Ir al contenido principal

23 domingo TO C 2016


No mundo pretendidamente feliz no que vivimos, onde cada vez hai máis persoas solas e esquecidas, estamos chamados a ser, os seguidores de Xesús, presenza agarimosa e tenra, portadora de esperanza e alegría
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
* ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)
* LECTURAS: Escoita ao Señor, pois El contigo está (Nº 15)
* OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)
* COMUÑÓN: Todos xuntos (Nº 56)
ESCOITA ACTIVA
Non hai moitos días aparecía no xornal unha noticia que chamaba a atención aos que a liamos. En Roma, unha persoa, ante os laios cada vez máis fortes provintes do piso dos seus veciños; un matrimonio de 94 e 89 anos respectivamente, chamou á policía. Cando esta chegou, o que se atopou foi a estas dúas persoas maiores solas e chorando con desespero. Resulta que había moito tempo que ninguén viña visitalos, que ninguén os chamaba por teléfono; mesmo os veciños tampouco se achegaban a preguntar como se atopaban. Un dos policías, namentres o outro falaba cos anciáns, achegouse á despensa e colleu alimentos para prepararlles o xantar. Na foto que logo se publicou, aparecían os policías fregando, logo de ter cociñado para eles, namentres as dúas persoas que vivían no piso estaban a comer.
Que mundo estamos a construír? Temos teléfonos, tablets, ordenadores... que nos comunican con persoas que están a miles de quilómetros e nos manteñen en contacto, non físico, senón virtual, con moita xente. Pero somos cada vez máis indiferentes ao que lle pasa a quen temos ao lado, preto. É este xeito de facer as cousas o que lle queremos deixar ás xeracións que veñen tras de nós? Endurécesenos xa tanto o corazón que non nos queda nada de humanidade para botar unha parrafada, facer unha visita, provocar un sorriso ou achegarnos a que vive preto de nós , e sabemos que está sol@? A rapidez coa que vivimos, a superficialidade coa que tratamos ás cuestións fundamentais da vida do ser humano estannos a levar a esta calella na que cada vez as persoas se senten máis solas e desatendidas.
Recemos xuntos esta mañá e pidámoslle ao Señor que non endurezamos o corazón, senón que saibamos ser tenrura e agarimo de Deus para os irmáns.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Porque poñemos sobre os demais a mirada de superficialidade, e non a mirada de Xesús; SEÑOR, AXÚDANOS A SER SINXELOS DE CORAZÓN E VIDA.
·      Por crernos insubstituíbles, indispensables e por cremos que o sabemos todo; SEÑOR, AXÚDANOS A SER SINXELOS DE CORAZÓN E VIDA.
·      Porque moitas veces deixamos que o arrouto, e non a reflexión, sexa o que marque o noso camiño; SEÑOR, AXÚDANOS A SER SINXELOS DE CORAZÓN E VIDA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      Non vai descamiñado o libro da Sabedoría cando afirma que os pensamentos dos mortais son covardes. Son covardes porque moitas veces o que pasa pola nosa cabeza non é promover unha relación de igualdade, sinxeleza e sinceridade para cos demais, senón o intento de dominar, impoñer, mandar e facer de menos o que outros me poidan aportar ou enriquecer coas súas achegas. E esta covardía acaba por facernos mediocres e mesquiños, porque somos conscientes das nosas limitacións, pero aparentamos todo o contrario, mostrando unha falsa imaxe de quen e como somos. E isto cada vez, tristemente, vai a máis, facéndonos individualistas, soberbios e autosuficientes, como se puideramos prescindir dos demais e non necesitar do que os outros nos poidan aportar. A consecuencia estámola a ver cada día: persoas soas e faltas de cariño, incapacidade para a empatía, imposibilidade de dialogar con quen pensa distinto, violencia... Pero Deus non cansa, e segue a lembrarnos de que estamos feitos, para que non nos enganemos nin perdamos o rumbo: o corpo é corruptible, e a sabedoría non está nun, senón na nosa capacidade de escoitar e aprender dos outros.

*      Diante desta maneira de ir construíndo sociedade na que vivimos, Deus segue a manter a mesma mensaxe: "El é o noso agarimo de xeración en xeración". Na nosa finitude acompáñanos; no no esforzo vaise facendo presente; no noso ir aprendendo ensínanos como bo mestre, para que a fartura da súa misericordia poida chegar ata nós, e a nosa vida se vaia enchendo de ledicia e felicidade. Por que entón somos tan duros de oído para non escoitar a súa palabra, para darlle as costas e facer o contrario, sabendo que iso só leva á tristura e á soidade? Cústanos tanto percibir o seu agarimo e facer del o noso xeito de corresponderlle co trato dispensado aos demais? Pero para poder cambiar o corazón e a dinámica da nosa vida non debemos esquecer que canto fagamos e nos propoñamos ha estar sempre guiado pola liberdade. Canto se fai con forza, sen que saia do interior de nós, non só non vale, senón que tampouco paga a pena, pois convértenos en escravos que agardan ao momento no que chegue a súa liberdade para rebelarse. Poñamos siso á nosa vida, pensemos cal é o camiño polo que a levamos, parémonos a reflexionar e distinguir que é o importante e que o secundario, e fagamos do vivir cotián un esforzo por descubrir as nosas limitacións e acoller a axuda que outros nos poidan ofrecer para ilas superando.

*      Se nos poñemos a esta tarefa, entenderemos mellor o que di Xesús no Evanxeo de hoxe. El fálanos da importancia de non acomodarnos, de saír das nosas zonas de conforto, de esforzarnos por ser persoas loitadoras que non se deixan dominar polo que pensan ou fan todos. As maiorías valen no momento das eleccións; pero na vida, nas decisións que temos que tomar, non. Poden moitos facer a mesma cousa, pero se esta está mal, por moito que se repita sempre será algo negativo. Esteamos logo dispostos a romper con todas as ataduras que non deixan que nos sintamos verdadeiramente humanos, persoas dispostas a unir e non a enfrontar; a vivir a solidariedade e non a enganar aos demais no noso propio beneficio. Por iso o Evanxeo é esixente e obríganos, se queremos entendelo e vivilo desde o estilo de Xesús, a renunciar a cousas, comportamentos e actitudes que, inda que poidan parecer aparentemente o mellor, o de máis éxito, o que suscita os aplausos de todos, co tempo acaban facéndonos persoas tristes e sen ilusión. É este o sentido que queremos darlle a nosa vida?
FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus é amor e nos invita sempre a sentírmonos comunidade, recemos agora xunt@s dicindo:
QUE TE SIGAMOS DESDE A CERCANÍA AOS IRMÁNS
·      Para que na Igrexa saibamos facer do diálogo, a escoita e o traballo en común o camiño que nos achegue á invitación de Xesús de ser testemuñas no medio dun mundo plural e necesitado de entendemento, OREMOS.
QUE TE SIGAMOS DESDE A CERCANÍA AOS IRMÁNS
·      Para que nas nosas parroquias fagamos sempre o esforzo por fixarnos nos que están preto de nós, evitando camiñar na intransixencia de quen pensa que sempre ten a verdade; e na indiferenza de quen pensa que non necesita dos demais, OREMOS.
QUE TE SIGAMOS DESDE A CERCANÍA AOS IRMÁNS
·      Para que nós, facendo neste momento memoria agradecida da vida, lembremos ás persoas que teñen pasado pola nosa vida, vivas ou xa non, e que foron deixando pegada de colaboración, preocupación polos demais e esforzo por facer cousas para o goce de tod@s, OREMOS.
QUE TE SIGAMOS DESDE A CERCANÍA AOS IRMÁNS

Grazas, Señor, por invitarnos un día máis, a compartir este momento de oración comunitaria, facendo memoria de todo canto fuches poñendo en nós para compartilo cos demais en forma de valores e actitudes de amor e respecto. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
As comunidades cristiás non poden pechar os ollos diante do fenómeno nefasto dos nenos e das mulleres que gañan a vida ou viven nas estradas ou na rúa. É importante involucrar ás diferentes expresións da comunidade cristiá presentes en varios países, co fin de eliminar as causas que obrigan a un neno ou a unha muller a vivir na rúa ou a gañar a vida na rúa. Non podemos evitar levar a bondade e a tenrura de Deus Pai Misericordioso a todos, especialmente aos máis vulnerables e desfavorecidos; porque a misericordia é un acto supremo mediante o cal Deus sae ao noso encontro. Ela é o camiño que abre o corazón á esperanza.

(CEE, Ao servizo da caridade. Xubileu da Misericordia 21)

Comentarios

Entradas populares de este blog

32 domingo TO A 2107

SABIOS CON "PEDRIGRÍ" OU SERVIDORES DO TRABALLO ESFORZADO E MADURADO NO TEMPO? Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)LECTURAS: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)ESCOITA ACTIVANun mundo no que a sabedoría se mide pola cantidade de títulos universitarios, mestrados ou doutorados, a primeira lectura volve poñer o acento sobre o importante, invitándonos a deixar nas beiras o anecdótico ou accidental. Só quen ama a aprendizaxe é capaz de descubrir e valorar o que significan esforzo, traballo, experiencia... madurez da vida. A isto nos invita constantemente a fe que proclamamos e compartimos cada domingo. Esforcémonos entón por ser sabios de canto vai enriquecendo a nosa mirada e a capacidade de descubrir as moitas posibilidades que todos temos de aprender uns dos outros.
CORAZÓN MISERICORDIOSO*Por non deixar que a verdadeira sabedoría, a que aprendemos na experiencia, aniñe no noso c…