Ir al contenido principal

Venres Santo 2015 B



Descarga o ficheiro


ESQUEMA


1)                        LITURXIA DA PALABRA

2)                    FRATERNIDADE ORANTE

3)                     ADORACIÓN DA CRUZ

4)                    COMUÑÓN



CANTOS

Entrada: Música relixiosa (son de fondo)
Lecturas: Pai, Pai, eu póñome nas túas mans
Adoración da cruz: Música relixiosa (son de fondo)
Comuñón: Acharte presente






Abrir os ollos poñendo o corazón non no fracaso que entristece, senón na ledicia que nos fai camiñar na esperanza

(Quen dirixe a celebración, comeza poñéndose en actitude de adoración diante do monumento)

UN CAMIÑO SEMPRE ABERTO

Palabra, cruz e Comuñón. Tres eixos para situar a celebración deste día:

-      A Palabra que nos chega a través do  Servo sufrinte do profeta Isaías e da lectura da paixón de S.Xoán. No centro desta palabra a persoa de Xesús de Nazaret: Aquel que pasando facendo o ben, foi quen de entregar a súa vida por algo tan pouco cotizado hoxe en día como son os demais. Unha entrega xenerosa e solidaria. E que nos chega hoxe a nós por medio dunha celebración sobria e sinxela.
-      A Cruz que é dor, non podemos negalo, pero tamén é esperanza. A esperanza que dá sentido ao esforzo de tod@s cantos poñen a súa vida a carón das vidas que están a pasar pola experiencia de dificultade, dor, enfermidade, abuso, explotación, engano...; experiencia de cruz, ao fin e ao remate. A todas estas cruces queremos achegarnos esta tarde, non para contemplalas, senón para tender a nosa man e encamiñalas facéndoas camiñar cara a esperanza. A morte foi vencida, e outra cruz, que non sexa a da morte, é posible!
-      A Comuñón que nos fai sentir preto uns dos outros, preocupándonos, axudándonos, compartindo camiño, dores e proxectos no nome de Xesús, o Servo que asume na súa persoa o camiño de novidade .
Que fagamos tod@s o esforzo por converter esta celebración nunha experiencia de renovación e acompañamento solidario na comuñón compartida cos demais en Xesús.
(Desde a sé faise a oración sen dicir oremos)

DESDE O ECO DA TÚA VOZ

Lembra, Señor, que a túa tenrura e a túa misericordia son eternas. Santifica aos teus fillos e ás túas fillas e protéxeos sempre, pois Xesucristo, o teu Fillo, no noso favor instituíu por medio do seu sangue o misterio pascual. P.X.N.S. Amén.

TAMÉN NÓS NOS POÑEMOS EN CAMIÑO ABRÍNDONOS Á TÚA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ao seu Servo. A grande multitude quedará abraiada ante el, pois o seu aspecto non parecía o dun home.
Non tiña beleza nin esplendor; vímolo, e o seu aspecto non era atraente. Desprezado, o máis rexeitado dos homes, varón de sufrimentos, familiarizado coa dor. Coma alguén de quen se esconde a cara, desprezado, non lle tivemos aprezo.
El cargou coas nosas dores, el soportou os nosos sufrimentos. Nós considerámolo ferido. Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías, foi esmagado polas nosas iniquidades.
Todos nós coma rabaño andabamos perdidos, cada un polo seu camiño. Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós. Foi oprimido, foi aflixido; pero el non abriu a súa boca. Ninguén se preocupou da súa vida.
El foi arrincado do mundo dos vivos, para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo. Pero el verá descendencia, alongará os seus días e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
Polos traballos da súa vida verá a luz, alcanzará a sabedoría. O Xusto volverá xusto o seu Servo para o ben de moitos.

                                                                             PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO XOÁN

C.- Saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mailos seus discípulos. Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:
+ ‑¿A quen buscades?
C.- Respondéronlle:
S.‑ A Xesús de Nazaret.
C.- Díxolles El:
+. ‑ Eu son.
C.- Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. Cando lles dixo Eu son, botáronse para atrás e caeron ó chan. Entón, preguntoulles outra vez:
+. ‑ A quen buscades?
C.- Eles contestaron:
S.‑ A Xesús de Nazaret.
C.- Xesús respondeulles:
+ .‑ Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.
C.- Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".
C.- Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. Pero Xesús díxolle a Pedro:
+ ‑ Mete a espada na vaíña; e, logo, non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?
C.- Entón a patrulla, o tribuno e mailos gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono. Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. (Era Caifás aquel que lles dera ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").
Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo ‑o coñecido do Sumo Sacerdote‑, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. A porteira preguntoulle a Pedro:
S.- Non es tamén ti dos discípulos dese home?
C.- El contestou:
S.- Non son.
C.- Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse. Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose. Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. Xesús respondeulle:
+ .‑ Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan tódolos xudeus, e non falei nada ás agachadas. Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.
C.- Ao dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:
S.- Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?
C.- Xesús replicoulle:
+ .‑ Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, por que me pegas?
C.- Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote. Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:
S.- Non es tamén ti dos seus discípulos?
C.- El negouno, dicindo:
S.- Non son.
C.- Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:
S.- E logo non te vin eu na horta con el?
C.- Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo. Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen come-la Pascua. Saíu entón fóra Pilato, onda eles, e preguntou:
S.- Que acusación traedes contra este home?
C.- Eles responderon:
S.- Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.
C.- Díxolles entón Pilato:
S.- Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
C.- Os xudeus contestáronlle:
S.- Non nos é lícito matar a ninguén.
C.- Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
S.- Es ti o Rei dos Xudeus?
C.- Xesús respondeu:
+. – Dis iso ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
C.- Pilato replicou:
S.- E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
C.- Xesús contestoulle:
+ .‑ O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
C.- Díxolle entón Pilato:
S.- Logo ti es Rei?
C.- Xesús respondeu:
+. ‑ Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
C.- Pilato preguntoulle:
S.- Que é a verdade?
C.- E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:
S.- Eu non atopo nel culpa ningunha. Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. Queredes, logo, que vos solte ó Rei dos Xudeus?.
C.- Berraron entón outra vez, dicindo:
S.- Non. A ese non; a Barrabás.
C.- (O tal Barrabás era un bandido). Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, e, inclinándose diante del, dicíanlle: "Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas.
C.- Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:
S.- Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.
C.- Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:
S.- Ei-lo home.
C.- Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:
S.- Crucifícao, crucifícao!
C.- Pilato respondeulles:
S.- Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.
C.- Os xudeus replicaron:
S.- Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.
C.- Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito medo, entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:
S.- De onde es ti?
C.- Pero Xesús non lle deu unha fala. Entón Pilato insistiu:
S.- Comigo non falas? Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte?
C.- Xesús respondeulle:
+. ‑ Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado.
C.- Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:
S.- Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ó César.
C.- Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeado "O enlousado", en hebreo "gábaza". (Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día). Díxolles aos xudeus:
S.- Velaquí o voso rei.
C.- Pero eles berraban:
S.- Fóra, fóra!. Crucifícao!
C.- Pilato preguntoulles:
S.- Pero , como vou crucifica-lo voso rei?
C.- Os sumos sacerdotes insistiron:
S.- Non temos máis rei có César.
C.- Daquela, entregóullelo para que o crucificasen. Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio. Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
S.- Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".
C.- Pilato respondeu:
S.- O escrito, escrito está.
C.- Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del ‑e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado‑, e maila túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron entre eles:
S.- Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.
C.- Así cumpriuse a Escritura, que di: Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica. Tal fixeron os soldados.
Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
+. ‑ Muller, velaí o teu fillo.
C.- Despois díxolle ó discípulo:
+.‑ Velaí a túa nai.
C.- Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el. Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
+ ._ "Teño sede".
C.- Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado ‑pois era grande aquel día de sábado‑, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.
Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús – inda que ás agachadas, por medo aos xudeus‑, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. Foi tamén Nicodemo ‑aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite‑, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA ENRAIZADA
(Facemos unha breve reflexión que axude a entender a celebración e a situar, no día a día, os textos que acabamos de proclamar)

Rematada a lectura da Paixón, faise unha pequena reflexión invitando a vivir a celebración do Venres Santo como unha experiencia de paso, non como final de camiño. A morte, non o foi para Xesús e tampouco o é para nós, non é o remate de todo. Logo dela, para nós os cristiáns non está a nada nin o simple podrecer dos nosos osos, senón o cumprimento da esperanza que foi alentando a nosa vida: a plenitude de estar con El. A dor, o fracaso, a inxustiza, a incomprensión... foron vencidas; non puideron con nós. O rostro acolledor de quen non fai descartes, senón que mira e se aleda é o que nos espera. Por iso Venres Santo non é fin de camiño, senón paso. Desde esta afirmación unirémonos na oración universal poñendo a vista, o corazón e as nosas mans nas vidas de tantas persoas lastradas polo sufrimento e a incomprensión; á vez que nos achegaremos despois a realizar a adoración da cruz, porque nela foi acollida a salvación do mundo.
FRATERNIDADE ORANTE
Compartamos a oración universal, e loitemos contra a indiferenza e a invisibilidade que tantas veces fan que esquezamos a realidade na que vivimos. Respondemos dicindo:
NAS TÚAS MANS, SEÑOR, POÑEMOS AS NOSAS PREOCUPACIÓNS E DESDE TI CONSTRUÍMOS ESPERANZA
  1. Pola Igrexa, para que sexa unha Igrexa de fronteira, unha Igrexa cos ollos abertos e o corazón samaritano do servizo, OREMOS.
NAS TÚAS MANS, SEÑOR, POÑEMOS AS NOSAS PREOCUPACIÓNS E DESDE TI CONSTRUÍMOS ESPERANZA
  1. Polo papa Francisco, para que a súa palabra e o seu testemuño sexan sempre un servizo de alento a vivir o seguimento de Xesús; chamándonos aos cristiáns a facernos presentes nos gozos e esperanzas dos homes e mulleres do noso tempo, OREMOS.
NAS TÚAS MANS, SEÑOR, POÑEMOS AS NOSAS PREOCUPACIÓNS E DESDE TI CONSTRUÍMOS ESPERANZA
  1. Polas comunidades cristiás, para que non perdamos a frescura da Palabra de Xesús nin a forza do testemuño de tantos homes e mulleres que fan da súa vida unha entrega xenerosa aos descartados do noso mundo e vivamos a nosa fe sendo comunidades de fronteira e en diálogo cos que tamén traballan pola dignidade das persoas, OREMOS.
NAS TÚAS MANS, SEÑOR, POÑEMOS AS NOSAS PREOCUPACIÓNS E DESDE TI CONSTRUÍMOS ESPERANZA
  1. Pola unidade dos cristiáns, para que nunca fagamos do nome de Xesús nin do Evanxeo motivo de enfrontamento, loita ou rivalidade; senón que traballemos por abrir camiños de encontro e colaboración na defensa de todo canto humaniza, OREMOS.
NAS TÚAS MANS, SEÑOR, POÑEMOS AS NOSAS PREOCUPACIÓNS E DESDE TI CONSTRUÍMOS ESPERANZA
  1. Polas persoas que non cren, para que o noso testemuño, non o medo nin a imposición, as axuden a descubrir que paga a pena confesar a fe no Deus que nos chama a unir esforzos por ser solidarios e buscadores de canto fai a vida das persoas respecto, esperanza e dignidade, OREMOS.
NAS TÚAS MANS, SEÑOR, POÑEMOS AS NOSAS PREOCUPACIÓNS E DESDE TI CONSTRUÍMOS ESPERANZA
  1. Polas persoas descartadas e excluídas, por cantos son vítimas do esquecemento, da mentira e do engano dos poderosos e dos que, co seu silencio, nós moitas veces, permiten/mos que a explotación, a intolerancia e a invisibilidade nos fagan esquecer que todos somos persoas e polo tanto, iguais e irmáns, OREMOS.
NAS TÚAS MANS, SEÑOR, POÑEMOS AS NOSAS PREOCUPACIÓNS E DESDE TI CONSTRUÍMOS ESPERANZA

ADORACIÓN DA CRUZ
1) INVITACIÓN PARA MOSTRAR A CRUZ
Comeza agora o momento da adoración da cruz. Desde o fondo da igrexa imos subindo con ela tapada, avanzamos ao longo do corredor, á vez que imos destapando cada un dos brazos e cantando –facémolo tres veces- xunt@s:
Desde o fondo da Igrexa, tres persoas con velas traen a cruz

Mirade a árbore da cruz, na que estivo cravada a salvación do mundo

Vinde adorala    
       
        Unha vez chegado quen preside/dirixe a celebración, diante do presbiterio, mostrámoslle á asemblea a cruz e invitamos a cantos participan na celebración a achegarse para adorala individualmente. Namentres dura a adoración soa música clásica. Non cantamos para favorecer o clima de silencio e recollemento que o momento suxire.



COMUÑÓN

Comezamos a última parte da celebración de hoxe dirixíndonos ao lugar onde temos colocado o Pan consagrado na celebración do Xoves. Levámolo ao altar.

*Noso Pai
*Año de Deus
*Distribución da comuñón
*Oración

Señor da misericordia e da esperanza, renováchesnos coa morte e resurrección do teu Fillo Xesucristo. Grazas por seguir dándonos novas oportunidades, a pesares das nosas dúbidas e das nosas desconfianzas. P.X.N.S. Amén.

*BENDICIÓN

Que a túa bendición, Señor, descenda con abundancia sobre esta comunidade, que ten celebrado a morte do teu Fillo coa esperanza da súa santa resurrección; veña sobre ela o teu perdón, concédelle o teu consolo, acrecenta a súa fe, e consolida nela a redención eterna. P.X.N.S. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel