Ir al contenido principal

5 Coresma C 2016


UNHA MIRADA QUE LEVANTA @S CAÍD@S
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Na noite escura (Nº 104) 
  • LECTURAS: Arrepentido (Nº 13) 
  • OFERTORIO: O Señor é o meu pastor (Nº 27) 
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESCOITA ACTIVA
Nunha sociedade na que cada vez escoitamos máis falar de paridade, a realidade vainos demostrando que aínda queda moi lonxana a utopía da igualdade entre home e muller nos distintos eidos: a empresa, a política, a investigación…. E non digamos dentro da Igrexa, na que a muller, na meirande parte dos casos, é unha voz non escoitada e o que é peor, silenciada.
Por iso o encontro de Xesús coa muller adúltera que hoxe escoitaremos no Evanxeo constitúe unha bocanada de aire fresco e, ao mesmo tempo, esixe un esforzo final neste camiño coresmal para que a nosa sexa sempre unha pegada de traballo a prol da igualdade.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a non facermos distincións, pois todos somos fill@s dun mesmo Deus e posuímos a mesma dignidade.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque somos extremadamente tolerantes con nós mesm@s e cos nosos erros; e extremadamente intransixentes cos dos demais, SEÑOR, ENSÍNANOS A MIRAR COS TEUS OLLOS.
  • Polas veces nas que por medo, por vergoña, por covardía, por quedar ben, por temer facer o ridículo… tiramos nós a primeira pedra ou non saímos en defensa de quen é lapidad@ e menosprezad@, CRISTO, ENSÍNANOS A MIRAR COS TEUS OLLOS.
  • Porque a nosa Igrexa, sobre todo unha boa parte da súa xerarquía, segue a considerar á muller como sinónimo de tentación e de pecado, tirando a primeira e as seguintes pedras contra ela, SEÑOR,ENSÍNANOS A MIRAR COS TEUS OLLOS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
  • As adúlteras deben ser apedradas, segundo a lei. Así razoaban os escribas e os fariseos, os sabios e perfectos do tempo de Xesús...Así seguen razoando os sabios e perfectos de todos os tempos, os doutrinalmente seguros. No nome dun rigorismo dialéctico e dunha aplicación literal da lei leváronse e lévanse a cabo infinidade de accións bárbaras, inxustas e mesmo inhumanas. E nós somos coma os letrados e fariseos cando vivimos para sorprender aos demais, cando facemos preguntas envelenadas para comprometer, cando cuestionamos o que fan os demais aínda que nós non movamos nin un dedo, cando nos conformamos con ser externos cumpridores de todas as prácticas relixiosas, cando nos constituímos en xuíces condenadores dos demais, cando aplicamos a lei sen descubrir o seu espírito. Por que suplicamos misericordia para nós e berramos intransixencia para os demais?. Por que preferimos sempre apedrar a salvar?. No xigantesco patio de vecindade no que convertemos o noso mundo, enseguida nos arredamos e desaparecemos sen deixar rastro cando somos interpelad@s e chamad@s a sermos coherentes.
  • Contraposto a isto, destaca a actitude e, sobre todo, a mirada de Xesús. Cando ergue os seus ollos, a adúltera descubre a alguén que a mira dun xeito distinto aos demais. Ata agora tiña experiencia de dous tipos de mirada: a do desexo ou cobiza e a da condena. Agora os seus ollos cruzan cos dun home que mira nela non un obxecto de pracer nin un branco para as pedras, senón unha mirada que recoñece nela unha dignidade pisada e menosprezada, unha mirada creadora que pon en pé a unha muller que estaba tirada por terra. Ninguén en nome de lei algunha, de ningún principio nin de ningunha moral ten dereito a marxinar, condenar ou considerar perdida a ningunha persoa. Velaquí o criterio co que Deus nos mira, tamén ás mulleres.
  • Porque falar de salvación non é algo abstracto e incomprensible, senón que salvación supón e concrétase en facer do lugar onde esteamos un espazo de acollida no que ninguén se poida sentir excluído, explotado, silenciado,ninguneado ou desprezado. A salvación de Deus pasa pola salvación de todo o humano... A adúltera ten hoxe rostro e nome, o rostro e o nome de tantas e tantas persoas ás que nós condenamos, marxinamos, reducimos ao silencio.....deixándonos levar de vellos prexuízos e esquecendo, unha vez máis, aquilo que tan claro está na Palabra: “Misericordia quero e non sacrificios”.
FRATERNIDADE ORANTE
Con sinceridade de corazón, queremos, Señor, compartir as nosas preocupacións e ledicias, e facémolo dicindo:
QUE A NOSA SEXA UNHA PEGADA DE IGUALDADE
·      Pola Igrexa,para que neste tempo de graza sexa quen de abrir as súas fiestras para botar fóra dela tanto fariseísmo que enche de po os recintos sagrados, as conductas correctas, as institucións venerables, OREMOS
QUE A NOSA SEXA UNHA PEGADA DE IGUALDADE
·      Polas nosas comunidades, para que recoñezamos que tod@s necesitamos ser perdoad@s e perdoar, para descubrir a novidade refrescante e humanizadora que nos trae Xesús, OREMOS.
QUE A NOSA SEXA UNHA PEGADA DE IGUALDADE
·      Por nós, para que nunca caiamos na doada tentación de tirar a primeira pedra, senón que sempre saibamos mirar coa mirada limpa e agarimosa de Xesús, que levanta a quen está caído, OREMOS.
QUE A NOSA SEXA UNHA PEGADA DE IGUALDADE
Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nas falsas seguridades dos templos, senón nas dificultades da vida, onde temos que descubrirte e saber acompañar a cant@s se senten débiles e necesitad@s da nosa presenza. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Os teus debuxos no chan
tiveron un efecto sorprendente:
romperon o círculo moralista e acusador
e, a soas contigo, por primeira vez,
sentinme libre.

Os teus debuxos no chan
foron o primeiro espello non enganoso
que me fixo ver o meu rostro triste,
o meu ser pobre e vacilante,
os meus medos de sempre.

Os teus debuxos no chan
crearon un silencio fondo,
pois puxeron ao descuberto
a tráxica parodia que vivimos
cando nos cremos diferentes.

Os teus debuxos no chan
devolvéronme a dignidade perdida,
cando o teu dedo suave e firme,
co po de sempre e coas miñas bágoas perdidas,
debuxaron de novo o meu rostro sorrinte.

Despois erguícheste,
serenamente miraches os meus ollos,
bicáchesme coma ninguén
e dixécheslle ao aire: vai e vive; xa sabes.
E eu non me atrevín a abrazarte.

Pero levo os teus debuxos do chan
tatuados na miña pel para sempre.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor