Ir al contenido principal

Domingo de Ramos 2015 B

Descarga o ficheiro


ESQUEMA

 FÓRA DO TEMPLO

SAÚDO
POR QUE ESTAMOS AQUÍ?
PROCLAMACIÓN DO EVANXEO DE XOÁN
BENDICIÓN DOS RAMOS
SEGUIREI OS TEUS PASOS
CANTO PROCESIONAL: MOITO ME ALEGREI

DENTRO DO TEMPLO

*PROCLAMACIÓN DO EVANXEO DE MARCOS
*FAGAMOS PALABRA VIVA
*CREDO
*POÑAMOS NA SÚA MAN A VIDA
*OFERTORIO: XURDIRÁ
*   PAZ: QUE VEÑA A PAZ
*COMUÑÓN: GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS
*PALABRA PARA PENSAR
*BENDICIÓN
Moito me alegrei seguindo as túas pegadas!. Grazas por non facerme invisible!!!!!!!!!!!!!!

(Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos).

SAÚDO

Quen preside: O amor de Deus, sempre Pai e Amigo, que se ten manifestado en toda a súa plenitude en Xesucristo, de quen nos imos deixar acompañar ao longo desta Semana Santa, que queremos celebrar actualizando os momentos da súa vida que son para nós luz, esperanza e cimento da fe: a entrada en Xerusalén, o seu querer quedar con nós na Eucaristía, a súa entrega no contrasentido da cruz e a súa vida nova en resurrección ofrecida, sexa con tod@s vós.

POR QUE ESTAMOS AQUÍ?

Con este percorrido que agora iniciamos,os católicos proclamamos publicamente a nosa fe na vitoria de Cristo sobre o pecado e a morte. Aqueles que nos vexan pasar deben descubrir en nós a verdadeira expresión de que Deus é alegría na nosa vida. Como pobo de Deus camiñamos non cara á tristura do Venres Santo, senón cara ao gozo da pascua de resurrección e vida. Os ramos que levamos nas mans non son simples amuletos da boa sorte; son verdadeiros símbolos da nosa fe. Con eles mostramos que tamén nós queremos acoller a Xesús como facho que ilumine a nosa vida para, desde El, esforzarnos por ir sementando, alí onde esteamos, sementes que fagan posible a civilización do amor. Poñámonos sen máis demora en camiño!.



PROCLAMACIÓN DO EVANXEO

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN
A xente que viñera á festa, oíndo que Xesús viña a Xerusalén, apañou ramas das palmeiras e saíulle ao encontro exclamando:
¡Hosanna!: ¡Bendito o que vén no nome do Señor,o Rei de Israel!.
Xesús atopou un burriño, e montou nel, conforme está escrito:
Non temas, filla de Sión, mira que vén o teu rei, montado nun burriño.
Ao comezo os seus discípulos non comprenderon estas cousas; pero cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron.
PALABRA DO SEÑOR
BENDICIÓN DOS RAMOS
Señor, imos comezar este camiño que nos leva a gozar da vida coa bendición destes ramos e palmas que hoxe traemos cantos participamos desta celebración. Sabendo que Ti tamén queres acompañarnos nesta andaina, pedímosche que a túa bendición se faga presente entre nós, de xeito que poidamos ser testemuñas de unión e colaboración para facer desta comunidade berce de solidariedade, entendemento e diálogo. Bendí + estes ramos e palmas, cos que mostramos que comezamos o camiño que nos leva a participar comunitariamente de Semana santa. P.X.N.S.
SEGUIREI OS TEUS PASOS
O sentido da procesión é acompañar a Xesús, pero non só neste momento. Tratase do desexo de estar presente nos seus momentos de dúbida, de angustia, de soidade, de abandono, mesmo daqueles que dicían ser dos seus, dos  que compartiron con el a proposta do Reino de Deus.
Desde esa EXPERIENCIA de acompañar a Xesús, estaremos en disposición de estar CERCA dos que hoxe son descartados, afastados e ignorados de maneiras diversas. Camiñemos, pois, xunto a Xesús, para aprender Del e do seu estilo.
CANTO PROCESIONAL: MOITO ME ALEGREI

