Só un corazón quente é quen de entender
que a misericordia de Deus é sabedoría de felicidade
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o
ENTRADA: Ti es camiño e
verdade
o
LECTURAS: As túas palabras
son espírito e vida
o
OFERTORIO: Na nosa terra
o
COMUÑÓN: Déixate querer
OLLOS ABERTOS
Vivimos con cara de
tristeza. Non coa de vinagre, pero si coa de tristeza. Por que nos pasa isto se
o temos todo: casa, coche, médicos, profes...? Estamos rodeados de xente, a
televisión está permanentemente emitindo, as emisoras de radio no deixan de
sonar, os teléfonos seica son intelixentes, os ordenadores persoais... por que
entón ese corazón tan reseco e esa cara marcada polas engurras da tristeza? Non
será que a nosa confianza seguimos a poñela no ter, no posuír, no gardar, no
cobizar, e non no ser: ser persoa, ser amig@, ser feliz, ser bo marido, boa
muller, bo fillo, bo cura...? Que mellor momento ca este, no que estamos
reunidos sen présa, nun lugar tranquilo e sen o bombardeo da sobredose de
palabras, para, no silencio da oración que agora imos comezar, preguntarnos por
que tendo tan claros os horizontes aos que nos invita Xesús, facemos o posible
por darlle as costas.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û Porque nos fai máis
felices ter moito que querer moito; SEÑOR,
PERDOA O NOSO INMOBILISMO.
û Porque nos fai máis
felices ser importantes que ser servidores, CRISTO, PERDOA O NOSO INMOBILISMO.
û Porque nos fai máis
felices ter razón que escoitar; SEÑOR,PERDOA
O NOSO INMOBILISMO.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·
Para moitas persoas
é desesperante, motivo de envexa e de non poder vivir en paz cun mesmo, pensar
que un ten menos bens que o veciño, e fan todo o posible para quitarlle mérito
e importancia a canto outros teñen feito ou logrado co seu traballo. Os seus
corazóns están resecos, porque quedaron parados no externo, no aparente, no que
non dá a felicidade. Si. Acumular riqueza, como única e exclusiva razón da
vida, fainos persoas desconfiadas, pouco xenerosas e moi lonxe do proxecto de
amor do Deus que nos crea non para que nos dobremos diante del, senón porque
nos quere, nos recoñece iguais en dignidade e nos dá un plus de igualdade que
nos une coma irmáns para descubrírmonos posuidores da súa mesma imaxe e
semellanza. Somos de Deus; pero tamén somos coma Deus: merecedores do mesmo
respecto. Non somos cousas nin algo. Somos os alguéns que camiñamos desde o proxecto
de Deus para o mundo. Aquí está a verdadeira sabedoría, como acabamos de
escoitar na lectura: a sabedoría que pon as cousas ao noso dispor, e non nos
pon a nós ao dispor das cousas, de tal xeito que nos acaben escravizando.
·
Por iso a palabra
de Deus o que busca e ao que nos chama é a ter corazóns quentes: humanos,
afables, amables, sensibles, con capacidade de empatía... O que hoxe se lle
chama ser persoas con intelixencia emocional. É entón esta Palabra unha Palabra
sempre en saída, en busca, en tarefa permanente para que as persoas non nos
pechemos en nós mesmos ata incomunicarnos, senón que nos abramos ao escoitar,
acompañar, compartir, agarimar. Unha Palabra que nos di que non debemos –podemos?-
ser nin limóns nin vinagre nin pomelo. Porque se nos falta a dozura á hora de
ver o mundo como casa común, a amargura acabaría por devorarnos. Só no
seguimento desta Palabra que sempre nos fala ao corazón poderemos dicir que
temos entendido o por que da misericordia de Deus para con nós, e de nós para
cos demais.
·
Esta misericordia
que nos achega e iguala uns aos outros é a que guía a proposta de Xesús. Para
aquel tempo e para hoxe. O “vende todo” e ségueme, non é máis que unha
invitación a fitar a nosa mirada no que de verdade é importante: o que nos
achega, humaniza, posibilita que nos atopemos, fai posible que unamos mans en
tarefas e proxectos comúns. Nunha palabra: que non fagamos do enfrontamento nin
da crispación metodoloxía do noso día a día. Desprenderse dun corazón cheo de
adherencias que o insensibilizan diante do que pasa no noso mundo e ao noso
redor responde á proposta que un día máis nos fai Xesús. Vender e seguir, unha
dialéctica nada doada e pouco comprensible hoxe en día. Pouco comprensible no
mundo pero tamén na Igrexa; e dentro desta, nos que deberiamos ser servidores
da gratuidade e da permanente actitude de acollida e escoita. Canto corazón
endurecido na celebración convertida en estipendio. Canto corazón endurecido no
funeral dos cartos, máis importante que na oración comunitaria compartida!
Canto corazón ennegrecido polo apego aos cartos e ás cousas, inda que sexan no
nome de Deus! Canto engano en forma rito e consumo de tempo no templo cando á
porta está o irmán que está só, pide unha axuda ou necesita un sorriso! Nin
sequera xustificando que foi a praxe –foi, pero xa non pode seguir sendo– ou
dicindo que son sacramentais aprobados pola Igrexa, poderemos facer dela nin o
noso ministerio nin o xeito de ser cristián que testemuña aos homes e mulleres
do noso tempo.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus non quere corazóns de pedra que
só pensan nas cousas, senón corazóns de carne que nos une e fai sensibles
diante das situacións de dor e tristeza dos irmáns, dicimos:
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE
A INXUSTIZA
*
Para que a Igrexa sexa pobre e dos pobres,
OREMOS.
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE
A INXUSTIZA
*
Para que a indiferenza non marque as relacións
entre os veciños das nosas comunidades parroquiais, OREMOS.
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE
A INXUSTIZA
*
Para que a nosa fe saibamos vivila desde unha
actitude de ser os ollos, as mans, os oídos e os pés de quen poida
necesitarnos, OREMOS.
QUE A RIQUEZA NON NOS FAGA INSENSIBLES ANTE
A INXUSTIZA
Grazas,
Señor, por volver invitarnos a ter presentes na oración a todos sen
exclusións:, amigos, veciños, parentes, compañeiros de traballo, inmigrantes,
enfermos, presos, explotados... e a non esquecer que non é no ter, senón no
saber ser: filla, nai, pai, fillo, avó, avoa... onde está o tesouro co que nos
agasallas cada día desde o Evanxeo. P.X.N.S. Amén.
OÍDOS ATENTOS
O consumo, a riqueza,
a abundancia,
a seguridade para o
presente e para o futuro por riba de todo,
di a propaganda;
e Ti disnos:
quen dea un vaso de
auga a un pequeno,
non perderá a súa
recompensa.
A orde, a ausencia de
conflitos,
o respecto ao sistema
e ás leis por riba de todo,
dinos o noso medo;
e Ti disnos:
vin traer lume á terra
e canto desexo que
arda.
Grazas pola túa
novidade,
que provoca e rompe
tantos principios inamovibles da nosa sociedade;
que cuestiona, clara e
limpamente,
sen panos quentes,
tantas cousas da nosa
vida.
Ti que es máis
grande que todos os nosos pecados,
recréanos e danos
un futuro novo e mellor.
Comentarios