Ir al contenido principal

4 Coresma A

NON QUEREMOS A LUZ QUE NOS CEGA, SENÓN A QUE NOS INDICA O CAMIÑO E NOS INVITA A FACELO XUNT@S

Descarga o ficheiro
SINAL DE CORESMA: Seguimos poñendo unha nova pedra por riba do altar; e explicando a necesidade de converter o tempo de coresma en esforzo por cambiar o corazón de pedra en corazón de carne.
ESCOITA ACTIVA
Paseniñamente, sen présa pero sen pausa, imos debullando este tempo de graza que quere ser para cada un e cada unha de nós a coresma. Deus vaise manifestando, vai saíndo ao noso encontro, vainos levando da man e mesmo no seu colo, esforzándose porque non vaiamos sol@s. A pesares dos nosos esquecementos, dos nosos retrasos, das nosas esixencias...., El segue a confiar en nós. E nós, podemos dicir o mesmo?. Porque se ben é certo temos momentos de honradez, lealdade, coherencia e franqueza, unha grande parte da nosa vida pasámola evitando: responsabilidades, compromisos, tomas de decisións.... Danos medo abrir os nosos ollos e ver a realidade, porque intuímos que “ver” terá consecuencias. Non queremos enfrontarnos ao que nos obriga a cambiar, non queremos recoñecer que estamos precisad@s de conversión, non queremos abandonar as nosas posicións, non queremos deixar atrás o vello e as tebras para mergullarnos na luz de Cristo.
Por iso Deus, unha vez máis vén na nosa axuda para ser luz no camiño da escuridade que, tantas veces, nos paraliza. Que El, que nos convoca nesta mañá do cuarto domingo da coresma, nos dea forzas para aceptar a súa invitación e podermos nós tamén dicir: “Só sei unha cousa: que eu antes era ceg@ e agora vexo”.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Para que entendamos que cambiar o corazón non é mirar ao externo, senón deixar atrás canto nos corroe interiormente, SEÑOR, DÁNOS LUZ PARA CAMBIAR A DUREZA DO NOSO CORAZÓN.
  • Para que saibamos gozar de canto nos invita a non camiñar na tristura de quen só rosma, pero nunca ergue os ollos para mirar de fronte, CRISTO, DÁNOS LUZ PARA CAMBIAR A DUREZA DO NOSO CORAZÓN.
  • Para que busquemos o que nos afasta da tebra que xustifica a inxustiza e a xenreira, e atopemos o que nos fai camiñar na paz e o entendemento, SEÑOR, DÁNOS LUZ PARA CAMBIAR A DUREZA DO NOSO CORAZÓN.
PALABRA ENRAIZADA
ü  Estar en actitude e disposición de darlle un cambio á nosa vida non é nada fácil. Cústanos a tod@s, porque supón recoñecer que hai cousas que non nos enchen, comportamentos que camiñan na rutina de non saber por que os facemos e medos que nos paralizan e impiden que afrontemos as situacións con realismo, sinceridade e verdade. E isto pásanos a tod@s nalgún momento. Pero non chega con recoñecelo, necesitamos facer algo... moito máis ca iso: hai que dar pasos que sexan capaces de que nos decidamos a romper con todas estas situacións que nos van levando como se non tiveramos máis ca superficialidade e baleiro na nosa vida. A primeira lectura que escoitamos hoxe dános unha clave de por onde poderían ir as cousas se de verdade estiveramos dispostos a romper con esta situación que tan insatisfeit@s nos deixa. E este cambio está en prestar atención á chamada que Deus sempre nos fai, como fixo con Samuel, a non deixarnos levar das primeiras impresións. Estas non adoitan ser nin as máis realistas nin as que ponderan e valoran tódolos aspectos que hai que ter en conta á hora de tomar unha decisión. Tamén a nós nos vai chamando e invitando a que o sigamos, pero non de calquera xeito, senón de xeito que o que facemos, a nosa maneira de abordar as decisións importantes da vida e as nosas relacións cos demais, saibamos facelas poñendo no centro dese xeito de actuar e decidir á persoa, non as aparencias nin o egoísmo de sacar a mellor tallada da situación. E como nos custa isto!.
ü  E para poder actuar deste xeito, non podemos andar sempre na tebra que endurece o corazón e non nos deixa actuar con responsabilidade e liberdade. Andar na tebra é decidir inconscientemente, buscar só o que nos interese sen importarnos o mal que lle podemos facer aos demais; facer as cousas para que nos vexan pero sen sentilas nin ser capaces de actuar como pensamos. Porén, andar na luz supón aprender a renunciar a recoñecementos externos, pero estar a gusto cun mesmo e coas decisións tomadas. Inda que os demais fagan riso de nós e nos menosprecen. E iso é así porque o que nos realiza como persoas e fai que nos aceptemos como somos é a sinceridade, non a aparencia. Por dicilo dun xeito que todos entendemos: o importante non é o papel que vai por fóra do regalo, senón o regalo, é dicir: a intención coa que facemos as cousas, o esforzo por facelas ben...e non a perda de tempo en cousas moi aparentes, pero que no fondo non valen nada. E iso só pode entendelo e actuar en consecuencia quen se toma en serio que temos que camiñar buscando a luz que nos impida perdernos ou enredarnos en encrucilladas que non acaban de axudarnos a tomar a dirección adecuada.
ü  E que mellor dirección que a que nos ofrece Xesús, unha vez máis, no evanxeo!. Namentres os que estaban ao seu redor perdían o tempo discutindo se a cegueira daquel home era culpa do pecado dos seus pais, Xesús non para niso, senón que lle ofrece claves moito máis profundas para entender o sentido da vida. Un non pode pasar a vida eludindo responsabilidades e botándolle a culpa do que nos pasa aos demais: se o destino, se a familia, se os amigos, se a moza/o, se ... como se non foramos libres para tomar decisións e actuar en consecuencia!. A vida vaisei construíndo desde as decisións que tomamos respecto a como queremos vivila, asumir as consecuencias das opcións que nos moven e das decisións que desde esas opcións temos que tomar. E só unha ten que emerxer sempre con forza, como guía de todo o demais: queremos ou non que Xesús acompañe a nosa vida?. Se de verdade o queremos, temos que estar dispostos a mergullarnos no evanxeo e deixar que a luz da súa palabra vaia iluminado a nosa vida; pero iluminándoa de verdade e camiñando desde a liberdade. Nin os pais, nin os amigos, nin as circunstancias poden decidir por nós. Axudarannos, acompañarannos, alentarannos, pero os que decidimos somos nós, pois somos os únicos que debemos actuar desde a liberdade e orientándonos cara ao que nos fai felices. Non na felicidade aparente, a do papel de regalo, senón a real, a do regalo mesmo. Disto é do que nos fala hoxe Xesús cando nos chama a non botarlle a culpa a ninguén, porque os que decidimos, para ben ou para mal, sempre temos que ser nós.
FRATERNIDADE ORANTE
Chamados a buscar a luz que nos ofrece Xesús para non trabucar o camiño, dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE NON NOS AFASTEMOS DA TÚA LUZ

*        Pola Igrexa, para en calquera parte do mundo onde desenvolva a súa misión non se deixe nunca engaiolar por canto é ficticio e irreal do poder e a riqueza, esquecendo que son as persoas, e principalmente ás máis pobres ás que ten que servir co seu testemuño, OREMOS.
SEÑOR, QUE NON NOS AFASTEMOS DA TÚA LUZ
*        Por cantos formamos parte das nosas comunidades parroquiais, para que non teñamos medo de achegarnos ao evanxeo que sempre é chamada a actuar acompañando, colaborando e preocupándonos dos veciños que neste momento de falta de traballo e recursos, necesitan da nosa axuda, OREMOS.
SEÑOR, QUE NON NOS AFASTEMOS DA TÚA LUZ
*        Por cada un/ha dos que estamos hoxe na celebración, para que deixemos que a luz da mensaxe de Xesús enchoupe o noso corazón e nos axude a deixar atrás o corazón de pedra, sempre orgulloso e insolidario, OREMOS.
SEÑOR, QUE NON NOS AFASTEMOS DA TÚA LUZ
Que a túa luz, Señor, ilumine cada recuncho da nosa vida, para facernos ver a necesidade de cambiar deixando atrás actitudes e comportamentos que nin nos fan felices nin nos achegan a cantos nos necesitan. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Xesús, luz, cura a miña cegueira,
que me poden as tebras,
perigosas e feas.
Guía os meus pasos na miña noite,
como fixeches cos Magos e a súa estrela.
Aplica aos meus ollos o colirio da verdade,
e sácame da noite, como fixeches con Nicodemo.
Quero verte, que te vexa.
E limpa, Señor, os meus ollos,
co colirio da esperanza e da misericordia,
co colirio do perdón e do amor;
sabendo que, cando cheguen a dor e a tristura,
no teu pan e na túa palabra,
atoparei o colirio da fe.
(Caritas, Cuaresma y Pacua 2014. P 84/85)
CANTO GOZOSO
*      ENTRADA: Eu sei de quen me fiei
*      LECTURAS: O Señor é o meu pastor
*      OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá

*      COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel