APRENDAMOS A VER A TRAVÉS DOS OLLOS DE MISERICORDIA A REALIDADE QUE CONSTRUÍMOS, IMPERFECTA E NECESITADA DAS MANS E DOS CORAZÓNS DE CANTOS A CONFORMAMOS
Descarga o ficheiro
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
- ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar
- LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
- OFERTORIO: Eu soñei
- COMUÑÓN: Oh, Señor, escólleme
OLLOS ABERTOS
Constantemente escoitamos -mesmo tamén dicimos- que o mundo é imperfecto, que hai cousas que non nos gustan, que cada día uns teñen máis -moito máis- e a gran maioría menos ou nada. A pesares desta nosa queixa, pouco ou nada facemos para cambiar as cousas. Non estamos a falar de que vaiamos polos parlamentos , xuntas de goberno ou consellos de administración onde se decide; senón de que, alí onde esteamos, no achegado e pequeno da nosa vida, tamén estamos chamados a facer as cousas doutro xeito. Cambiar a forma de tratarnos, de relacionarnos uns cos outros, de axudarnos, e tamén de dicirnos as cousas que non facemos ben e debemos cambiar. E isto podemos facelo nas nosas casas, no traballo, cos amigos e na Igrexa. Si, tamén nas cousas que vemos que deberiamos cambiar na nosa pastoral parroquial temos voz para manifestalo. Porque de nada nos vale queixarnos unha e outra vez: do cura, das celebracións, da pouca formación, da... se logo non facemos nada para que as cousas cambien.A realidade é imperfecta, como o somos nós, pero coa colaboración de tod@s, e non deixándonos levar da crítica mordaz e pouco construtiva, si que podemos ila cambiando, unindo, traballando xunt@s ou dando a nosa opinión cando nola pidan.
Esta é a motivación que nos propón a celebración que agora comezamos,para que saiamos de aquí cheos de gozo e convencidos de que, se poñemos algo de nós, as cousas que non nos gustan poden ir cambiando.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Porque imos abrindo fendas de crítica para cos demais, sen recoñecer os nosos erros, SEÑOR,QUE SUPEREMOS AS NOSAS CEGUEIRAS.
- Porque seguimos sendo moito de ritos e pouco de conviccións, CRISTO,QUE SUPEREMOS AS NOSAS CEGUEIRAS.
- Porque nos urxe o accidental e despreocúpanos o importante, SEÑOR,QUE SUPEREMOS AS NOSAS CEGUEIRAS.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
Moitas veces sentimos a sensación de baleiro, tristeza, desacougo ou incomprensión. Como se nada nin ninguén puidera valernos e axudarnos a aquecer o corazón, que experimentamos como frío e sen gana de nada. Nesta experiencia, que seguro todos temos pasado, hai Alguén, ao que non sempre somos capaces de percibir, que está... inda que non o vexamos. E o seu estar non é para pasarnos a conta do moito que ten feito por nós, nin para que lle agradezamos que sempre teña sacado a cara na nosa defensa, ou para calquera outra cousa que puidera refregarnos nas nenfes. Non, a súa é unha presenza silenciosa na que nos invita a mirar cara dentro para sacar o mellor de nós –que o temos, inda que pensemos o contrario-. Ese Alguén é Deus. E cando dicimos Deus imos ás imaxes que del nos van ofrecendo os textos da biblia, nos que se nos mostra como o que está, acompaña, alenta, anima, reforza...e o que é máis importante: o que nos quere e consola. Cantas veces non o temos botado en falta pola nosa cegueira ou xordeira de corazón! A imaxe dese Deus a quen rezamos, a quen queremos e en quen confiamos é a de quen sempre camiña, sen parar, e coa man tendida para dicirnos: segue, paga a pena, non estás solo. O Deus ao que tantas veces se refire o papa Francisco cando nos di que é o que pon ás persoas por riba das cousas ou das ideas; dos proxectos ou dos grandes logros. O Deus sensible que acompaña o noso silencio e non busca manipularnos, senón querernos desde a súa misericordia chea de tenrura.A súa tenrura connosco é o que o fai verdadeiramente grande, como ben tiña descuberto o pobo de Israel, e por iso rezaban o salmo recoñecendo esa cercanía e a ledicia que lles achegaba. Podemos nós dicir o mesmo? Recoñecemos a súa grandeza na presenza, día a día, ao noso lado? Sentimos a ledicia –xa nolo lembraba Francisco na “Evangelii gaudium”- sementando o que facemos, o por que o facemos e o como o facemos de esperanza?
Dámonos conta do que significa poñer nos nosos beizos expresións tales como: agarímanos coa túa tenrura, aloumíñanos na túa misericordia ou renova en nós a esperanza? Si, temos que ir facéndonos preguntas para poder descubrir e coñecer o verdadeiro rostro de Deus, non o que moitas veces voces “autorizadas”, convertidas en interesadas, nos teñen presentado. E convencernos dunha vez que é amor, agarimo, confianza, liberdade; e non medo, castigo nin condena. Se somos capaces de facer este camiño de maneira persoal e sentindo a forza e o alento da comunidade, acabaremos entendendo por que Deus se converte no Alguén importante na nosa vida. Aquí reside a súa grandeza, polo que, como facía o pobo de Israel, tamén nós podemos dicir e sentir: Que o Señor estivo grande connosco e estamos alegres.
Nesta alegría imos poñendo, chanzo a chanzo, a nosa esperanza, desde a que entender que celebrar, compartir, estar pendentes e preocupados por canto lle pasa aos que tpemos máis preto e, sen esquecer aos que son esquecidos e descartados, lonxe convértese nunha consecuencia de seguir a Xesús para dar e construír vida alí onde esteamos. E a vida non se fai poñendo atrancos, dificultades, normas e leis, senón testemuño, exemplaridade, entrega, xenerosidade e capacidade de acollida. Unha acollida onde nunca somos moitos, e sempre cabemos máis. Sen ter medo, porque como El ten dito outras veces: “fun forasteiro e non me acollestes”. Neste verdadeiro mestre que non busca nada máis ca nosa felicidade poñemos nós a confianza e, como aquel cego do evanxeo, tamén hoxe lle dicimos: Mestre, que poida ver.
FRATERNIDADE ORANTE
Nesta momento no que somos invitados a abrir o corazón á misericordia de quen acolle e á solidariedade de quen axuda, dicimos xunt@s:QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
Para que a Igrexa saiba ter o corazón sensible e aberto para acoller e perdoar a quen se ten equivocado, afastado ou esquecido de que Ti es amor e acougo, OREMOS.
QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
Para que cantos conformamos as parroquias e comunidades coas que compartimos a fe, sexamos guieiros de tolerancia, perdón, escoita e colaboración, e non muro infranqueable de indiferenza, OREMOS.
QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
Para que saibamos poñer algo do noso tempo ao dispor de quen está só, enfermo, triste, illado ou derrotado polo fracaso das súas ilusións e proxectos, OREMOS.
QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
Señor, acompaña a nosa oración comunitaria, para que sintamos sempre preto a forza da túa presenza, sempre misericordiosa. PXNS.
OÍDOS ATENTOS
A ledicia do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se encontran con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesucristo sempre nace e renace a alegría... Quero dirixirme aos fieis cristiáns para invitalos a unha nova etapa evanxelizadora marcada por esa alegría, e indicar camiños para a marcha da Igrexa nos próximos anos.O gran risco do mundo actual, coa súa múltiple y abrumadora oferta de consumo, é unha tristeza individualista que brota do corazón cómodo e avaro, da busca enfermiza de praceres superficiais, da conciencia illada. Cando a vida interior se clausura nos propios intereses, xa non hai espazo para os demais, xa non entran os pobres, xa non se escoita a voz de Deus, xa non se goza a doce alegría do seu amor, xa non palpita o entusiasmo por facer o ben. Os crentes tamén corren ese risco, certo e permanente. Moitos caen nel e convértense en seres resentidos, queixosos, sen vida. Esa non é a opción dunha vida digna e plena, ese non é o desexo de Deus para nós, esa non é a vida no Espírito que brota do corazón de Cristo resucitado. (E.G. 1-2).
Comentarios