaxiaran o seu mal. Eles escoitaran que Xesús
non desprezaba, pero ademais tamén curaba, por iso andaban á súa procura. Cando
se atopan con El, e despois de ter solucionado o seu problema –ser curados– só
un volveu para facer o que, en principio, debía ser unha reacción de todos: dar
garzas. Pero só volveu un, os outros, parece que eran de memoria fráxil. E
aquel home, achegándose de novo a Xesús, mostra que entendera que a gratitude é
a mellor maneira de expresar a confianza e a alegría de quen se sente acollido.
Sería bo que tamén nós esta mañá nos preguntásemos se de verdade a nosa
confianza en Deus nos leva a saber volver para agradecer, ou mais ben somos dos
que, unha vez que temos amañado o problema, damos as costas e xa non nos
lembramos de quen puxo cariño, tempo, palabra e dispoñibilidade para con nós.
Parémonos logo e pensemos como está sendo a resposta que imos dando á
confianza, ao amor, ao respecto e ao recoñecemento que Deus fai de cada un e
cada unha de nós. Para El non somos cousas, nin algo indefinido, senón homes e
mulleres con nome, con vida aos que El se achega para dicirnos: quérovos,
querede tamén vós.
FRATERNIDADE ORANTE
Cantémoslle
coa nosa oración comunitaria, a cantiga nova ao Señor da confianza e
xenerosidade dicindo xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS A CAMIÑOS DE
ENCONTRO E AXUDA
* Para
que desde dentro da Igrexa colaboremos e traballemos xunt@s desde actitudes de
confianza, axuda e xenerosidade, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS A CAMIÑOS DE
ENCONTRO E AXUDA
* Para
que aprendamos a valorar que ser Igrexa pide de nós saber mirar aos ollos aos
demais, achegándonos e ofrecéndonos para construír traballo en común desde a
participación que non exclúe, senón que integra e acolle, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS A CAMIÑOS DE
ENCONTRO E AXUDA
* Para
que sexamos capaces de darlle contido de boas obras e de actuar responsable, ás
palabras que nos chaman a practicar a solidariedade, o diálogo e a axuda
xenerosa a quen nola pida, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS A CAMIÑOS DE
ENCONTRO E AXUDA
Acolle,
Señor, canto poñemos baixo o teu amparo e a túa confianza, sabendo que sempre
estás disposto a escoitarnos e acompañarnos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Señor Deus, douche grazas
por este domingo no que nos reunimos ao pé do altar; unha oportunidade de
achegarme máis a ti e de sentir a presenza dos irmáns que comparten a confianza
en ti e no teu proxecto de amor.
Grazas por ter unha
familia onde nos sentimos queridos e experimentamos a graza da axuda e
colaboración duns para cos outros; grazas polos amigos que me ofrecen o seu
tempo, o seu sorriso e a súa man cando a necesito; grazas tamén por todas as
cousas que vas poñendo ao longo das partes do meu camiño.
Que a forza e a presenza
do Espírito Santo vaia iluminando cada un dos pasos deste meu camiño, e que a
través deles perciba o alento da túa presenza e xenerosidade.
Bendí Señor Xesús os meus
beizos para que dean testemuño da túa misericordia e do teu amor; unxe Señor
Xesús as miñas mans co perfume da túa dispoñibilidade a quen me necesite; abre
os meus ollos para que vexan o teu esplendor e así poder terte como luz que dea
claridade ás miñas decisións que cada día tome. Amén.
Comentarios