Ir al contenido principal

2 ADVENTO C 2015

 CANDO AS PALABRAS NON VAN ACOMPAÑADAS DOS FEITOS, CONVÉRTENSE EN BALEIRO SEN CONTIDO. SE DE VERDADE ESTAMOS ALEGRES, DEMOSTRÉMOLO!



CANTO GOZOSO

o ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)
o LECTURAS: Escoita ti (Nº 26)
o OFERTORIO: Como che cantarei (Nº 28)
o COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos (Nº 86)

ESCOITA ACTIVA

Avanzando neste tempo de preparación ao Nadal que é o Advento, aparece hoxe nos textos da palabra de Deus Xoán o Bautista. Irrompe na liturxia deste domingo para lembrarnos o obvio, inda que moitas veces non o queiramos nin ver nin escoitar: preparémonos para que a celebración do nacemento sexa iso, celebración. Esforcémonos por deixar atrás rutinas, costumes, consumo ou canto identifique Nadal con nostalxia, tristura ou discusión de familia no canto de unión agradecida porque Deus vén. Fagamos coma Xoán: preparémonos con sentido de fe, acollida e ledicia compartida. Porque a salvación deixou de ser unha palabra baleira para converterse en realidade no Xesús que vai chegar e ao que lle queremos facer sitio en nós.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Volve, Señor, danos a paz diante das situacións nas que temos sido conflitivos e desagradables cos demais; RENÓVANOS POR DENTRO, SEÑOR.
  • Volve, Señor, para que o pesimismo non aniñe en nós e nos converta en persoas tristes e sen alegría no corazón; RENÓVANOS POR DENTRO, CRISTO.
  • Volve, Señor, para que saibamos deixar atrás todo canto nos fai desconfiad@s e insensibles ás dificultades dos demais; RENÓVANOS POR DENTRO, SEÑOR.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Neste noso ir acompañando o cambio do corazón e a preparación para celebrar o Nadal con sentido cristián, engadimos hoxe no taboleiro a silueta duns moz@s, para continuar facendo deste tempo de Advento unha marabillosa oportunidade de reflexionar, -desde a misericordia- sobre a familia e o importante que esta estea unida, non polos papeis (iso non é mais ca puro formalismo sen contido), senón polo amor, o respecto e a as relacións de agarimo que se van desenvolvendo dentro dela. E tod@s nós -por iso non falamos de memoria, senón desde a experiencia-, somos membros dunha familia; unha familia que non é nin mellor nin máis mala que as outras, pero si é a nosa, a que temos que ir coidando e termando dela para que a vaiamos convertendo nun espazo onde sexamos escoitados; un espazo onde non nos sintamos nin estraños nin clientes; un espazo que estea rexido pola capacidade de aprender a preocuparnos uns polos outros para que nos momentos bos celebremos as ledicias, e cando nos veñen malas atopemos unhas mans, uns ollos, unhas palabras e un corazón enchoupados da tenrura do Deus que nos axuda a “quitarnos o vestido da dor e da desgraza” para axudarnos a vestir co que nos ofrece, sen mirar para outro lado e ignorar a realidade: o da esperanza e mais da alegría. Non esa alegría que só é froito da maquillaxe externa, senón a alegría do corazón. A alegría profunda que nos cambia e nos fai sentir con ánimo e forza cando as cousas veñen duras e difíciles, que a todos nos veñen, non nos enganemos. Por iso nos deixamos levar -que non manipular- da man de Deus. El danos, e nel atopamos, a seguridade que a nós tantas veces nos falta.
Deste xeito, como ben di Paulo, a oración non é rutina, repetición nin aburrimento, senón comunicación esperanzada do que nos vai pasando na vida. É conversa sinxela, sincera e tranquila, do que vai acontecendo cada día. Así, haberá días nos que so poidamos dicir: Señor, hoxe non vexo saída, parece que tódalas portas se me van pechando; namentres haberá outros nos que compartamos a ledicia de que as cousas van indo por onde pensabamos, o que nos aleda e agrada. Porque rezar, orar, comunicarnos con Deus é iso: abrirlle o noso corazón, sen disimulos nin frases bonitas, e sentir que non estamos solos para afrontar canto nos vai chegando...o bo e tamén o malo. Orar, como ben lles dicía Xesús ao ensinarlles o Noso Pai é deixarnos levar da confianza que poñemos Nel, para non facer o camiño solos. É tamén ter a capacidade para erguer a vista e darnos conta de que non estamos sós; que ao noso lado segue a haber xente á que podemos tenderlle a man ou compartir con ela un pouco do noso tempo. Por iso a oración ten unha dobre dirección: de nós para con Deus e de nós para cos demais. Unha dobre dirección que se vai retroalimentando na confianza e o diálogo de quen sabe que inda que sexa moi difícil o camiño, non o vai facer en solitario. Iso a Paulo producíalle moita alegría, e ben seguro que a nós tamén. Deste xeito deixará de ser un monólogo centrado en nós mesmos para abrirse á preocupación polos que están ao noso lado e á confianza en Deus.
Esta experiencia, fonda e sempre aberta á confianza, é a que nos trae Xesús. Por iso celebramos o Nadal. Non como festa de consumo e luces de moitas cores, que distraen pero non curan os corazóns magoados, senón como experiencia de acollida en cada un de nós; e desde nós nas nosas familias, do Deus que se fai un igual: sinxelo, pequeno, necesitado, sen alardear de ser nin máis importante nin superior. O evanxelista Lucas, tal como vimos de escoitar, utiliza unha fermosa metáfora para axudarnos a entendelo e vivilo, e dinos, que se somos capaces de cambiar o corazón, e deixar atrás toda a roña que nel se foi acumulando, entenderemos por que desaparecerán as barranqueiras –tan perigosas e inesperadas– e se rebaixaran os montes; é dicir: aprenderemos a ver a realidade non desde as dificultades, senón desde a posibilidade de ir cambiando cousas ata que aquelas desaparezan de seu. Que fagamos logo deste tempo de Advento unha experiencia que faga posible que os camiños tortos endereiten e as fragas se achanden. 

FRATERNIDADE ORANTE

Porque a ledicia do corazón é posible, compartamos, como comunidade que somos, este momento de oración comunitaria e digamos xunt@s:
QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR POR TI
  • Que fagamos da Igrexa, Señor, como nos repite unha e outra vez o papa Francisco, un hospital de campaña que estea sempre preparado para acoller, escoitar e sandar as feridas que a vida vai producindo nos nosos corazóns, OREMOS. 
QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR POR TI
  • Que as nosas celebración rompan a rutina que nos desgana e impide que poidamos vivilas, celebralas e compartilas como experiencias de gozo, esperanza e solidariedade diante do que nos fai sufrir e sentirnos moitas veces esquecidos e solos, OREMOS. 
QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR POR TI
  • Para que cantos nos reunimos hoxe para rezar e renovar a forza da nosa esperanza en Deus abramos o corazón para que a misericordia sexa a que guíe o acontecer das nosas familias no amor, o perdón e a axuda mutua, OREMOS. 
QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR POR TI
Grazas, Señor, por facer deste momento de oración experiencia comunitaria de unión e solidariedade nas esperanzas e tamén nas dificultades que nos imos atopando na vida. Que a forza de canto rezamos sexa sempre para nós pulo de esperanza. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

A historia escribímola sempre desde os grandes, 
desde eses que dicimos que “fixeron historia”,
desde os poderosos,
desde os triunfadores política ou economicamente.
Cando escribiremos a historia desde embaixo?
Desde os ninguén:
os que non teñen conta corrente de moitos números,
os que non cotizan na bolsa,
os que non xogan ao fútbol nin gañan moito,
desde os enfermos,
desde os que viven nos países empobrecidos,
desde as vítimas inocentes do afán de poder
e da intolerancia dos que queren mandar e controlar.
Todo o contrario do que nos pasa con Deus:
El escribe a historia desde os de embaixo.
El mesmo fíxose historia para ser un de nós.
El segue a facer historia na xente sinxela:
os que non teñen casa,
os que viven no baldío da desesperanza e a tristura,
os que se senten solos e esquecidos.
Vivimos crendo que os únicos que teñen a verdade,
tamén na Igrexa, son os de enriba.
Esquecemos o importante:
que Deus tamén agasalla, mellor: agasalla principalmente,
coa verdade aos de embaixo.
Que poñamos o oído atento para escoitar e entender a súa mensaxe. 

(Desde unha idea do libro de Caritas. P.30/31)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor