Somos Videiras de Cristo no medio do mundo, para ser froito abondoso de misericordia
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
▪
ENTRADA: Vinde axiña
▪
LECTURAS: O amor é o meirande
▪ OFERTORIO: Temos una festa
ESCOITA ACTIVA
Pouco a pouco
imos adentrándonos no tempo
de Pascua. Estes cincuenta días nos que os cristiáns queremos mostrar e expresar a ledicia da resurrección van envolvéndonos nunha
chamada de optimismo, esperanza e solidariedade. Como ben sabemos a Pascua non é un día, senón un tempo e unha maneira de vivir e desenvolver a vida.
Unha maneira de vivir ancorada na persoa de Xesús e que acollemos converténdoa en feitos, comportamentos e vivencias múltiples e ricas
para cada un de nós e para as nosas comunidades.
Nesta
experiencia de crecemento e encontro que a fe nos ofrece, hoxe queremos
compartir a invitación que se nos fai desde o Evanxeo: entender e gozar desta
vivencia pascual dando bos froitos que supoñan atoparse e compartir, tender a man e axudar, pararse e
escoitar. Porque o bo froito só é posible con esforzo e traballo; e inda así, nada asegura
que tod@s o vexan e entendan.
Neste domingo
que volvemos xuntarnos ao redor da mesa do altar, unámonos neste
momento de fe e comuñón que agora comezamos, sabendo agradecer a Deus as
persoas e situacións que vai poñendo no noso camiño para ser felices e crecer queréndonos e preocupándonos uns polos
outros.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
✓
Como ti termas de nós, dános azos para que tamén nós termemos de quen poida necesitarnos, SEÑOR,QUE SEXAMOS
VIDEIRA CHEA DE BOS FROITOS.
✓
Como ti non cansas de acompañarnos e
agarimarnos coa túa tenrura, que tamén nós saibamos levar a túa tenrura a quen se sente triste e desacougado, CRISTO, QUE
SEXAMOS VIDEIRA CHEA DE BOS FROITOS.
✓
Como ti non deixas de alentarnos e animarnos, que tamén nós non teñamos medo de
mostrar alento e ánimo a quen nos necesite, SEÑOR, QUE SEXAMOS
VIDEIRA CHEA DE BOS FROITOS.
PALABRA ENRAIZADA
➢
Como ocorreu con Paulo, tamén nós temos que pasar do medo á acollida. É moi interesante e digno de que lle prestemos un pouquiño de atención á persoa de Paulo –Saulo– de Tarso, co
tempo S. Paulo. Comezou sendo o primeiro perseguidor dos seguidores de Xesús. Si,
denunciaba a quen pensaba que era do grupo dos amigos de Xesús; mesmo os
perseguía e detiña para levarllos
ás autoridades.
Por iso ao mentar o seu nome aqueles primeiros cristiáns tiñan medo e non
acababan de fiarse. Pero, nun momento ao longo deste proceso, prodúcese en Paulo un
cambio, por que?. Porque se dá conta que aquilo
que contan os seguidores do tal Xesús ten a súa aquela; é dicir, merece
que se lle preste atención e que se pense un pouco que supón e a onde leva.
Deste xeito prodúcese en Paulo unha verdadeira experiencia de conversión e cambio.
Descobre que o vivir só de respectar
costumes e tradicións se non vai animado polo amor, non serve para nada; que
preocuparse por aliviar a dor e tristura, tamén a pobreza dos máis excluídos, paga a pena; que reunirse para agradecer e compartir
esta experiencia que vai facendo que o grupo creza dia a dia e que ninguén se senta nin
estraño nin apartado,
non só evita facer doer os corazóns dos que o sofren, senón que leva tamén a que un se senta verdadeiramente realizado e a gusto
co que é e fai. En fin, que Paulo vai sendo consciente de todo
isto –o testemuño daqueles
primeiros cristiáns foi fundamental– e decide romper
coa súa relixión ritualista e
discriminadora, para unirse a este grupo que era capaz de facerlle fronte ás dificultades,
sen recuar diante delas. Ese foi o verdadeiro encontro con Xesús e a súa mensaxe, a
través do testemuño daqueles
esforzados e heroes da primeira hora do cristianismo. E tal foi así que ao principio non acababan de fiarse deste cambio.
Acaso non nos pasaría o mesmo a nós?.. Teñen medo, e o medo impídelle ao principio acollelo, abrirlle a porta das súas casas,
invitalo as súas celebracións...; pero non
se deixan levar da desesperación, senón que lle van dando novas oportunidades,e pouco a pouco
Paulo acabou non só sendo do grupo
dos cristiáns, senón sendo o gran
ideólogo da expansión e do crecemento
do cristianismo, facendo dos países do Mediterráneo -si, ese mar que nestes días, tristemente
está sempre nos medios de comunicación por terse
convertido en cemiterio de seres humanos- o espazo a través do que se foi
expandindo o cristianismo. E que hoxe recibe, sen ningún xénero de dúbidas, o nome do
gran evanxelizador da fe en Xesús. Que coma El, fagamos tamén nós o esforzo de perder medos e facer agromar esperanzas no
noso xeito de dicir as cousas e de facelas.
➢
O amor non son palabras senón feitos. O amor ten que ser o medio a través do que vaiamos
facendo esta expansión da mensaxe de Xesús. Porque se non amamos de verdade seremos incapaces de
entusiasmarnos, e quen non é capaz de
entusiasmarse, que pode transmitir?. NADA. Si, nada. Como di esa canción que ás veces
cantamos, se nos falta o amor, non nos sirve de nada. Porque o amor non é sentimento nin adobo que condimenta o que dicimos, senón que é cerne desde onde temos que vivir, sentir, actuar e
realizar. Sen el o seguimento de Xesús acabaría converténdose en norma, costume, rito... pero non en encontro cos
outros nin en achegamento que sabe escoitar, perdoar, recomezar e sempre...
esperanzar. Sen feitos, o amor convértese en ideoloxía, e iso non é o que quere Xesús. Ideólogos hai
moitos; persoas que amen son as que escasean. Por iso, aí é onde temos que
estar nós.
➢
O bo froito supón sempre traballo. Cando un toma en serio o que significa
o amor, é capaz de entender que foi o que se propuxo Xesús; máis aínda, que foi o
que El quixo e transmitiu como primeiro testemuño. Para Xesús amar é sempre un
esforzo; un esforzo que hai que traballar, porque de non ser así convértese en milonga que engaiola, pero non humaniza, non
achega, non nos fai felices. Se queremos que o amor dea verdadeiros froitos,
non nos deixemos caer no que é máis cómodo, máis fácil e supón menos esforzo;
ao contrario, non renunciemos, nin nos deixemos vencer polos agoiros nos que
sempre insisten os que repiten unha e outra vez, en que tiremos polo camiño do que fan
tod@s, sen complicarnos a vida. Diante disto, Xesús non cansa de dicirnos: paga a pena non abandonar,
resistir non é malo, ser constantes acaba dando
froitos. Por iso seguimos cantando convencidos: “na tardiña baixa da vida, han examinarnos de amor”.
FRATERNIDADE ORANTE
Como videiras
chamadas a dar froito, poñemos as nosas
preocupacións e proxectos
na man de Deus, e dicimos xunt@s:
QUE OS NOSOS
FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
•
Que toda a
Igrexa aprendamos, coma Xesús, a perder o
medo e a traballar para acoller, integrar e colaborar con quen pensa distinto
pero busca sempre o ben común, OREMOS.
QUE OS NOSOS
FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
•
Que cantos imos
conformando as nosas comunidades cristiás non teñamos nunca medo a vivir a esperanza que nos ofrece Xesús, sabendo acompañar a quen estea
solo, visitar aos enfermos e escoitar a quen precise de ser acollido, OREMOS.
QUE OS NOSOS
FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
•
Que, uníndonos a toda Igrexa, encomendemos e valoremos o traballo
de tódalas nais, e temos hoxe especialmente
presentes ás “nais coraxe”, que contra o parecer, os comentarios e críticas de tod@s, non renuncian a loitar polos seus fill@s,
dando un verdadeiro testemuño de amor cristián, OREMOS.
QUE OS NOSOS
FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
•
Que os que hoxe nos reunimos nas comunidades cristiás para compartir
e agradecer a fe en Xesús, non nos deixemos levar das rutinas, o aburrimento nin
o pasotismo nas celebracións e saibamos mostrar que para nós, e de verdade,
a mensaxe de Xesús nos vai cambiando o corazón e nos axuda a ser mellores, OREMOS.
QUE OS NOSOS
FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
Señor, polas túas mans deixámonos agarimar,
para que a túa tenrura nos
axude a ir facendo da vida unha experiencia de encontro e solidariedade para
cantos nos necesiten. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor,
dáme, dános, un corazón aberto,
acolledor,
solidario, un corazón grande,
capaz de abrirse
aos pobres, aos teus preferidos,
e que estea
sempre da súa parte,
que non se cerre
a quen o necesita,
que o sinta como
a miña carne.
e dáme un corazón compasivo
que teña as entrañas dunha nai.
Agranda ben o
meu corazón
que ninguén quede á marxe,
un corazón xeneroso,
baleiro e libre de si mesmo,
capaz de
compartir, de entregarse
e de loitar por
un mundo xusto, novo.
Un corazón que confíe nos outros,
nos que sofren,
nos enfermos, nos pobres.
Dáme, dános, Señor, un corazón novo,
un corazón que te agrade.
(Basilio Pérez de
Mendiguren)
Comentarios