Ir al contenido principal

Xoves Santo 2015 B


Descarga o ficheiro


ESQUEMA

1)       CANTO DE ENTRADA
2)     ONDA TI NOSO PAI
3)     ONDA TI QUE NOS LEVAS DA MAN
4)    GLORIA
5)     ORACIÓN COLECTA
6)    PROCLAMACIÓN DA PALABRA
1ª Lectura: Ex 12,1-8.11-14
2ª Lectura: 1 Co 11,23.26.
Evanxeo: Xn 13,1-15

7)     ONDA TI ACHEGÁMONOS CANSOS
8)     CREDO
9)    AXUNTÁMONOS PARA AGRADECERCHE
10)      NOSO PAI
11)   PAZ
12)COMUÑÓN
13) A LEDICIA DO DÍA QUE CAE
14)       TRASLADO AO MONUMENTO
15)ALTARES: RETÍRANSE OS MANTEIS


NESTA TARDE DE VIDA E DE FESTA, ONDE O AMOR É CERNE, ROMPAMOS AS INERCIAS QUE ADORMECEN O NOSO CORAZÓN E FAGAMOS DA CELEBRACIÓN EXPERIENCIA NOVA E TRANSFORMADORA PARA A NOSA VIDA

NESTA TARDE DE VIDA E DE FESTA: A celebración é rica en contido, por iso consideramos que o único sinal podería ser, ben unha palagana con auga diante do altar, ben un pouco de fariña e un acio de uvas diante do monumento.

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Onda Ti, noso Pai á tardiña
GLORIA
LECTURAS: O amor é o meirande/Xesús é Señor
OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas
SANTO
PAZ: Douvos un mandato novo
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida
ADORACIÓN SANTÍSIMO: Salve, Santo Sacramento

(Ao final da celebración sácanse os manteis e déixanse os altares nus, para concentrar todo no lugar a onde levamos a Eucaristía. Alí poñeremos o signo coresmal).

Onda ti noso pai á tardiña

Comezamos dicindo que nos poñemos na man do Señor. Que estamos onda El, que venceremos as nosas resistencias, e deixarémonos levar da man do Señor. De verdade estamos sendo sinceros? De verdade nos estamos dando conta do que cantabamos? De verdade que na nosa vida ímonos deixando levar da man de Deus? Hoxe é Xoves santo, e para nós os cristiáns é o día no que expresamos que o amor ten que ser a raíz da nosa vida en todo canto fagamos. Entendémolo? Quizais diremos que si; pero, vivímolo? Porque se non somos capaces de vivir os valores do seguimento de Xesús, de pouco ou nada nos vai valer que veñamos á celebración, que nos chamemos cristiáns ou que afirmemos que cremos en Deus. Pensemos en cal é o punto do noso camiño con Deus no que estamos, e esforcémonos por vivir con esperanza, que non con amargura nin rutina, que El quixera quedar con nós, para expresarnos o seu amor, a través dun xesto tan sinxelo aparentemente, pero tan profundo no seu sentido, como é un anaco de pan que poñemos sobre o altar e que logo compartimos.
          É Xoves santo, vivámolo como nos invita Xesús a vivilo: desde o amor.

ONDA TI QUE NOS LEVAS DA MAN
·       Por ternos soltado da túa man e ter perdido o norte da nosa vida, converténdonos en persoas inxustas e intolerantes, SEÑOR, PERDOA OS NOSOS ARROUTOS.
·       Porque as nosas mans non teñen servido para agarimar, senón para romper a paz e crear situacións de violencia, CRISTO, PERDOA OS NOSOS ARROUTOS.
·       Polas veces nas que non quixemos que o amor agromara nas relacións entre uns e outros, deixando que as malas palabras, as mentiras e a falta de respecto fosen os cimentos na maneira de relacionarnos entre nós, SEÑOR, PERDOA OS NOSOS ARROUTOS.

GLORIA
(Cantado)

LECTURAS

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón:
- "Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ao que cada un poida comer. O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode ser o mesmo un año coma un cabrito. Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. Comerdes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.
Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do Señor.
Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor. O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.
Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa de precepto por tódalas xeracións.

PALABRA DO SEÑOR

CANTO: O amor é o meirande

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".
Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volte.

PALABRA DO SEÑOR
CANTO: Xesús é Señor


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
E mentres ceaban -xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase-, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
- Señor, ¿vasme lavar os pés ti a min?
Xesús respondeulle:
- O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.
Pedro replicoulle:
- Ti non me lavarás os pés a min endexamais.
Xesús respondeulle:
- Se non te lavo, non terás parte comigo.
Exclamou Simón Pedro:
- Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza.
Dille Xesús:
- Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".
Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
-¿Comprendedes o que fixen convosco?. Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

PALABRA DO SEÑOR
ONDA TI ACHEGÁMONOS CANSOS
·       O libro do Éxodo vai narrando como Israel é capaz de vencer as súas reticencias e medos para acabar poñéndose en camiño. Un camiño que non é sen rumbo, senón que ten horizonte. Saben cara onde van; pero tamén son conscientes das dificultades que van ir atopando: se antes, diante dos exipcios, non eran poucas, as que quedan por diante non van ser menos. A pesares disto toma a decisión que o vai marcar para sempre: Deus chámaos, eles responden. Os problemas virán cando desde dentro do propio pobo comecen as primeiras protestas, as críticas, a nostalxia da escravitude que deixaran atrás –que para algúns era mellor que o risco de ter que ir superando problemas e decepcións que ían aparecendo no camiño-. Verdade que non nos resulta estraño o que lle pasaba a Israel?. Tamén hoxe, sabendo cal é o noso horizonte, a nosa meta, segue a haber cristiáns que todo o critican, que non se conforman con nada, e piden volver á nostalxia dos tempos pasados; sen darse conta de que o que foi xa non volverá, e que as situacións da vida non se poden repetir; que o importante é mirar sempre cara adiante, porque alí está a meta. As dificultades e problemas cos que nos iremos atopando, inda que nos parezan grandes e irresolubles, acabarán por ser superados. Para isto o que necesitamos non son ritos, tradicións nin costumes, senón conviccións. E, moitas veces, estas son as que nos faltan aos cristiáns. Botamos en falta o pasado porque sabemos que non volverá, e custamos menos mirar atrás e pensar no que foi, que erguer a mirada e buscar o novo, a creatividade, o que entre todos podemos preparar para que cando chegue nos atope gozosos por gozalo e acollelo. Di o Papa Francisco que non podemos ser cristiáns burócratas nin quedos agardando que nada cambie, senón que a nosa fe e o seguimento de Xesús debe levarnos a arriscar. Sempre é moito máis gratificante arriscar, inda que te equivoques, que permanecer quieto e pasivo sen esforzarte en facer chegar o Evanxeo –Boa Nova– con modos, medios e maneiras tamén novos e comprensibles para os que nos vexan e escoiten.

·       Para Paulo a resposta ao seguimento de Xesús pasa pola fidelidade ao profundo significado do xesto que nos deixou na Derradeira Cea: pan e viño bendicidos e ofrecidos para compartir. Como pasaba con Paulo, tampouco nós temos sido testemuñas directas do que alí ocorrera, pero ten chegado ata nós pola fidelidade na transmisión e custodia dun xesto que pon, para sempre, entre nós a Xesús. Non se foi, está! Segue na loita do día a día ao noso lado. A súa invitación a facer o mesmo no seu nome é a que nos vén reunindo cada domingo para celebrar e vivir comunitariamente que a súa presenza é motivo de esperanza para a acción. Xesús non di repetide isto individualmente, senón, “facede isto en memoria miña”, unha memoria que actualizamos xunt@s e que nos chama a facer desde a presenza, sinal de amor e entrega xenerosa a tódalas causas nas que a vida e dignidade das persoas se ve ferida ou ameazada. A Eucaristía quere ser ese “hospital de campaña” onde nos achegamos feridos buscando o bálsamo sandador da comunidade que acolle e acompaña; e non o cuartel de uniformidade no que todo se fai por rutina e desde o medo, e no que a obediencia escurece a confianza. Que, como fixo Paulo e nos chegou a nós a través do testemuño de tantos homes e mulleres nestes dous mil aos de vida da Igrexa, tamén nós saibamos transmitirllo aos que veñen detrás non o rito, de nada vale, senón a riqueza que este xesto, sinxelo en aparencia, significa: amor e presenza xenerosa e creativa.

·       Os sinais son importantes, pero necesitan ser comprendidos no contexto desde o que se realizan. Para moitos hoxe, que a un lle laven os pés non ten moito significado. Nunha sociedade na que xorden negocios de todo tipo, non estraña que xurda un no que se laven os pés, logo de moito andar ou dunha xornada dura de traballo por un módico prezo. Porén, no tempo de Xesús este xesto tiña un profundo significado, expresaba a actitude de humildade, de abaixarse ata o último –os pés pisano todo, reciben o po, sudan...– para significar que o cumio da súa misión non estaba nin nos centros de poder, nin entre as clases altas e adiñeiradas. Tampouco no dominio e na posesión de persoas e riquezas; senón no servizo. Si, na capacidade de poñerse ao servizo dos que eran excluídos por parte dos que mandaban e tomaban decisións sobre as vidas dos demais, e dos que Xesús se ía apartando. E iso non era ben visto pola autoridade. Ao contrario, buscaban a quen facía tal cousa e acusábano de tolo e desequilibrado. Pero no fondo da acusación o que aparece é o medo ante a resposta que a maneira de actuar de Xesús, xunto coa capacidade de mover os corazóns das persoas a escoitalo e seguilo, xerando un clima de novidade e revolución pacífica, que puña moi nerviosos aos que mandaban. E naquel tempo non había internet, nin tampouco se facían dossiers para mandalos á prensa; e para nada se dispuña unha televisión na que poder acusar inda que fose sen probas, pero si en momento de máis audiencia –calumnia que algo queda-. Non, no tempo de Xesús non había nada diso, pero si o medo. Un medo que levou a que decidisen collelo e facelo desaparecer. Quen? os que mandaban, aqueles aos que Xesús lles parecía un atranco para poder seguir facendo o de sempre: aplastar aos máis pequenos e indefensos. Por iso non dubidan en buscar testemuñas falsas para acusalo. Verdade que, inda que outro contexto, todo isto hoxe nos resulta familiar? A resposta de Xesús é sempre a mesma: o amor e o servizo. Estas dúas son as claves que El nos deixou para estar e actuar no medio do mundo con criterio de seguimento da súa mensaxe. O demais virá por medio do momento histórico e cultural de cada tempo. Por iso non hai que terlles medo, porque o importante non son as mediacións, que pasan e se esquecen, senón os principios e as conviccións. E esta tarde o gran principio e convicción segue a ser o mesmo que estaba tamén presente naquela cea: amade e servide. Tod@s, sen excepción nin clase.

AXUNTÁMONOS PARA AGRADECERCHE

Xoves Santo, Xoves do amor, a solidariedade e o servizo. Tres valores fundamentais na vida dos que nos chamamos cristiáns. Fagamos deles estrada pola que camiñar, e unámonos para dicirlle ao Señor:
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR SERVIZAL
1.  Para que como Igrexa non practiquemos a indiferenza que esquece, exclúe e fai invisibles os problemas e dificultades dos homes e mulleres cos que nos relacionamos cada día, OREMOS.


QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR SERVIZAL
2.  Para que nas nosas parroquias non deixemos que os comentarios, as medias verdades, a autosuficiencia ou os comentarios malintencionados se convertan na maneira habitual de achegarnos ás persoas que viven solas, experimentaron o fracaso, ou sen senten excluídas e esquecidas por tod@s, OREMOS
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR SERVIZAL
3.  Para que deixemos que entre en nós a forza da Palabra de Deus que temos proclamado, e fagamos memoria viva e actualizada da presenza de Xesús non só nas celebracións, senón tamén no recoñecemento e trato digno para cos demais, OREMOS.
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR SERVIZAL
4.  Para que neste Xoves Santo, día do Amor Fraterno, teñamos presente na nosa oración, e sempre no noso recoñecemento, ás persoas que dan parte do seu tempo e da súa vida, a través das institucións que traballan cos máis excluídos, como a mellor das maneiras de concretar o seguimento e a mensaxe de Xesús, OREMOS.
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR SERVIZAL
5.  Para que as persoas que están ao fronte das comunidades cristiáns realicen o seu labor pastoral desde actitudes de escoita, achega e dispoñibilidade, facendo do seu ministerio sacerdotal un verdadeiro e sincero servizo á causa de Xesús desde a atención aos membros das súas comunidades, OREMOS.
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR SERVIZAL
Señor, somos fill@s do noso tempo, e cústanos manternos fieis ao guieiro que nos propós para facer da vida unha experiencia de acollida e misericordia. Axúdanos a non apartarnos da fonte da túa palabra, para que a auga que dela brota sexa a que cure a nosa sede de amor,servizo e solidariedade. P.X.N.S.
A LEDICIA DO DÍA QUE CAE
Hoxe é Xoves Santo. Un dos días que alumea máis ca o sol, dicían os nosos maiores. Un sol dicimos nós, que se presenta como solidariedade, busca da xustiza, actitudes de servizo e tempo ofrecido a quen pasa por momentos difíciles e necesita ser escoitado, axudado e acompañado.

Hoxe é Xoves Santo. Non un día de vacación primaveral, senón para celebrar que a causa de Xesús é tamén a nosa causa. Que o seu pasar polo mundo facendo o ben, marque o noso paso para facermos o mesmo.

Hoxe é Xoves Santo. Día de acompañar coa nosa oración ás persoas, os nosos pastores, que presiden e acompañan a vida das nosas comunidades. As ledicias e festas, e tamén nos momentos nos que a a dureza da vida en forma de morte, dor ou dificultade se fai presente. Hoxe rezamos con eles e por eles, e pedímoslle a Deus que non se deixen corromper pola soberbia nin a autosuficiencia; que non se deixen levar polo autoritarismo nin a imposición. Pedímoslle ao Señor que manteña sempre viva no seu corazón a chama do servizo e acollida que os moveu a dicir Si o día da súa ordenación.

Hoxe é Xoves Santo. O día no que o amor triúnfa sobre o abuso, os intereses individuais ou o paternalismo infantil que nos impide crecer e madurar na fe. Que lle agradezamos ao Señor este acto de amor que converte a Eucaristía en fonte e cumio do noso vivir e celebrar sempre en comunidade. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor