Ir al contenido principal

Domingo 33 TO A

POR QUE A ENLATAMOS, SE A FE É PRODUTO DE TEMPORADA?
Descarga o arquivo
ESCOITA ACTIVA
            Na era dos conservantes e colorantes, na era da comida lixo e da cociña rápida, cada vez resulta máis difícil atopar unha cociña natural, coma a que se facía antes, a lume lento sobre a lareira e sen ningún tipo de engadido artificial. Isto vén a conto porque demasiadas veces a nosa fe tamén está en conserva, enlatada, encorsetada en compartimentos estanco que abrimos para vodas, bauticeiros, festas do patrón… e que logo volvemos pechar sen ter máis valor nin máis credibilidade na nosa vida cotiá.
          Porén, a Palabra que hoxe proclamaremos faranos caer na conta de que tod@s vimos ao mundo coa herdanza de Deus nas nosas mans. Ninguén carece de valores nin de oportunidades. Tod@s temos uns talentos, unha tarefa, unha misión, uns medios... que non debemos conservar, senón poñer a render. É o tempo de negociar, de producir.
          Hoxe, no día da Igrexa diocesana, esta chamada á corresponsabilidade resoa se cadra, con máis forza. Non fagamos oídos xordos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·        Porque en demasiadas ocasións os nosos medos, complexos e inseguridades converten a experiencia de fe nun mero fanatismo ou fundamentalismo, que só se adica a conservar e non a recrear, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS A CONFIAR EN TI.
·        Polas moitas veces nas que deixamos que os talentos e os dons cos que Ti nos agasallas murchen ou esmorezan, en lugar de poñelos a render, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS A CONFIAR EN TI.
·        Polas veces nas que non somos responsables no pequeno, no cotiá, coa familia, no traballo, cos veciños, SEÑOR QUE NOS ABRAMOS A CONFIAR EN TI.


PALABRA ENRAIZADA

Nuns momentos nos que o primordial parece ser “conservar” e non buscar con coraxe camiños novos para acoller, vivir e anunciar o proxecto do Reino , cómpre que tomemos nota do recadiño que nos manda Xesús en forma de parábola. Porque ninguén se atrevería hoxe a facer unha crítica tan radical ao conservadurismo cristián coma a que fai El coa parábola dos talentos que vimos de proclamar. Non podemos esquecer que o terceiro servo é condenado non porque cometera ningunha maldade, senón por terse limitado a conservar esterilmente o recibido, sen facelo frutificar.
A mensaxe de Xesús está, polo tanto, moi clariña:

non ao conservadurismo; si á creatividade
non a unha vida estéril; si á resposta activa a Deus
non á obsesión pola seguridade; si ao esforzo arriscado por transformar o mundo
non á fe enterrada baixo o conformismo; si ao seguimento comprometido que leva a ler os sinais dos tempos.

Porque é moi tentador vivir sempre evitando problemas e buscando tranquilidade: non comprometernos en nada que nos poida complicar a vida, defender o noso pequeno benestar. De certo que non hai mellor xeito de vivir unha vida estéril, pequena e sen horizonte.
E na vida de fe, sucede o mesmo. O noso maior risco non é saír dos esquemas de sempre e caer en innovacións esaxeradas, senón conxelar a nosa fe e matar a frescura do evanxeo. Temos que preguntarnos que estamos a sementar na sociedade, a quen contaxiamos esperanza, onde aliviamos sufrimento.... Velaí onde temos que poñer o acento e a intensidade, e non en banalidades coma axeonllarse na consagración, rezar en latín, levar vestidura talar ou botar unha chea de tempo diante do Santísimo.

Pero sería un grave erro presentarnos diante do Señor coa actitude do terceiro servo: “Aquí tes o teu. Aquí está o teu evanxeo, o proxecto do teu Reino, a túa mensaxe de amor cara aos que sofren. Conservámola fielmente. Non serviu para transformar a nosa vida nin para introducir o teu reino no mundo. Non quixemos correr riscos e vivimos na mediocridade e no “sempre se fixo así”; pero aquí está intacto”. En realidade estas persoas non se senten identificadas co Señor nin cos seus intereses. En ningún momento actúan movidas polo amor, senón polo medo. E é precisamente o medo o que as leva a actuar buscando a súa propia seguridade.
Hoxe o Señor tamén nos di a cada un e a cada unha de nós que enterramos os talentos, os dons, as cualidades coas que El nos bendiciu cando:
  • non nos sentimos chamad@s a seguir as esixencias de Cristo máis alá do ensinado e mandado sempre
  • non arriscamos nada por facer unha Igrexa máis fiel a Xesús
  • non asumimos a responsabilidade na nosa tarefa do reino
  • nos mantemos alleos a calquera conversión que nos poida complicar a vida
  • vivimos unha vida “relixiosamente correcta” sen arriscarnos a vivir o amor de xeito máis audaz e creativo
  • o medo ao fracaso non nos deixa seguir as aspiracións do noso corazón
  • non tomamos a iniciativa por medo a equivocarnos
  • só buscamos o noso propio proveito
  • cando enterramos a nosa vida porque nos dedicamos a conservar a virtude e a fe
Arriscar, velaí a solución. Non é un camiño doado; pero non hai outra se queremos comunicar a experiencia cristiá nun mundo que, aínda que moitos profetas de calamidades se empeñen en negalo, está en continuo cambio, si; pero está preñado da salvación de Deus. Hoxe tamén é tempo de salvación. A fe é produto de temporada.... por que, entón, nos empeñamos en enlata ou servila en conserva?.

FRATERNIDADE ORANTE

Compartimos agora a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE POÑAMOS A RENDER OS NOSOS TALENTOS

*        Pola Igrexa, hoxe pedimos especialmente pola nosa Igrexa diocesana de Tui-Vigo, para que se decate de que o seu quefacer non é conservar o pasado nin limitarse a sobrevivir, senón comunicar en cada momento histórico a Boa Nova dun Deus Pai que é estímulo, horizonte e esperanza para todas as persoas, OREMOS.
QUE POÑAMOS A RENDER OS NOSOS TALENTOS

*        Polas nosas comunidades, para que saibamos descubrilas coma o terreo fértil no que temos que plantar os nosos talentos para que dean froitos de escoita, comprensión, axuda e participación, OREMOS.
QUE POÑAMOS A RENDER OS NOSOS TALENTOS

*        Por cada un e cada unha de nós, para que sempre teñamos presente que a verdadeira fidelidade a Deus non se vive desde a pasividade, senón desde a vitalidade, a creatividade e o risco de quen trata de escoitar hoxe a súa chamada, OREMOS.
QUE POÑAMOS A RENDER OS NOSOS TALENTOS

Señor, unha vez máis invítasnos a abrir o corazón a unha oración solidaria e comprometida, que busca tender a man aos irmáns que nos necesitan. Que nunca agochemos os talentos que pousaches no noso corazón. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
XUNTOS FACEMOS POBO
Nunca digas: non sei,
non vallo, no podo,
non teño forzas,
eu non entendo,
esas cousas para os que saben...
Para facer pobo e terra, todos valemos, sabemos e podemos.

Se tes cinco, pon cinco;
se tes dous, pon dous;
se tes un, pon un.

Sé valente e humilde para descubrir e recoñecer o teu don;
acéptao e acéptate a ti con el.

Se Deus che deu corazón,
que o teu corazón non falle na hora da irmandade.
Se Deus che deu ledicia,
que a túa ledicia non falle no festexo dos pobres.
Se Deus che fixo reflexivo, que a túa reflexión non falle
á hora de medir os pasos para chegar a un mañá mellor.
Se Deus che fixo entendido,
aporta o teu entendemento para que o pobo medre.
Se Deus che fixo hábil para a unión,
pon esa habilidade ao servizo da unión que nos libera.

Anímate.
Xuntos facemos pobo,
Xuntos facemos terra.
M. Regal Un caxato para o camiño, pp. 136-137.

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Unha xuntanza de amor
LECTURAS: O Señor é o meu pastor
OFERTORIO: Señor Xesús

COMUÑÓN: Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor