Ir al contenido principal

Sagrada Familia 2014 B



GOCEMOS DO NOSO SER FAMILIA DESDE O AGARIMO E A TENRURA DUNHA IGREXA QUE QUERE SER NAI E NON MADRASTA

Descarga o ficheiro


ESCOITA ACTIVA
                O nacemento de Xesús que celebrabamos hai uns día lémbranos a tod@s cales son as nosas raíces e a nosa identidade. Non nacemos por xeración espontánea nin por arte de maxia, senón que nacemos no seo dunha familia, e somos froito do amor. Non do amor pulsión e instinto, senón do amor tenrura, agarimo e xenerosidade; o amor do que Xesús nos deu testemuño desde a súa familia de Nazaret.
          Cando por fin a Igrexa está decidida, máis alá das presión e atrancos dos grupos máis conservadores, a ser verdadeiramente nai; non ao xeito dunha formulación teolóxica, senón desde a súa capacidade para abrir as portas e acoller, escoitar e acubillar, celebremos con gozo a alegría do evanxeo que nos di que, máis alá das diferenzas físicas, o que fai familia é a capacidade de querer e camiñar xunt@s.
Que a celebración que agora comezamos sexa unha verdadeira experiencia de agradecemento e oración compartida a quen quixo ser familia nacendo coma un de nós.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque non sempre somos capaces de valorar o esforzo dos que comparten con nós ser familia, SEÑOR, TERMA SEMPRE DE NÓS.
·         Porque ás veces esquecemos que a familia non é unha pensión, senón un encontro de cariño, respecto e xenerosidade, CRISTO, TERMA SEMPRE DE NÓS.
·         Porque nos falta colaboración nas familias e nos sobra tempo perdido en causas e cousas menos importantes, SEÑOR, TERMA SEMPRE DE NÓS.
PALABRA ENRAIZADA
*        Máis alá das tradicións e costumes, a Palabra de Deus volve invitarnos hoxe a facer un esforzo de interiorización, a mirar cara dentro de cada un de nós para ver cales son as actitudes que nós aportamos ao desenvolvemento cotián das nosas familias. Cando utilizamos esta palabra rapidamente deixamos de pensar en abstracto para facelo desde a concreción da nosa propia experiencia. Tod@s nós temos nacido no seo dunha familia, e tod@s nós tamén temos vivido nela situacións múltiples para o bo e para o malo, o que fai que as actitudes que a Palabra de Deus nos presenta hoxe ao referirse á familia, constitúan unha invitación a revisar se cada un de nós fai o esforzo de vivilas poñéndoas en practica na relación cotiá das nosas familias.
o   Honrar desde a misericordia e a bondade. Inda que agora a moitos lles parece que a familia pasou de moda, e que cadaquén ten que buscarse a vida sen ningún tipo de compromiso, a Palabra de Deus, e con ela a proposta de familia á que se nos invita a vivir aos cristiáns é a que camiña construíndose na honradez, non nos papeis nin nas aparencias. Honrar esixe valorar, recoñecer, prezar e non facer diferenzas entre os que a compoñen. E a honradez ha ir unida a outras dúas actitudes que nos temos que esforzar por poñer en práctica: a misericordia e a bondade. Porque a familia ten que ser unha experiencia de comuñón, de escoita e de dispoñibilidade a comprender e perdoar, e iso só é capaz de entendelo non quen coida que a familia é unha pensión na que se come e durme sen ningún tipo de compromiso por parte de tódolos seus membros; senón quen, coma cristiáns que somos, a vive desde a tarefa de facer dela unha experiencia de xenerosidade solidaria na que tod@s nos sentimos enriquecidos dando o mellor de cada un. Por iso, xunto coa misericordia, estamos chamad@s a facer da nosa relación familiar unha experiencia de comportamento ético, na que a bondade se converte en guieiro sobre a que se van estreitando as relacións entre uns e outros.

o   Respectar, desde a humildade e a sinxeleza. Xunto coa honradez, a familia tamén ten que ir crecendo nunha relación de respecto de uns para cos outros. Un respecto que non se basea en quedar ben externamente, senón que se vai construíndo nunhas relacións onde ninguén se cre con capacidade de impoñer unilateralmente aos demais o que pensa e decide; ao contrario, o respecto  vaise vivindo sabendo escoitarnos uns aos outros con humildade e sinxeleza. Porque nas familias non hai que establecer xerarquías de importancia e imposición. Pluralidade e respecto, é verdade que non son doadas de vivir, pero esta é a tarefa que nos corresponde a cada un de nós para que non fagamos das familias exércitos de imposición e obediencia cega, no canto de berces de diálogo e igualdade.

o   Perseverar desde a tolerancia e o perdón. Esta tarefa non é flor de un día, senón un esforzo continuo de paciencia -que non submisión indiferente- e perseveranza, para ir pouco a pouco estreitando lazos, crecendo en diálogo e poñendo en práctica a tolerancia e o perdón. Si, o perdón. Porque nas familias moitas veces damos por suposto o que non é. Por iso necesitamos aprender a pedirnos perdón cando ferimos, a escoitarnos cando alguén ten algo que manifestar e a tolerarnos sen necesidade de impoñer un único criterio para tod@s, como se a uniformidade fose solución aos problemas cando estes chegan. Non é doado, si, pero se non afrontamos as relacións familiares desde estas actitudes, corremos o risco de educar  no resquemor e na despreocupación cando aqueles que nunca son escoitados e aos que só se lle impoñen cargas, se vexan libres do ollo familiar que todo o pretende ver.
*        Nesta proposta que nos presenta hoxe a Palabra de Deus, que como vemos está baseada no amor e no cariño, é desde onde temos que ir facendo das nosas familias berces onde sentirnos chamados a mecer e ser acunados. E para isto no hai que facer da familia campo de batalla, pois isto só leva a que compartamos teito, pero non capacidade de diálogo en liberdade.
FRATERNIDADE ORANTE
Recemos xunt@s por tódalas familias, por tódalas maneiras de ser e sentirnos familia, tendo hoxe especialmente presentes as nosas familias. E digamos convencid@s:
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN BERCES DE ENCONTRO, RESPECTO E AMOR
*      Para que aprendamos a ser unha Igrexa que se sente familia e crece desde a escoita, o respecto e o diálogo entre cantos nos sentimos parte dela, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN BERCES DE ENCONTRO, RESPECTO E AMOR
*      Para que nos esforcemos nas nosas familias por crear espazos de respecto, diálogo e escoita, sen caer na falsa obediencia de quen di si, pero sente todo o contrario, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN BERCES DE ENCONTRO, RESPECTO E AMOR
*      Para que cada un de nós venza a tentación de entender a familia como un encontro no que só recibimos, pero sen poñer nada da nosa parte para enriquecela en experiencias de sinxeleza, igualdade e cariño, OREMOS.
QUE AS NOSAS FAMILIAS SEXAN BERCES DE ENCONTRO, RESPECTO E AMOR
Grazas, Señor, por lembrarnos unha vez máis que a familia debe ser sempre unha experiencia de ledicia evanxélica onde nos queiramos, escoitemos e axudemos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Chegue aos nosos oídos, aos nosos corazóns, Señor, a alegría do Evanxeo.
Que ninguén na comunidade eclesial poida desentenderse, Señor, da misión de ser familias alegres.
Porque todos temos recibido de Ti a vocación ao amor.
Todos estamos chamados a ser testemuñas dun amor novo, dunha gran alegría, que será o fermento dunha cultura renovada, que pasa pola defensa do amor e da vida como bens básicos e comúns á humanidade.
Nesta festa da Sagrada Familia, pidamos a graza de experimentar a alegría do evanxeo da familia testemuñando esta alegría nos fogares, na Igrexa e na sociedade, de modo particular alí onde as diversas pobrezas materiais, sociais ou espirituais precisan dun anuncio convincente de esperanza e salvación.
(Da mensaxe dos Bispos españois para o día da Sagrada Familia 2014)

CANTO GOZOSO
Ø ENTRADA: Amigos nas penas e na festa
Ø LECTURAS: Benaventurados
Ø OFERTORIO: Eiqui están,Señor
Ø COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…