PROCLAMACION DA PALABRA (Mc. 15, 1-39)
(Pensando n@s que deben acompañar e dinamizar varias celebracións, propoñemos a lectura máis breve da Paixón)

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

C.- Á mañanciña cedo, os sumos sacerdotes, os anciáns e mailos letrados ‑todo o Sanedrín‑, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
C.- Pilato preguntoulle:
S.- Es ti o rei dos xudeus?
C.- Respondeulle:
+. ‑Ti o dis.
C.- E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Pero Pilato volveulle preguntar:
S.- Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
C.- Pero Xesús non respondeu nada, deixando moi estrañado a Pilato.
Polas festas tiña o costume de soltar o preso que lle pedisen. Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o indulto tradicional. Pilato respondeulles:
S.- Queredes que vos solte ao rei dos xudeus?
C.- Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero eles encirraban á xente, para que lles liberase a Barrabás. Pilato respondeu:
S.- E que fago eu con ese ao que lle chamades rei dos xudeus?
C.- A xente volveu berrar:
S.- Crucifícao!
C.- Pilato replicou:
S.- Pero, que mal fixo?
C.- Mais eles berraban máis forte:
S.- Crucifícao!
C.- E Pilato, para compracer ao pobo, soltou a Barrabás; e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Os soldados, levárono, para dentro do pazo do gobernador, é dicir, do Pretorio, e chamaron a toda a compañía. Vestírono de púrpura, e trenzaron unha coroa con espiños e encaixáronlla. Empezáronlle a facer saúdos:
S.- Saúde, rei dos xudeus!
C.-E cunha canivela dábanlle golpes na cabeza, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. E despois de faceren riso del, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. Despois levárono fóra, para o crucificaren.
Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira ‑o pai de Alexandro e de Rufo‑ e obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes para saber o que lle tocaba a cada un.
Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: "O rei dos xudeus". Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
S.- Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
C.- Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
S.- Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
C.- Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra, ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora, Xesús berrou moi forte:
+.- Eloí, Eloí, lamá sabactaní
C.- Que quere dicir:
+ .- “Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?”
C.- Oíndo aquilo, algúns dos presentes comentaban:
S.- Oístes? Está chamando por Elías.
C.- E un deles, botando a correr, empapou unha esponxa en vinagre, espetouna nunha canivela, e deulle de beber, dicindo:
S.- Deixade, a ver, logo, se vén Elías baixalo.
C.- Pero Xesús, dando un berro moi alto, expirou.
O veo do Templo rachou en dous de arriba abaixo. O centurión, que estaba diante, oíndo o berro que deu ao morrer, dixo:
S.- Verdadeiramente este home era Fillo de Deus.

PALABRA DO SEÑOR
FAGAMOS PALABRA VIVA

-        Inda que a celebración de hoxe é longa, non debemos deixar a ocasión para tentar entendela, e deste xeito gozar de canto estamos a celebrar. Comezabamos fóra, cousa que é excepcional na estrutura das celebracións da Eucaristía. E faciámolo así para marcar ben o sentido do que estes días imos celebrar os que nos chamamos seguidores de Xesús (para nós non son as festas de primavera, senón as celebracións centrais da fe que compartimos e celebramos ao longo de todo o ano): o camiño que vai da acollida á Pascua, pasando pola Cea do amor e o servizo, e a Cruz do sufrimento e o fracaso. E que mellor que expresalo cunha procesión que mostre que nos poñemos en camiño!. Ramos e palmas son sinais de que estamos dispostos a acoller e facer desta acollida sinal do que quere ser a nosa vida cotiá.
-        Un segundo aspecto a ter en conta hoxe é a proclamación da Paixón. Unha vez máis este relato achéganos á persoa de Xesús en toda a súa humanidade. Encarnouse para ser un de nós, dos nosos! A súa non foi unha simulación nin unha recreación a modo humano, senón a que asumiu a nosa condición humana, “pasando por un de tantos”. Un de tantos homes e mulleres que teñen sufrido –sofren tamén hoxe– incomprensión, inxustizas, desenganos, abuso, engano... canto hoxe temos escoitado nesta lectura é un situarnos cara a cara con todas as persoas que no noso mundo, aparentemente tan avanzado e tecnolóxico, vense reducidas a cousas, números ou obxectos cos que se xoga segundo os intereses de quen corresponda, facéndolles perder todo o sentido de dignidade e humanidade que Deus puxo en nós.
-        E a terceira idea que quizais nos poida axudar a entender mellor o sentido desta Semana que hoxe comezamos, á que chamamos Santa, é que toda a celebración está plantexada para ser vivida, celebrada e realizado de xeito comunitario. Non vén cadaquén ao seu, vimos xunt@s para celebrar xunt@s. Porque a fe é un agasallo que Deus nos ten concedido para celebralo cos demais. Por iso é pulo, esforzo e comuñón. Que desde ela saibamos vivir estes días como experiencia do misterio da vida que tod@s estamos chamados a protexer.

POÑAMOS NA SÚA MAN A VIDA

Sabendo que a nosa celebración é encontro de amizade e agradecemento, presentamos ao Señor as nosas inquedanzas, uníndonos ás de todas as persoas que, coma nós, teñen no mundo o seu recuncho no que atoparse con quen nos trae a boa nova do amor, e digamos:
QUE A SEMANA SANTA SEXA CAMIÑO QUE NOS DESCUBRA A TÚA ESPERANZA
û Por cantos nos sentimos Igrexa, para que anunciemos e vivamos o misterio da Cruz con actitude de servizo, apostando polos máis pobres, OREMOS.
QUE A SEMANA SANTA SEXA CAMIÑO QUE NOS DESCUBRA A TÚA ESPERANZA
û  Que a paz, Señor, sexa o camiño polo que, tod@s os que nos chamamos seguidores teus, nos esforcemos por percorrer. Hoxe lembrámonos especialmente das persoas que viven en situación de conflito, para que os que teñen a responsabilidade de dirixir as institucións públicas, traballen pola reconciliación e a xustiza, OREMOS.
QUE A SEMANA SANTA SEXA CAMIÑO QUE NOS DESCUBRA A TÚA ESPERANZA

û  Por tantas persoas ás que non se lles presta atención, interese nin tempo; para que a súa dor e tristeza non nos deixe a nós pasivos e indiferentes diante do seu sufrimento, OREMOS.
QUE A SEMANA SANTA SEXA CAMIÑO QUE NOS DESCUBRA A TÚA ESPERANZA
û Pol@s mulleres e homes que se afanan desinteresadamente en axudar aos demais, para que fagamos nosos os mesmos sentimentos de Cristo Xesús e sexamos portadores de esperanza, OREMOS.
QUE A SEMANA SANTA SEXA CAMIÑO QUE NOS DESCUBRA A TÚA ESPERANZA
A Ti, Señor, abrímosche as mans para poñer baixo o teu amparo as nosas inquedanzas, o que nos aleda e canto nos entristece, porque sabemos que nunca nos das as costas nin te esqueces de canto nos axuda a atopar en Ti a forza que nos fai loitar contra da resignación e a pasividade. P.X.N.S. Amén.

PALABRAS PARA PENSAR
Grazas Señor pola oportunidade que me regalas e nos regalas,
cada día para vivir, para soñar, para escribir, para ser feliz e facer felices aos demais.
Permite que a túa bendición chegue aos que máis o necesitan.
Agasállanos cun corazón limpo e sincero.
Grazas, Señor.
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor