Co gallo da Beatificación de Paulo VI
Clodomiro Ogando (*)
Parafraseando a
Serrat, podemos dicir que o próximo domingo 19 de Outubro, en Roma e en toda a
Igrexa universal, vai “ ser un gran día”. Porque o Papa Paulo VI será declarado
Beato polo Papa Francisco.
A diferenza de outras canonizacións e beatificacións, esta non está sendo nada
mediática. A timidez de Paulo VI
impúxose a súa brillantez intelectual. Era un home un estudoso que foi chamado
a desenvolver, e con gran acerto pastoral,
a sede arcebispal de Milán de onde saíu primeiro para participar na
primeira sesión do concilio Vaticano II, e despois – e xa non volveu – para
participar no conclave, logo da morte de Xoán XXIII, no que sería elixido Bispo
de Roma, e coma tal, Pastor da Igrexa universal, adoutando o nome de Paulo VI.
Non ter sido
un Papa baixo o seguimento permanente dos medios, non supón que non fose un
Papa sen cuxa achega dificilmente se podería entender nin a primavera eclesial
daquel tempo nin tampouco a actual; pero si supón que nun momento no que vai ser declarado “beato”,
é dicir modelo de vida cristián, este recoñecemento pase de “ puntiñas” para os
grandes medios de información xeral. Alomenos no noso país e na nosa terra. Por iso, desta beatificación apenas ten aparecido
referencia algunha nos medios, ni tampouco se teñen organizado peregrinacións
multitudinarias a Roma. Coido logo que é
o momento de achegar unhas palabras que mostren o recoñecemento ao seu labor á
fronte da “Barca de Pedro”.
Considero que Paulo VI, a pesares do pouco que
sobre o seu pontificado e a súa persoa aparece nos medios de comunicación, foi
o Papa máis brillante e importante da Igrexa ao longo século XX. Sí están
vostedes e ler ben: importante e brillante. Porque namentres é necesario
recoñecer o período do pontificado de Xoán XXIII coma o tempo do
“aggiornamento” eclesial, por ser el quen tomou a iniciativa de realizar un
concilio, o Vaticano II, que permitise
que entrara aire limpo e renovase as estruturas, bastante “carcomidas “ da
Igrexa; pero non é menos certo, que este
hoxe non tería sido nada máis ca un intento, se o sucesor do Papa Bo, non
asumise o reto de continualo, marcando tempos e método a un traballo que supuxo, non un
lavado, senón un verdadeiro cambio de cara da Igrexa Católica. E que tivo o seu
remate na xornada de clausura o 8 de decembro de mil novecentos sesenta e
cinco.
Cando se fala
do concilio, esquécese sempre que se seguiu desenvolvendo ata chegar ao final,
grazas á decisión e convicción, clara e
determinante, de quen fora o cardeal Montini, agora convertido en Paulo VI.O concilio
debía continuar, porque era unha necesidade e unha urxencia para unha Igrexa
necesitada de renovación e cambio.Unha
Igrexa urxida a dialogar co mundo, non desde parámetros de cristiandade,senón
desde a receptividade e escoita dun mundo en apresurado cambio de ciclo. Xa non era tempo de dogmatismos nin
especulacións, só un diálogo aberto, fraterno e sincero podería facer emerxer
unha imaxe da Igrexa disposta a escoitar máis que a impoñer. Un momento
complicado e que se necesitaba unha boa dirección á fronte do seu temón.
A aposta pola continuación do concilio vémola
reflectida no primeiro texto do seu maxisterio co que nos agasalla, a “Ecclesiam suam” – texto que hoxe, á luz
da exhortación de Francisco, “A ledicia
do Evanxeo”, adquire moita máis importancia e actualidade- e que serve de
pauta para as seguintes tarefas a desenvolver polos Pais conciliares, chamados
a volver a Roma para unha nova sesión conciliar. É este un traballo case que
descoñecido, pero sen o cal sería imposible entender o que aconteceu nas
seguintes sesións do concilio; atopámonos pois diante dun dos grandes
documentos do maxisterio ordinario do século XX. Un texto, do que sen facer
moito barullo, se cumpriron cincuenta anos da súa publicación o pasado 6 de
agosto. Nel, o Papa fai toda unha declaración de intencións do que el quere que
sexa o seu pontificado. Como texto programático do que logo ía ser o seu
pontificado, Paulo VI pon o diálogo coma eixe desde o que ir artillando o actuar e desenvolverse da Igrexa no medio
do mundo.Un diálogo que terá que irse desenvolvendo a modo de ondas que pouco a
pouco se vaian espallando, a modo de círculos concéntricos, ata posibilitar o
encontro desde a busca dun mesmo fin, inda con obxectivos diferentes: a
dignificación e respecto do ser humano. Só establecendo o diálogo, en tódolos
seus ámbitos, como camiño, poderemos facer da Igrexa unha verdadeira ” nai e mestra” que se converta en
verdadeira testemuña na tarefa de servir
ás persoas e ao mundo. Un diálogo que ten que comezar ao interno da propia
Igrexa –membros e comunidades - para logo continuar expandíndose e poder
establecer actitudes de escoita e traballo común con outras confesións cristiás
e relixiosas, e avanzando na busca dese diálogo coas institucións civís que
conforman e estruturan a sociedade.
Este proxecto
que marca a “Ecclesiam Suam” de
Paulo VI, veuse logo plasmado na constitución Gaudium et spes do concilio Vaticano II; e está na base desa alegría que nos chama a testemuñar Francisco na “ Evangelii gaudium”. Neste novo “kairós”
- tempo -, a nova primavera eclesial que entre tod@s, hoxe, estamos chamados a construír.
Quede aquí
este pequena homenaxe a este gran Papa que na mañá de hoxe, en Roma, será proclamado
novo “Beato” da Igrexa Católica.
(*) Profesor de Teoloxía Moral no Instituto Teoloxico San Xosé (Vigo)
Comentarios