Ir al contenido principal

21 Domingo TO C 2016


Por moito que nos esforcemos para facer de Deus a xustificación da nosa teima por enfrontar, violentar e excluír, El segue a ofrecérsenos e mostrársenos como o Deus pacífico que acolle e integra

Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
*     ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)

*     LECTURAS: As túas palabras, Señor, son espírito e vida
*     OFERTORIO: Canta o sol (Nº 22)
*     COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
ESCOITA ACTIVA
Cando todo se nos volve aparencia e teatralidade; cando confundimos o real co imaxinario; cando non somos capaces de ver o mundo máis alá dos nosos propios intereses, disfrazados de palabrería baleira, convertémonos en construtores de decepción para os que esperan de nós coherencia, responsabilidade e honestidade no actuar e nas decisións que tomamos. Na nosa terra a ese xeito de facer as cousas dámoslle un nome: falabarato. Porén, a palabra de Deus volve insistir na idea de que Deus, ao contrario dos falabaratos, non busca enfrontarnos entre nós; tampouco quere a inxustiza nin a exclusión dos máis débiles, senón que nos chama a tod@s a ser comunidade, máis alá de fronteiras e linguas, onde nos poidamos acoller, escoitar e axudar. Porque a salvación non queda no que rezamos dentro das igrexas, senón que se expande, a través da nosa maneira de vivir e relacionarnos cos demais, a todos os ámbitos da vida. E é neles onde temos que mostrar que de verdade somos crentes convencidos e dispostos, sempre, a dar razón da nosa esperanza. Deus axunta. Nos separamos. Cando nos daremos conta de que temos que cambiar?
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Por non ser sempre persoas de paz e entendemento; SEÑOR, QUE NOS AFASTEMOS DO QUE FIRE AOS DEMAIS.
·      Por pretender impoñer os nosos criterios sen prestar atención ao que din os demais; CRISTO, QUE NOS AFASTEMOS DO QUE FIRE AOS DEMAIS.
·      Por ser moitas veces os que creamos, cos contos e as medias verdades, malas relacións entre uns e outros; SEÑOR, QUE NOS AFASTEMOS DO QUE FIRE AOS DEMAIS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Prestemos atención a tres afirmacións que foron aparecendo ao longo das lecturas que temos proclamado hoxe. Tres afirmacións que nos poden axudar a centrar e entrar, desde a celebración que estamos a compartir, na nosa vida de cada día.

*      Na lectura do profeta Isaías ponse en boca de Deus esta frase: Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas. Que lonxe, verdade, das afirmacións que temos escoitado, ou mesmo temos feito nós ao respecto de Deus! A idea de Deus vai sempre unida á de unir, agarimar, mostrar tenrura ou traballar pola xustiza. Porén, no actuar, noso ou dos que din falar no seu nome, moitas veces non son estas as expresión que acompañan á palabra Deus; senón máis ben as de imposición, condena, totalitarismo, persecución dos que pensan ou se senten distintos. Como poder conxugar entón estas dúas visións? Está claro que tal conxugación non é posible, por iso debemos volver ao texto da palabra de Deus para afondar na idea do Deus no que cremos e desde o que estamos chamados a ser a súa man, a súa cabeza e o seu corazón co noso actuar no medio do mundo... tamén no noso mundo, no que temos máis preto, no que imos contruíndo entre todos alí onde estamos: familia, traballo, parroquia, barrio... Só así seremos capaces de entender e ir desenvolvendo todo canto se esconde detrás da afirmación, que tantas e tantas veces sae da nosa boca, de que cremos en Deus. Si, é verdade, pero este Deus é un Deus que une, respecta, acolle e xunta. Faino por medio das mediacións, plurais como tamén o somos nós, da nosa cultura, lingua e valores. E se El vén para xuntar sen discriminar, por que nós sempre lle estamos a poñer xustificacións ao que facemos, inda que ese facer sexa contrario ao que El nos ofrece?

*      A segunda idea que nos pode axudar a comprender esta palabra que temos proclamado e escoitado é a que nos presenta o salmo como un envío: Ide a todo o mundo a predicar o Evanxeo. Esta frase resume o que viñamos dicindo da lectura de Isaías. Se queremos responder á chamada de Deus, non podemos quedar quietos na comodidade dos nosos templos ou das prácticas aprendidas de pequenos, senón que temos que saír, sen vergoña pero con convencemento, ao medio do mundo a anunciar coa nosa vida, co noso xeito de face-las cousas, coa nosa maneira de tratarnos e respectarnos uns aos outros, que a Boa Nova –o Evanxeo– só será posible e crible para aqueles que non o coñecen a través da nosa maneira de dalo a coñecer por medio do noso xeito de actuar, falar e relacionarnos uns cos outros. Deste xeito xustiza, paz, honestidade, igualdade... deixarán de ser palabras simplemente pronunciadas para converterse en esixencias do noso actuar e en pedagoxía que ensina a quen nos mira comportarnos dese xeito de que a mensaxe cristiá non só é fermosa na súa formulación, senón real e posible na súa concreción. De novo, a palabra pon o foco en nós: somos medios e transmisores para facela chegar a quen a descoñece.

*      E a terceira idea volve insistir nas consecuencias do anterior: arredade de min os que practicades a inxustiza!. Deus ofrécenos un camiño; de nós vai depender acollelo ou non. Se lle dicimos si, xa sabemos que non nos queda outra que traballar polo ben común, coidar a casa común que chamamos mundo, esforzarnos por deixarlle aos que veñan tras de nós un mundo mellor que o que nós atopamos. E iso non pode facerse se non é desde un actuar xusto, honesto, responsable e que pon ás persoas, non outro tipo de intereses, no centro. Prestemos entón atención a esta palabra, e vexamos a maneira de facela nosa para que nos mova a actuar desde as claves que ela nos ofrece, e non desde a nosa comodidade ou rutina.
FRATERNIDADE ORANTE
Rezamos agora xunt@s presentando e compartindo a nosa oración diante do Deus que une e achega. Facémolo dicindo:
QUE A NOSA XUSTIZA ESTEA ASENTADA NO AMOR E NO RESPECTO
·      Para que a Igrexa saiba ser no medio do mundo barca á que poidan subirse as persoas que se senten excluídas, ignoradas ou esmagadas na súa dignidade, sabendo que van ser acollidas, acompañadas e axudadas sen máis interese que o do amor, OREMOS
QUE A NOSA XUSTIZA ESTEA ASENTADA NO AMOR E NO RESPECTO
·      Para que nas nosas comunidades, onde rezamos; e nas nosas parroquias, onde vivimos, sexamos sementadores de todo canto busca poñer ás persoas, especialmente ás máis necesitadas e descartadas polos que se cren mellores cós demais, no centro do noso actuar xusto e solidario, OREMOS.
QUE A NOSA XUSTIZA ESTEA ASENTADA NO AMOR E NO RESPECTO
·      Para que nós, os que nos reunimos cada domingo ao redor da mesa do altar, teñamos sempre presente que temos que ser testemuñas do que cremos a través do noso vivir, coherente, responsable e disposto a levar alegría a quen está enfermo; a paz a quen se ve desacougado e esquecido polos seus e amor a que ten sido maltratado polo esquecemento e o abandono dos que cría familiares e amigos; OREMOS.
QUE A NOSA XUSTIZA ESTEA ASENTADA NO AMOR E NO RESPECTO
Acolle, Señor, a nosa oración, e aléntanos para que, saíndo do noso conforto, esteamos á altura de quen espera de nós axuda e compañía. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
NOSO PAI DA FRATERNIDADE
Noso, de todos.
Dos máis dos cinco mil millóns que poboamos a terra.
Pai, que miras a todos os teus fillos por igual.
Que estás no ceo e na terra e en cada ser humano.
Santificado sexa o teu nome nos corazóns de todos.
Veña a nós o teu Reino de amor,
fraternidade, verdade, xustiza e liberdade.
Fágase a túa vontade sempre, en todos e en todo.
Danos hoxe o noso pan de cada día,
que está amasado con esforzo de solidariedade e xustiza.
Perdóanos as nosas ofensas
coma Ti sabes facer: de súpeto, por completo, sempre.
Non nos deixes caer na tentación de esquecernos dos nosos irmáns
necesitados, sen fe, sen amor.
Líbranos do mal,
dos egoísmos, das guerras, das inxustizas.
Porque somos moitas as persoas, Pai, que queremos vivir en fraternidade. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…