Ir al contenido principal

16 Domingo TO B

ABRIR AS PORTAS PARA ACOLLER DESDE O CORAZÓN, SUPERANDO O “ZAPEO” DUNHA PASTORAL QUE PON SORRISO ESTÉTICO PERO NON CORAZÓN COMPROMETIDO



RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA: Vinde axiña
o   LECTURAS: O Señor é o meu pastor
o   OFERTORIO: Misioneiro
o   COMUÑÓN: O amor é o meirande
OLLOS ABERTOS
O influxo da televisión é, nos guste ou non recoñecelo, cada vez máis grande en cada un/ha de nós. A forza de ver e escoitar moitas veces a mesma cousa acabamos por facela nosa; e moitas veces sen darnos conta de que iso é así. Vén isto a conto porque todos nós temos feito moitas veces “zaping” co mando da televisión. Nada parece gustarnos o suficiente como para que lle prestemos a atención necesaria, e case sen darnos conta, imos pasando por un e outro canal sen decidirnos a quedar nun con tranquilidade e sosego. Isto mesmo nos pode tamén estar pasando coa nosa vida e, como non pode haber separación entre unha e outra, tamén coa nosa vida de fe. Parece que nada nos conforta, e buscamos aquí e alá tentando atopar algo/alguén que responda ao noso propio beneficio e interese. Facemos ruadas polas parroquias buscando a misa que dure menos, a catequese que sexa de menos anos, o bautizo no que aos padriños non se lles pida estar confirmados, a confirmación que sexa só un papel por se me fixera falta algún día... e así ata acabar facendo un “zapeo”pastoral que converta a fe en “ Low cost” interesado do que nos convén.
Que lonxe do Evanxeo! Que triste acabar convertendo unha magnífica proposta de xenerosidade e esperanza no puro e simple interese social e ritualista! De verdade que é por aí por onde queremos dicir si a Xesús e facer da fe o sentido da vida? De que vida, a que ten sentido, forza, e esperanza e que remata no encontro de salvación con Deus, ou a que só busca “zapear”, pasando unha e outra vez, pero sen querer quedar para pensar e vivir o proxecto de Xesús, e sen interesarlle nada nin o que El di nin as esixencias que isto supón para os que quere/queremos seguilo?
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Porque pasamos facendo ritos; pero somos incapaces de quedar e comprometer a nosa vida servindo ás persoas, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NESTA TENTACIÓN.
û  Porque non nos importa o sufrimento dos demais se con iso conseguimos o que a nós nos interesa, inda que este interese sexa inxusto e insolidario, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NESTA TENTACIÓN.
û  Porque non nos preocupa axudar e colaborar cos pastores para vivir o evanxeo, senón para cumprir os nosos caprichos pastorais, e moitas veces antievanxélicos, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NESTA TENTACIÓN.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
  • Israel era/é unha terra de pastores, polo que non estraña que sexa esta imaxe a que apareza unha e outra vez nos textos da biblia. Pero son principalmente os profetas os que a utilizan para referirse a Deus, o Pastor, e aos que teñen como misión manter viva entre eles a fidelidade á Alianza. Xesús recorrerá en moitas ocasións a esta imaxe para facer o mesmo. E, ao longo da historia da Igrexa, a imaxe do pastor foi pondo sempre o foco sobre os papas, bispos ou curas que, ao fronte das súas comunidades, teñen/mos como misión acompañar, alentar e testemuñar a presenza do Deus amor nos tempos e contratempos do día a día. Segundo os momentos históricos, os pastores ben se esforzaron por responder a esta imaxe que vai abrindo camiño, ben todo o contrario, para poñer de manifesto a distancia entre o seu facer en relación coas comunidades e a liña marcada desde a Palabra de Deus, à que que están chamados e ser fieis, para ofrecérllela como guieiro aos seus membros. Xeremías nesta primeira lectura fai fincapé nos malos pastores. Os que van por vieiros distintos aos que debe ser a súa responsabilidade de unir, acompañar, camiñar cóbado a cóbado cos que comparten vida e proxectos de fidelidade ao plan de Deus –a Alianza-. Por iso denuncia con palabras fortes o abandono e afastamento deses pastores que buscan o seu propio interese, pero non o ben da comunidade; eses pastores que buscan poder, recoñecemento, prestixio, rendibilidade económica, e se van esquecendo das persoas que, como consecuencia desta despreocupación e abandono, acaban sendo as que viven situacións de esquecemento –descarte, como di Francisco– e utilización por parte de quen ten poder e busca aproveitarse, para facer crecer ese poder, dos que só queren e buscan ser felices e poder vivir dignamente. Pero Deus non nos abandona. El está, e a diferenza dos malos pastores, esfórzase por volver xuntar, con agarimo e tenrura, a quen é desprezado. Porque o importante para Deus é que a imaxe e semellanza que puxo en cada un de nós se faga constantemente presente en tódalas persoas, por riba de ideoloxías, relixións ou razas. O noso é un pastor que non quere recender co aroma dos pazos, senón co cheiro dos empobrecidos. E nós, estariamos dispostos a facer o mesmo?.

  • Un Deus que non utiliza a súa memoria para o rancor, senón para a tenrura, non podía facer outra cousa máis que a que Paulo reflicte na carta aos efesios: no seu Fillo fai o indicible para achegarse a nós. A pesares de que foron os nosos pasos os que se afastaron del, non se desanima, senón que se mantén permanentemente en actitude de acoller, escoitar, acompañar... unir. As súas actitudes son todo un método de vida para os que nos chamamos seguidores seus. E se nós imos lonxe –pensemos na parábola do Pai bo– el segue á espreita e vai en busca nosa. En Xesús esta palabra faise acción e cumprimento. Desde El, somos nós os chamados a ila facendo tamén concreción co noso xeito de actuar. A nova humanidade non é retórica nin palabra baleira, senón realidade que se mostra desde o actuar das nosas comunidades. A comuñón dos nosos pastores con nós e de nós cos nosos pastores non ha ser máis que unha foto desta nova realidade humanizada que se abre para todos en Cristo.
  • E todo para que? Para que ninguén se atope ao pairo, para que ninguén camiñe na desorientación, para que ninguén sinta que Deus se esqueceu del. Nestes días nos que o papa está en Sudamérica e os medios de comunicación, tamén algúns dos que nos chamamos cristiáns, se estrañan –cando non se escandalizan– coas súas palabras de denuncia do abuso dos pobres e débiles, Francisco pídelle aos pastores que non esquezan cal é a súa opción e compromiso de vida; que non han ser simples cámaras que recollan o que pasa ou mesquiños compañeiros de viaxe dos que triúnfan, senón que, apelando á coherencia de vida, chámaos/nos a perder o medo e facer que as causas das persoas, o que lles preocupa, o que lles quita o sono, o que non lles permite ser felices e lles produce dor e tristura, sexan sempre as causas dos pastores das comunidades cristiás. Porque a isto mesmo nos chama o evanxeo que hoxe temos escoitado. As persoas necesitan ser escoitadas, acompañadas na dureza dos seus camiños, e quen mellor que os seus pastores, que os queren, e coñecen para facelo! Hai moitas persoas, cada vez máis, necesitadas de alguén que lles faga sentir que non están solos. Aí é onde temos que estar os pastores e non noutros sitios máis doados e aliados aos que mandan. Xesús quere pastores, non capataces –como di Francisco-.

FRATERNIDADE ORANTE
Deus chámanos a traballar entre cantos conformamos as comunidades cristiás, para ter pastores que tomen en serio o evanxeo e vivan a alegría do servizo ás comunidades. Dispostos a facer posible esta invitación coa nosa oración e co noso traballo, dicimos xunt@s:
QUE TRABALLEMOS COS NOSOS PASTORES PARA CONSTRUÍR PARROQUIAS EVANXELIZADORAS
¨      Para que cantos conformamos as comunidades cristiás vaiamos traballando por ser unha Igrexa evanxélica e evanxelizadora, preocupada polo ben das persoas e que sabe denunciar os intereses de quen a quere utilizar para o seu propio proveito, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS COS NOSOS PASTORES PARA CONSTRUÍR PARROQUIAS EVANXELIZADORAS
¨      Para que os que formamos parte das comunidades cristiás non deixemos que intereses alleos ao evanxeo convertan as nosas celebracións en espectáculos que só serven para facer fotos, pero son incapaces de cambiar o noso corazón, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS COS NOSOS PASTORES PARA CONSTRUÍR PARROQUIAS EVANXELIZADORAS
¨      Para que cantos estamos a rezar xunt@s fagamos o propósito de non permitir que persoas alleas a vivir e tomar en serio o Evanxeo, acaben por roubarnos a nosa identidade de crentes e a nosa alegría, e colaboremos cos nosos pastores no traballo por ser cristiáns ao servizo de canto axude e faga feliz a quen non o está, OREMOS.

QUE TRABALLEMOS COS NOSOS PASTORES PARA CONSTRUÍR PARROQUIAS EVANXELIZADORAS
Señor, grazas por abrirnos os ollos e o corazón, para non deixar que ninguén nos roube a fidelidade ao Evanxeo e a vivencia da fe desde o compromiso por facer das persoas o centro do noso actuar servindo. PXNS. Amén.

OÍDOS ATENTOS
Pasar, pasar de largo e algúns quizais porque non escoitaron. Pasar é o eco da indiferenza, pasar ao lado dos problemas e que estes non nos toquen. Non os escoitamos, non os recoñecemos. É a tentación de naturalizar a dor, de acostumarse á inxustiza. Nós dicimos: é normal, sempre foi así. É o eco que nace nun corazón blindado, cerrado, que perdeu a capacidade de asombro e, polo tanto, a posibilidade de cambio. Trátase dun corazón que se ten acostumado a pasar sen deixarse tocar; unha existencia que, pasando de aquí para alá, non logra enraizarse na vida do seu pobo.
Poderíamos chamalo a espiritualidade do zapping. Pasa e pasa, pero nada queda. Son os que van atrás da última novidade, do último best seller pero non logran ter contacto, relacionarse, involucrarse.
Vostedes poderían dicirme: «Padre, pero estaban atentos ás palabras do Mestre. Estábano a escoitar a el». Creo que iso é do máis desafiante da espiritualidade cristiá. Como o evanxelista Xoán nos recorda: como pode amar a Deus, a quen non ve, o que non ama ao seu irmán, a quen ve? (1 Xn 4, 20b). Dividir esta unidade é unha das grandes tentacións que nos acompañarán ao longo de todo o camiño. E temos que ser conscientes disto. Da mesma forma que escoitamos ao noso Pai é como escoitamos ao Pobo fiel de Deus.
Pasar sen escoitar a dor da nosa xente, sen enraizarmos nas súas vidas, na súa terra, é como escoitar a Palabra de Deus sen deixar que bote raíces no noso interior e sexa fecunda. Unha planta, unha historia sen raíces, é unha vida seca.
(Francisco aos seminaristas, relixiosos, relixiosas e sacerdotes na escola Don Bosco de Santa Cruz, Bolivia)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor