Ir al contenido principal

Domingo 18 TO B 2015

SE A NAI TERRA NOS OFRECE ALIMENTOS PARA TODOS, POR QUE NOS EMPEÑAMOS EN NON RESPECTAR A SÚA EQUIDADE SOLIDARIA?

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
LECTURAS: As túas palabras, Señor, son espírito e vida
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
COMUÑÓN: Eu soñei

ESCOITA ACTIVA

Vinde e acollede, dous verbos nos que hoxe se sintetiza a Palabra de Deus que escoitaremos. A invitación de Deus que recolle Isaías na primeira lectura é un vinde no que se acolle a tod@s e non se discrimina/exclúe a ninguén. Vinde cantos queirades atopar esperanza, tenrura, solidariedade, acollida, escoita... vinde porque vos quero... e invítovos tamén a vós a que vos queirades. Deus, no seu amor, dao todo e invítanos a facer o mesmo. E se sempre foi importante, hoxe necesita selo moito máis porque son tantas as persoas que ven como os seus proxectos se frustraron e as súas ilusións esmoreceron, que temos que ser nós os que esteamos cos ollos moi abertos para facer visible cos nosos feitos ao Invisible. Nel sempre atoparemos a fartura desde a que nós traballaremos para que ninguén quede sen comer.
Que grandeza a deste Deus que non pide nin puntos nin carnés, senón apertura de corazón e xenerosidade no compartir!

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Para que nin pechemos os ollos nin lle deamos as costas ás situacións de pobreza e exclusión, SEÑOR, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.
  • Porque nos custa poñer en relación o que rezamos co que vivimos, CRISTO, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.
  • Para que non xustifiquemos nunca comportamentos que producen dor e tristura aos que temos ó lado, SEÑOR, QUE NON NOS PECHEMOS NAS NOSAS COMODIDADES.

PALABRA ENRAIZADA

Fame e sede son dúas necesidades ás que de primeiras debemos responder as persoas. Cando nos faltan a auga e o pan, a vida vai esmorecendo ata que se vai. Non é estraño que cando alguén quere protestar por algo que considera inxusto o primeiro que fai é poñerse en folga de fame, un xeito de mostrar aos demais que considera tan xusta a súa petición que é capaz de renunciar ao que alimenta e fai desenvolver a súa vida: o alimento. Pois destas dúas necesidades primeiras, auga e alimento, fálanos hoxe o profeta Isaías para mostrarnos que Deus é sempre quen de curar as nosas fames e sedes, ofrecéndonos ilusións polas que vivir e esperanzas cara ás que ir orientando a vida. El é o que ilusiona, anima, alenta e dá a forza necesaria para non deixarse ir por camiños que só ofrecen frustración, desespero e fracaso. Contra o que tan ao uso sempre se escoita, a fe non é unha experiencia que nos adormeza e xustifique o mundo, e nel, os comportamentos das persoas socialmente inxustos; ao contrario, a fe é sempre preocupación por poñer no centro á persoa na súa totalidade. E a persoa non nace da nada, senón no seo dunha familia, dun pobo, dunha cultura que lle dan identidade, enraizándoa nos problemas e proxectos dos veciños, aos que coñece e cos que está/mos chamados a facer causa común na busca e mellora de canto nos faga máis humanos. Por iso a fe é sempre chamada a reunirnos, a unir forzas, a remar na mesma dirección. Non para deixarnos embarcar facéndonos crer que o mundo é malo-malísimo, senón para que poñendo os pés no chan atopemos na forza que Deus nos outorga as motivacións para comprometernos e loitar por superar atrancos. Con Isaías, tamén nós podemos dicir que desde a fe e a confianza en Deus, revivirán e renovaranse as nosas ilusións. Non é a nosa unha fe nin de mortos nin para a morte, senón de esperanzas e proxectos humanizadores e solidarios.

A fartura que desde Deus vai enriquecendo a nosa vida vainos achegando paseniñamente a comprender que queremos dicir cando utilizamos a palabra amor e a poñemos en relación con Deus. Si estamos convencidos diso, con Paulo, tamén podemos preguntarnos: que ou quen nos vai afastar do amor de Deus? É verdade que teremos momentos de dificultade, nada nos vai sacar a dor que nos provoque a enfermidade ou o desengano ante a traizón de quen considerabamos que nos quería; tampouco, a modo de adiviño, nos vai tocar a lotería ou a quiniela. Pero si teremos ao noso lado unha comunidade na que nos sentimos alentados, coa que camiñamos e reforzamos os nosos lazos para superar atrancos e propoñer obxectivos. E o que é máis importante: o convencemento de que non estamos solos; ao contrario, aquel que foi capaz de mostrarnos que o verdadeiro amor supera e vence a tentación do egoísmo é o mesmo que non nos deixa solos nesta tarefa de dar sentido, forza e razón a canto facemos. Deus é amor, e desde El estamos chamados a ir concretando ese amor en canto vaiamos facendo. Non buscando interese ou rendibilidade, senón xenerosidade que comparte e se ofrece no tempo, o sorriso e a presenza.

Unha xenerosidade que como acabamos de escoitar no Evanxeo faise pan real, non metáfora literaria que pode soar boi ben aos nosos oídos, pero que se mostra baleira ao non responder ás peticións e necesidades dos que se dirixen a nós para dicirnos: necesitámosvos! O pan real que fai que non miremos só para nós e os nosos. A dignidade que nos converte en imaxe e semellanza de Deus non ten fronteiras nin constrúe muros de separación, senón pontes que unen e buscan en común. O pan real que leva a que xurda Caritas –ou como queiramos chamarlles- como resposta do Evanxeo a ser Igrexa cos pobres e para os pobres, onde nunca falte un prato que alimente estómagos sen alimento, corazóns entristecidos pola soidade ou solidariedade que descubre que o pouco con Deus é moito; namentres o moito, sen Deus, non é nada. Aquel comer ata fartar que fixo posible Xesús teremos que facelo real e visible hoxe nós coas nosas actitudes e a nosa disposición a pasar non ignorando, senón mirando para un e outro lado e erguendo a quen está caído. Isto non pode ser retórica de curas ou sentimentos de boa conciencia de quen se cre mellor ca os demais. Xustiza e promoción das persoas, non beneficencia crónica, é ao que nos chaman hoxe as palabras de Xesús.

FRATERNIDADE ORANTE

Recemos xuntos ao Deus que nos ofrece un camiño de xenerosidade comunitaria e solidaria, e digamos: 
QUE A AUGA DA TÚA PALABRA ENCHOUPE O NOSO CORAZÓN
  • Pola Igrexa, para que nunca peche a súa porta a quen chama nela buscando pan para poder comer e forza para superar dificultades, OREMOS.
QUE A AUGA DA TÚA PALABRA ENCHOUPE O NOSO CORAZÓN
  • Polas nosas parroquias, para que non nos deixemos levar polo pesimismo que sempre di que somos poucos e irrelevantes; que co noso testemuño e presenza fagamos do pouco moito, e do noso convencemento esperanza e misericordia, OREMOS.
QUE A AUGA DA TÚA PALABRA ENCHOUPE O NOSO CORAZÓN
  • Por nós, para que non deixemos que crezan no noso xeito de actuar actitudes individualistas que só buscan a nosa comodidade e nunca pensan no que os demais poidan necesitar de nós, OREMOS.
QUE A AUGA DA TÚA PALABRA ENCHOUPE O NOSO CORAZÓN
Señor, grazas por facer posible que nos reunamos no teu nome e descubramos a nosa necesidade de axudarnos uns aos outros. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Vimos á túa mesa, Pai,
porque necesitamos que aumentes a nosa fe.
Cremos en Xesús, cremos en ti,
pero necesitamos que a nosa fe sexa máis robusta.
Grazas de antemán pola túa palabra e pola túa axuda.
Grazas por Xesús, o teu fillo, o noso Señor.
Na mesa da súa última cena, Xesús fíxose carne e sangue,
entregados totalmente para ser alimento e bebida para todos.
Que este pan e este viño que hoxe puxemos na túa mesa
sexan sinal da nosa entrega incondicional ao teu Reino.
Por Xesús, o teu fillo, o noso Señor.
Grazas polo pan e a palabra.
Grazas porque sempre estás aí,
porque aumentas a nosa fe e nos das forza para o camiño.
Grazas, Pai, por Xesús, o noso Señor. Amén. 

José Enrique Galarreta

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor