Ir al contenido principal

3 Advento B



NON PODEMOS VOLVER NACER FISICAMENTE, PERO SI FACER SAÍR OS GROMOS NOVOS QUE SUPEREN O PESIMISMO E AFASTEN O ENGANO E A CORRUPCIÓN. O ADVENTO É TEMPO DE SEMENTEIRA INTERIOR

Descarga o ficheiro


SINAL DE ADVENTO: Continuamos engadindo elementos ao noso sinal de Advento. Desta volta son tres as follas de carballo, coa súa chama acendida no medio, as que colocamos sobre o panel
ESCOITA ACTIVA
                Vivimos un momento de pesimismo e sensación de derrota. Aqueles nos que confiabamos fóronnos decepcionado: os políticos menten e corrómpense; os banqueiros engánannos e sácannos os cartos; na igrexa hai curas que abusan e lle fan dano aos máis pequenos e inocentes; no fútbol os grandes contratos fannos sentir humillados porque con pouco que fagan gañan todo que, sumados todos os membros e idade laboral da nosa familia, non somos capaces de gañar en trinta anos. É logo….,as cousas só son así?. Non haberá raiola de luz nin de esperanza algunha?.
Se a nosa análise fose só superficial teriamos que dicir que si; pero se afondamos un pouco, seguro que somos capaces de descubrir políticos honestos e traballadores –os que nunca saen nos telexornais-, traballadores de banco que cumpren co seu horario e tentan servir aos seus clientes;  curas que sen facer cousas espectaculares, tentan estar ao lado de que sufre, axudar a quen non ten ou visitar a quen está enfermo; mesmo hai xente nova que cada semana xoga a fútbol porque lle gusta e divirte.
Todo isto dinos que hai outra foto da nosa sociedade. Claro que é unha foto que non está no foco da noticia nin no horario estelar de emisión das grandes cadeas. Si, hai esperanza, hai vida, hai moitas vidas dándose para levar agarimo, paz, acollida e solidariedade a quen a necesite. Unámonos tamén nós a esta xeira, aparentemente invisible nos medios espectáculo, e fagamos da vida unha experiencia de compartir sorrisos e esperanzas.
Que o tempo de Advento sexa a nosa liña de saída nesta carreira por visibilizar a esperanza, que a hai, ao noso redor, e de unirnos nós tamén a ela!.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque nos deixamos guiar polo balbordo dos que fan barullo e pensamos que xa non hai nada que facer, SEÑOR, QUE SAIAMOS DO DERROTISMO.
·         Porque nos deixamos guiar polo que vemos de mal ao noso redor, e non poñemos forzas nin medios para non caer nel, CRISTO, QUE SAIAMOS DO DERROTISMO.
·         Porque nos deixamos guiar polas primeiras impresións e acabamos xulgando sen coñecer, SEÑOR, QUE SAIAMOS DO DERROTISMO.
PALABRA ENRAIZADA
·         Gústame a primeira lectura que acabamos de escoitar porque nos axuda a darnos conta de que a realidade non é só aquela que nos contan de xeito insistente as televisións, as radios ou os xornais. Non. Detrás de todo iso que escoitamos e lemos, hai unha vida moito máis grande e profunda, composta polo esforzo, o traballo, as gañas de facer ben as cousas, a sensibilidade para achegarse aos máis necesitados…. de moita xente. Persoas que, de xeito individual ou organizadas colectivamente, van facendo posible que xurdan novos gromos das moitas sementeiras feitas. Os que sementan en Caritas, o Banco de Alimentos, os Médicos sen Fronteiras, os que se agrupan para poñer a súa arte ao servizo de causas xustas e solidarias, os... Poderiamos seguir dicindo cousas que se fan no nome da esperanza, dunha sociedade mellor, duns veciños para que gocen nas súas parroquias das actividades de lecer que outros lles ofrecen. Xente nova e non tan nova que sementa esperanza máis alá do foco ao que sempre apuntan –e de tanto facelo xa cansa– os medios de comunicación. Isto novo é o que tamén hoxe está a xurdir e a crecer, e inda que aos poderosos ou os que queren influír para que pensemos todos o mesmo, non lle interesa, existe a está aí, non lonxe de nós, senón ao noso lado. Parádevos a pensar canta xente está ao voso redor comprometida e implicada en grupos, en institucións que teñen como cometido non o seu propio interese, senón facer agromar un sorriso na vida, tan e tantas veces dura, das persoas. A isto nos invita o texto de Isaías: a saír de nós mesmos, a mirar máis lonxe do noso e dos nosos, a deixarnos enchoupar pola presenza e a forza do Espírito que, igual que no tempo do profeta, tamén hoxe está sobre nós para que levemos a boa nova aos pobres, para curar os corazóns magoados, para alegrarnos e alegrarlles a súa vida. E o tempo de Advento quere ser un vieiro a abrir para que poida ir pasando por nós esta xeira de esperanza.
·         É este o gozo polo que exulta, se aleda, e brinca a alma-o noso ser, a nosa dignidade, o noso espírito- tal e como nos di o Salmo que rezamos entre unha e outra lectura. Unha ledicia que se manifesta cada vez que nos achegamos aos pobres, cada vez que somos capaces de deixar de facer caridade para facer compromiso e transformación social, cada vez que non calamos diante das inxustizas, os enganos, as medias verdades, os abusos ou as mentiras que nos contan para aproveitarse de nós. Non son todos, é verdade, pero os que son, canto mal fan a cantos si o fan ben!. Que as xeracións vindeiras nunca poidan dicir que os enganamos deixándolles un mundo máis triste, desigual, corrupto e baseado no engano e a mentira; un mundo máis pobre e empobrecido. Se calamos acabarán triunfando os de sempre. Se actuamos, evitamos que se siga crecendo nesta mentira á vez que lles estaremos abrindo novos carreiros de xustiza e humanización aos nosos fillos, netos, sobriños ou veciños. O Señor, que encheu de bens aos famentos, mandou baleiros aos ricos e poderosos… porque eles non poden ser os triunfadores, esperte neste Advento en nós a forza para non quedar nin quietos nin durmidos. É tempo de espertar, non de consumir, non de gastar, senón de actuar buscando que os de sempre non sexan os vencedores. Outro Nadal é posible se facemos do Advento unha experiencia de conversión e cambio!.
·         Así, nesta actitude é na que nos debera atopar Xesús cando chegue. Non importa se hai moitas luces de cores nin moitos produtos de rebaixa.O que importa é que nos atope co corazón cambiado e disposto, desde a alegría, tal e como nos di Paulo, dando testemuño de ser luz para endereitar o camiño que leva a Deus. Sexamos, como nos di Xoán, voz que clame contra canto fai ás persoas infelices por tratalas como cousas, como números, como datos ou como estatísticas.
FRATERNIDADE ORANTE
O Deus que nos invita a ter o camiño preparado para cando chegue,invítanos agora a compartir a oración, o que facemos dicindo xunt@s:
SEÑOR, PREPAREMOS A TÚA CHEGADA SEN CALAR ANTE A INXUSTIZA
·         Pola igrexa, para que aproveite toda ela, pero especialmente os que toman as decisións, para converterse do seu pecado de non estar ao servizo dos máis débiles e necesitados, OREMOS.
SEÑOR, PREPAREMOS A TÚA CHEGADA SEN CALAR ANTE A INXUSTIZA
·         Polas nosas parroquias, para que non volvamos nunca a vista ante as inxustizas, os malos tratos ou os abusos que poidamos coñecer, sabendo que a súa denuncia é sempre o mellor servizo que podemos facer á causa de Xesús, OREMOS.
SEÑOR, PREPAREMOS A TÚA CHEGADA SEN CALAR ANTE A INXUSTIZA
·         Por cada un de nós, para que este tempo de Advento reavive no noso interior o convencemento de que moitas veces os nosos comportamentos se afastan do Evanxeo e así nos esforcemos en poñelos ao servizo non dos que teñen poder, senón dos humildes e sinxelos, OREMOS.
SEÑOR, PREPAREMOS A TÚA CHEGADA SEN CALAR ANTE A INXUSTIZA
Grazas, Señor, por deixar que non durmamos ante un mundo cada vez máis entristecido pola mentira e o abuso dos máis pequenos e débiles. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
PARA CAMIÑAR NA LEDICIA DO ADVENTO
Se falas por teléfono, faino con alegría. Quen está no outro lado da liña descubrirá a alegría da fe.
Se tes que corrixir a alguén, faino con alegría. Conséguese máis con mel que con fel.
No teu traballo, procura poñer o esforzo do sorriso. Quen te vexa descubrirá que a ledicia de Deus vai contigo.
Na dificultade e no sufrimento, non perdas nunca a esperanza. Leva ilusión e agarimo alí onde hai dor.
Inda que por dentro chores, leva sempre un bo xesto no teu rostro. Hai xente que ante as bágoas dos outros é capaz de achegarse; pero outra xente, pola contra, rise delas. Non axudemos a que fagan menos de nós!.
A alegría debe ser a linguaxe normal e habitual dos cristiáns. Xesús, en tódalas circunstancias, buscou o ben dos demais.
O Advento afina as cordas da alma. Prepárate coa Palabra de Deus, coa oración comunitaria do domingo, co sacramento da misericordia que Deus pon ao noso dispor, e... por dentro sentirás a harmonía que Deus pon no teu corazón.
(A partires dun texto de Caritas, ADVENTO 2014 p. 75 )
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Volve Señor
LECTURAS: Coa nosa naiciña do ceo
OFERTORIO: Déixate querer 
COMUÑÓN: Non vou so

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor