Ir al contenido principal

33 Domingo TO B 2015

Cando a busca da xustiza se converte en estrelas que iluminan o noso camiño, a eternidade deixa de ser medo para volverse horizonte cara onde camiñar na busca da plenitude
 
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
    • ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (2)
    • LECTURAS: Escoita ao Señor (15)
    • OFERTORIO: Recibe, Señor (31)
    • COMUÑÓN: Acharte presente na vida (51)
ESCOITA ACTIVA
Aparece hoxe na primeira lectura unha frase con moita forza e sentido na realidade actual. O profeta Daniel fala da importancia de educar na xustiza. Como ben sabemos educar é acompañar, axudar a tomar conciencia da realidade na que vivimos, posibilitar que un vaia tomando decisións e asumindo as consecuencias que delas derivan. Educar é camiñar no proceso de madurar gañando autonomía persoal e capacidade para descubrirnos libres e adultos, sen deixarnos manipular por voces -moitas veces interesadas-, que gustan que digamos e pensemos o que a elas lles beneficia.
A todo este proceso que chamamos educación liberadora e en liberdade, é ao que nos invita constantemente o seguimento de Xesús. Pero engade tamén un matiz, que certamente non debemos desdeñar, porque todo proceso educativo ten que ir realizándose desde a xustiza; é dicir, posibilitando respectar a igualdade, recoñecendo que ninguén é máis nin superior a ninguén; facendo posible que tomemos en serio o sabernos “fill@s de Deus”, e polo tanto irmáns uns dos outros. Se camiñamos nesta proposta que se nos fai desde a palabra de Deus, non só educaremos na xustiza, senón que tamén nós estaremos sendo xustos.
Neste ir educándonos uns e outros no actuar xusto e liberador, os que formamos parte da Igrexa sentímonos comunidade que se axuda e acompaña; comunidade que vai facendo Reinado de Deus co actuar e vivir. Por iso hoxe, ao celebrar o día da Igrexa Diocesana, rezaremos tamén sentíndonos membros activos desta Igrexa que conformamos todos os bautizados, e que presidida polo Bispo como pastor, camiña nestas terras de Galicia para servir de xeito humilde e sinxelo aos homes e mulleres que queren que a Igrexa sexa nai que acolle a aloumiña.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque non sempre camiñamos na busca do comportamento xusto e liberador, SEÑOR,DÁNOS RECTITUDE PARA ACTUAR XUSTAMENTE.
  • Porque nos esquecemos moi rápido dos problemas e necesidades dos demais, namentres nos facemos vítimas do que nos pasa a nós, buscando ser centro de atención, CRISTO, DÁNOS RECTITUDE PARA ACTUAR XUSTAMENTE.
  • Porque moitas veces non buscamos agarimo en Deus, senón o recoñecemento social e posicións de dominio sobre os demais, SEÑOR, DÁNOS RECTITUDE PARA ACTUAR XUSTAMENTE.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
  • Diciamos no pórtico do comezo da celebración o importante que é educar na busca da xustiza e do ben que pode beneficiar a tod@s. Pero educar non é nunca unha tarefa doada, inda que a primeira vista puidera parecelo. Todo o contrario. A educación é un esforzo continuo que supón ir deixando atrás o que máis gusta e menos traballo custa; o que esixe constancia, o que invita á perseveranza, o que vai facendo que cada pasiño que imos dando sexa pensado, maduro e liberador. E como ben sabemos, para toda esta tarefa requírese tempo e capacidade de non deixarnos levar nin polo máis doado nin polo que nos produce gratificacións inmediatas. E isto temos que levalo a tódolos ámbitos e facetas da nosa vida. Temos que facer da educación unha tarefa permanente, inda que nos veña a tentación do abandono: na vida matrimonial, na experiencia de ser pais/nais, na relación cos veciños, no día a día do noso traballo , no estudo que un día nos suporá ver cumpridos desexos e ilusións de moitos anos...Nunha palabra: temos que estar permanentemente, e con perseveranza, educándonos e tamén educando; porque cada día descubrimos e aprendemos cousas novas que necesitamos reflexionar e integrar no noso mundo de valores e principios. E desde esta experiencia, tan bonita pero tamén tan necesitada de esforzo, é desde onde temos que ir madurando e aprendendo que as decisións que imos tomando non han ser para o momento, senón que temos que situalas no horizonte da nosa vida, no que queremos e buscamos para ser felices, xustos e adultos, sen deixar que o presentismo inmediatista -que si, pode ser moi tentador-, nos acabe pasando factura da dor e tristura por non ter sabido poñer reflexión e responsabilidade nas nosas decisións. Para que este camiño, sempre longo, de todo proceso educativo poida chegar a bo fin, buscamos e sentimos o agarimo do Deus que nos acompaña e garda na súa tenrura enchoupada sempre de misericordia.
  • E será sempre esta misericordia (que non busca facernos de menos, infantilizarnos nin adormecernos para que deamos por bo e xusto o que non é máis que engano e opresión, senón que crezamos libres e sexamos sempre buscadores de verdade) a que nos mostre que ao dicir Deus non nos estamos a referir a “algo” afastado, difuso ao que hai que temer, senón ao “alguén” que se nos vai mostrando como agarimo, tenrura, acollida e esperanza. Un Deus que en Xesús se nos descobre coma un igual: coas mesmas debilidades ca nós, coa mesma posibilidade de ser tentado, co mesmo sentimento de dor e tristura cando alguén sofre ou é explotado. Un Deus con rostro humano que se nos mostra na súa totalidade presente en Xesús. Un dos nosos... para que nós sexamos un dos del. De aí a tarefa de crecer e madurar nun proceso educativo permanente e perseverante do que antes falabamos. Un proceso no que non podemos ir solos, senón que necesitamos ir escollendo aos que nos van acompañar. Porque a fe non é unha relación que se deba vivir de maneira individual e intimista entre Deus e as miñas cousas, senón un ir descubrindo que en cada un dos momentos da nosa vida sentimos e agradecemos a presenza de todos cantos coma nós, seguindo á invitación de Xesús de facer do mundo casa común, non paramos nin deixamos que nos distraian con entretementos que adormecen as nosas conciencias e nos queren manipular facéndonos crer que que o mundo é o que realmente non é: ben un val de bágoas, ben unha festa permanente. Busquemos o ben do ser humano, dignidade e liberdade ás que nunca debemos renunciar, deixándonos acompañar da presenza dese Deus que nin se foi nin se irá, senón que, sen facer barullo, que algúns confunden con indiferenza, vai ao mesmo paso ca nós. Por iso o sacrifico que deshumaniza ten que dar paso á tenrura que nos iguala e nos fai verdadeiramente humanos.
  • Para chegar a este final de camiño debemos pasar antes por non poucos atrancos e dificultades. Pero as angustias pasan, a dor cúrase e as esperanzas nunca han perderse. E do mesmo xeito que o ciclo da natureza morre no inverno para volver saír con forza na primavera, así tamén o ciclo vital de todo ser humano non queda na dureza do inverno frío e cheo de choiva, senón que agroma botando follas novas que nos chegan como proxectos que se volven comezar, solidariedade que se entrelaza ou silencios que se rompen para denunciar inxustizas e abusos. As cousas que facemos pasan, as persoas ás que queremos están sempre presentes no corazón, como as palabras de Xesús que foron, son para nós, e seguirán sendo para os que veñan, Espírito e vida. Por iso temos que ser constantes e non desacougar cando a dureza do inverno poida tentarnos para que esquezamos que a primavera sempre chega, e faino con forza e gromos novos.

FRATERNIDADE ORANTE
Deus, que nos chama a poñer a xustiza como guieiro do noso actuar, reúnenos ao redor da mesa do altar para que compartamos esta celebración desde a palabra proclamada e o pan compartido. Poñamos tamén por riba do altar a nosa oración comunitaria e digamos xunt@s:
QUE FAGAMOS DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
  • Para que a Igrexa deixe atrás o pecado da corrupción, o engano e a manipulación; e sexa unha Igrexa transparente, fraterna e evanxélica; unha Igrexa de pombas e non de corvos, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
  • Para que nas nosas comunidades parroquiais abandonemos comportamentos que nos fan indiferentes ante a dor e dificultades dos demais, e pasemos a ser comunidades preocupadas por estar cerca de quen sofre, sabendo poñer amor e acompañamento alí onde hai odio e soedade, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
  • No día da Igrexa Diocesana, pedimos por todos cantos conformamos a nosa Igrexa particular de Tui-Vigo. Para que saibamos ser irmáns que corrixen, queren, acompañan e serven a quen se senta necesitado e busque unha man á que poder agarrarse con confianza e sen medo, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
  • Para que nos esforcemos por educarnos nos camiños que buscan a xustiza, o ben común e a solidariedade fraterna e desinteresada, como fixo Xesús, e fagamos das nosas opcións actitudes sempre cercanas aos máis débiles do noso redor, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA TÚA TENRURA ACOLLIDA
Poñemos, Señor, nas túas mans e baixo o teu amparo o que nos preocupa, doe e mostra a necesidade que temos de percibirte sempre ao noso lado, para que non trabuquemos o camiño que ti nos invitas a seguir. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Pobre Igrexa miña, que pecha á xente o Reino do ceo, sendo que a súa misión era abrilo!
Pobre Igrexa miña, parva e cega, que ridiculiza a fe,
enfrontando á xente con cousiñas e negándolle o encontro co Deus grande e salvador!
Pobre Igrexa miña, hipócrita, que coa o mosquito e traga o camelo,
centrada en ritos e rezos baleiros e esquecida da misericordia e da xustiza!
Pobre Igrexa miña, falsaria, que coida as aparencias
e está chea no seu seo de violacións dos dereitos humanos!
Sepulcro branqueado cheo de morte e de inxustiza!
Pobre Igrexa miña, que honra a santos pasados,
que le con devoción os seus escritos,
e lle nega a palabra e a presenza no seu seo ás persoas que hoxe lle falan no nome de Deus!
Pobre Igrexa miña, centrada en si mesma,
defensora da súa institución, pouco aberta á crítica e á conversión,
pechada á novidade eterna de Deus!
Pobre Igrexa miña, raza de víboras!
Fuxirás do xuízo e do discernimento de Deus
ao que el te vai someter cada día nesta terra?
Pobre Igrexa miña!,
que en ti todos nos convertamos e nos abramos á verdade.
(M.Regal, Chorima, Pobre Igrexa Miña!. P. 52/53)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor