Ir al contenido principal

3 Pascua 2016 C


A REVOLUCIÓN DA TENRURA NUNHA IGREXA EN SAÍDA CARA ÁS PERIFERIAS EXISTENCIAIS
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
·      ENTRADA: Déixate querer (Nº 61)
·      ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)
·      LECTURAS: Canta, Aleluia (Nº 21)
·      OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
·      COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

ESCOITA ACTIVA
Xesús Resucitado vaise manifestando: na horta, no camiño, na casa... Este domingo maniféstase nunha xuntanza de amigos (na comunidade), na noite (que dá medo e tristura), no mar (que é perigoso), no traballo solidario (duro e difícil), na fatiga de cada día (tantas veces aparentemente inútil), no medio da frustración (tanto esforzo para nada)....
Porque o Señor é imprevisible. O mesmo aparece no norte que no sur, na noite que no día, cando amañece e cando atardece, cando se reza e cando se come, cando se descansa e cando se traballa, cando se goza e cando se sofre, na agonía da Magdalena, no desencanto dos camiñantes de Emaús, nas bágoas de Pedro, na carraxe de Saulo.... faise presente o Señor.
Tamén se fai presente na nosa vida, faise compañeiro de camiño. O problema está en que ás veces non sabemos descubrir a súa presenza ao noso carón. Pero é El quen nos envía, quen nos dá unha mensaxe, quen nos comunica a forza, quen prepara a mesa cos nosos pobres peixes. Se sempre o tiveramos presente... a nosa vida sería unha Pascua perpetua. Que esta celebración nos axude a non esquecelo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Aspersión)
·      Aínda que ás veces non nos esforzamos por recoñecerte nas cousas pequenas de cada día, e non traballamos por facelas ben, SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO.
·      A pesares de que nos deixamos levar da indiferenza, que nos afasta de Ti e dos irmáns, CRISTO, TI SABES QUE TE QUERO.
·      Pese a que moitas veces temos medo ou vergoña de manifestar a nosa fe, e somos capaces de negarte para quedar ben, SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Se hai unha insistencia ao longo de todo o tempo de Pascua nos textos que iremos proclamando, é a de ser testemuñas. As mulleres, os apóstolos, Paulo, as primeiras comunidades ... foron testemuñas dunha profunda experiencia de Deus que lles cambiou a vida: a uns de xeito radical, a outros pouco a pouco, pero o caso foi que o acontecido con Xesús xa non volveu deixalos indiferentes. Sentíronse interpelados a saír das súas comunidades para ir anunciar e testemuñar que Deus era un Deus de vida e para a vida. Do mesmo xeito, hoxe tamén nós estamos chamad@s a saír do noso individualismo, da nosa apatía, da nosa propia comodidade ás periferias que precisan da luz do Evanxeo. A isto é ao que se refire Francisco cando fala de “primerear”, de saír ao encontro, buscando aos afastados e aos excluídos para sermos a súa voz.
·      A iso é ao que se refire Xesús cando nos di que temos que botar as redes ou apacentar. Mal interpretada, esta invitación pode levarnos a caer nun proselitismo erróneo que tantas veces unha boa parte da nosa Igrexa utilizou e mesmo utiliza e que tan malos resultados lle deu e lle está dando. Botar as redes para que o Señor as encha significa achegarse, confiad@s en que El camiña connosco, a todas as persoas para ofrecerlle o que somos e o que temos, o noso esforzo e a nosa axuda para ir construíndo entre todos comunidade, Igrexa, Reino… Pero ollo, non desde a imposición ou desde a obediencia cega, senón desde a invitación. Porque temos que desenganarnos: no medio dunha sociedade que se esquece e mesmo ás veces parece querer matar a Deus, a Igrexa, tod@s nós, seremos cribles se coas nosas accións, coas nosas palabras, cos nosos xestos… nunha palabra, se, co noso talante estamos dispost@s a ser testemuñas daquel que, o día de Xoves Santo que tan fresco temos na nosa vida, nos invitou a pasar polo mundo coma El: facendo o ben, é dicir, acompañando, esperanzando, colaborando. Polo tanto non se trata de berrar moito, de dicir palabras fermosas, de laiarse de que outro tempo pasado foi mellor… Trátase máis ben de mirar cara adiante co optimismo e coa ledicia de sabérmonos querid@s e agarimad@s por un Deus que é amor e que nos invita a facelo presente no mundo sendo, coa nosa vida, homes e mulleres sementadores de esperanza e de ilusión. Porque, con qué criterio predicamos a Deus e non acompañamos aos nosos irmáns e irmás cando sofren?. A fe, malia que lle pese a demasiados, non é só cuestión de culto, de templo, de sancristía, senón que tamén ten unha dimensión social que en demasiadas ocasións esquecemos, porque compromete a nosa vida a xornada completa. Certamente é importante non faltar á celebración do domingo, orar diante do Santísimo, rezar o rosario… pero non é menos importante non explotar ás viúvas cobrando estipendios inxustos, dar conta dos cartos da comunidade, acompañar a quen sofre a perda dun ser querido, alentar a quen se sente precisado do noso tempo, do noso sorriso, da nosa man.... Iso tamén forma parte da vida de fe. E esas son as redes que se nos invitan a botar hoxe: a rede da cercanía, do diálogo, da escoita, do agarimo, da xustiza, da compaña....
·      Así é como daremos razón da nosa esperanza: se temos sempre presente que non podemos disociar a vida e a fe, o que cremos do noso actuar, o que rezamos do que facemos… Non temos a posesión absoluta da verdade, temos que confiar na xente, dar oportunidades… coma fai Xesús hoxe con Pedro. A pesares de telo negado tres veces, hoxe o Señor volve darlle unha nova oportunidade. Que nós tamén, nesta nova oportunidade que se nos abre co tempo pascual, saibamos facer presente ao Resucitado ao noso redor dende as redes evanxélicas.
RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS
(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
·      Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou dispost@.
·      Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou dispost@.
·      Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou dispost@.
·      Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
·      Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
·      Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
FRATERNIDADE ORANTE
Señor, Ti chámasnos a ser auga que refresque e luz que alumee a escuridade dun mundo deshumanizado, por iso che dicimos:

QUE A REDE DA TENRURA ENVOLVA A NOSA VIDA

Pola Igrexa, para que sexa sempre unha Igrexa en saída que primeree, se involucre, acompañe, frutifique e festexe, OREMOS

QUE A REDE DA TENRURA ENVOLVA A NOSA VIDA

Polas nosas comunidades, para que para que sempre botemos as nosas redes para favorecer a todas aquelas persoas que nesta vida foron situadas nun lugar escuro e apartado da sociedade, OREMOS.

QUE A REDE DA TENRURA ENVOLVA A NOSA VIDA

Por cada un e cada unha de nós, para que sempre vaiamos pola vida coma Xesús cos ollos, a boca e os oídos ben abertos, dispost@s a denunciar a invisibilidade, a utilización, o descarte e a opresión que sofren moitos irmáns e irmás, OREMOS.

QUE A REDE DA TENRURA ENVOLVA A NOSA VIDA

Grazas, Señor, porque nos invitas a utilizar as redes da tenrura, da empatía e da misericordia para camiñar nun mundo que precisa humanidade. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor, Ti sabes que te queremos.

A pesares da nosa soberbia e do noso orgullo,

dos nosos medos e infidelidades,

do cansazo e do abandono de tantos días,

da nosa cachola de pedra.

A pesares de que nos custa adiviñarte entre a xente,

a pesares do torpes que somos para verte vestido de pobre,

A pesares das nosas dúbidas de fe,

da nosa esperanza vacilante,

do noso amor posesivo,

A pesares das bravuconadas dalgúns días,

da apatía e da desgana doutros,

a pesares dos nosos pés cansos,

das nosas mans sucias,

dos nosos rostros desencaixados,

A pesares de que nos custa querernos a nós mesmos,

a pesares de que non sempre te entendemos,

a pesares das liortas nas que nos metemos,

Querémoste, Señor,

porque Ti nos quixeches primeiro,

e non renegaches de nós,

a pesares de sermos chouchos e fráxiles.

Querémoste, Señor,

porque sempre confías nas posibilidades que temos de ser,

xunto contigo,

aquí, no noso posto,

servidores fraternos.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel