Ir al contenido principal

7 domingo TO A


O GOZO DUNHA UTOPÍA QUE DEPENDE DE NÓS IR CONCRETANDO: AMÉMONOS NA FRATERNIDADE SOLIDARIA

ESCOITA ACTIVA
As palabras, cando se usan de xeito indiscriminado ata convertelas en palabras fetiche –tanto valen para un roto como para un descosido–, acaban perdendo o seu significado orixinal e profundo. Isto é o que ten pasado coa palabra amor. A forza de ila repetindo tantas veces e utilizala en situacións que pouco ou nada tiñan que ver unhas con outras, acabamos por facerlle perder o sentido que lle deu Xesús cando o proclamou como o gran mandamento dos cristiáns. Porén, se queremos volver á novidade dos textos de Xesús, atoparemos a frescura dun valor, dunha actitude que nos levan a plantexar as nosas relacións cos demais desde unhas claves diferentes ás que habitualmente utilizamos.

O amor é cerne, cimento da mensaxe de Xesús, e está chamado a selo na vida dos cristiáns....na vida de cada un e cada unha de nós. Non deixemos que se cousifique en algo puramente físico que se esgota e rompe, e traballemos para convertelo en xenerosidade e entrega na nosa relación cos demais.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Por ter reducido o amor a un impulso físico, medíndoo como tempo e non como entrega e acompañamento, SEÑOR, SÁNDANOS COA TÚA MISERICORDIA.

*        Porque somos dos que perdoan, pero non esquecen, e a memoria do mal fainos infelices, CRISTO, SÁNDANOS COA TÚA MISERICORDIA.

*        Por empobrecer a forza e riqueza do teu amor ata convertelo en beneficencia, SEÑOR, SÁNDANOS COA TÚA MISERICORDIA.
PALABRA ENRAIZADA
  • Amor e próximo forman un binomio fundamental no ser dos cristiáns. Constantemente os textos da biblia, e dentro deles as actitudes que se propoñen como icona a seguir por parte das persoas, poñen este binomio como cerne do que supón confesar a presenza do Deus monoteísta no sentir, actuar e agradecer para a vida dos crentes. O día a día de cada un de nós ha estar marcado polo desenvolvemento destas dúas realidades que, parecendo doadas de cumprir cando se formulan teoricamente, convértense en tarefa e esforzo a medida que as pretendemos levar á nosa praxe de cada día. Isto pon de manifesto que o seguimento dunha convicción relixiosa non é un simple anuncio de boas intencións, senón unha loita por ir enchendo a vida de todo canto nos vai identificando coas actitudes e as esixencias que nos supoñen manifestarnos como crentes. Cómo non sentir rubor diante de certos comportamentos e manifestacións cando os que teñen a tarefa de servir e animar aos membros das comunidades, coa súa maneira de actuar e dicir, fan todo o contrario?. Cómo non sentir escándalo cando persoas que din ter fe en Deus son capaces de enganar, manipular e mesmo reducir ao anonimato e ao esquecemento aos máis débiles e necesitados ou aos que denuncian a súa hipocrisía por non ser coherentes no seu actuar co que din crer?. Pero, sen ir moi lonxe, cómo nós mesmos, tan críticos cos que mandan ou teñen calquera tipo de autoridade, somos capaces de xustificar cos nosos amigos ou familiares, o que non xustificariamos nin permitiriamos a quen pensa diferente a nós ou non é do noso círculo?. O amor a Deus e mais ao próximo non son dúas palabras bonitas que teñamos que relacionar mirando e esixíndolle aos demais. Ámbalas dúas teñen que ser os dous cimentos que nos fagan sentir que ter fe é importante e paga a pena, porque as persoas, fill@s de Deus, estamos por riba de intereses, ganancias ou poder. Deus, a quen tanto pronunciamos cos nosos labios, estanos a dicir que a dignidade e o respecto que pedimos para El e para nós, son os mesmos nos que temos que esforzarnos cando nos relacionamos cos demais. Só deste xeito seremos capaces de entender o que dicimos cando afirmamos que Deus é compasivo e misericordioso.


  • Este amor de dobre dirección só pode mostrarse a través do noso esforzo por non ceder á presión de facer da fe e das conviccións relixiosas algo irrelevante... reducíndoo –no mellor dos casos– a unha cuestión puramente cultural, empobrecéndoo nuns ritos e prácticas que, para moitos, só serven para atraer xente e dar beneficios económicos, pero sen ningunha ligazón cara ao Deus da salvación que non distingue entre uns e outros e non cala diante da inxustiza. Por iso Paulo fainos unha chamada de atención para que non vaiamos por este vieiro. A tal fin refréscanos a memoria ao dicirnos que non debemos enganarnos entreténdonos con andrómenas de desunión e enfrontamento....porque o noso non é máis, tampouco menos, que ter a Cristo como facho que ilumine o noso camiño. Non somos duns ou doutros: dereitas/esquerdas; ricos/pobres; espabilados/chouchos; autoridade/pobo... Non, os cristiáns non deberiamos esquecer que a nosa razón de ser está cimentada en Cristo. Non nese Cristo que tantas veces nos teñen presentado como derrotado, sufrinte ou doente, senón o Cristo que non cala diante da inxustiza, que non exclúe a uns -os pobres- para irse cos que mandan esquecéndose daqueles dos que ninguén fala e aos que a atención que se lles presta redúcese a unha cifra estatística nas novas dun telexornal. Paulo chámanos a non deixarnos manipular para non perder o centro do que debe ser a nosa vida: somos de Cristo, e desde e por El ímonos abrindo ao agradecemento a Deus e ao servizo aos irmáns. Ser de Cristo nin é un título nin un papel con selo parroquial, senón a actitude permanente de facer o que El fixo. E isto é unha realidade sempre en camiño e nunca conseguida, por iso os cristiáns nunca nos damos por satisfeitos; e a esperanza anima, orienta e reaviva as nosas vidas.

·         O pleno de todo este camiño cheo de esforzo e decisións é o amor vivido e sentido como capacidade para escoitar e perdoar. O “amade aos vosos inimigos” ao que nos chama Xesús quere resoar como eco en nós para que fagamos unha paradiña e revisemos a nosa maneira de tratar aos demais e de facer as cousas seguindo este criterio. Non se nos está pedindo que teñamos que ser os “super amigos de tod@s“, senón que se nos invita a que miremos cara dentro, e, sendo sinceros con nós mesmos, tratar de esforzarnos por afastar comportamentos que supoñan vinganza, soberbia, superioridade, engano, avaricia… e cos que facemos de menos aos demais. Os amigos elíxense, é verdade; os inimigos créanse. Fagamos o esforzo de non creralos, senón de recoñecer que na pluralidade só cabe unha actitude: o respecto e a busca do trato igualitario duns cos outros, sen que iso supoña identificarse co que o outro pensa, nin que por elo teñamos que facer o que os outros fan. O amor é tarefa, e iso significa aprender a camiñar xunt@s... sen impoñer nin deixar que nos impoñan.
FRATERNIDADE ORANTE
Señor, chámasnos a non identificar o amor coa domesticación. Agradecid@s por non deixar que tropecemos no noso camiño, dicimos xunt@s:

SEÑOR, QUE TOMEMOS EN SERIO O AMOR AOS DEMAIS

*        Para que cantos formamos a Igrexa nos esforcemos por camiñar por vieiros de servizo, respecto e igualdade á hora de tratarnos uns aos outros, OREMOS.

SEÑOR, QUE TOMEMOS EN SERIO O AMOR AOS DEMAIS

*        Para que nas parroquias nos esforcemos por deixar atrás os contos e os comentarios que tanto feren e doen, e comecemos a dicirnos as cousas con respecto e sen segundas intencións, OREMOS.

SEÑOR, QUE TOMEMOS EN SERIO O AMOR AOS DEMAIS

*        Para que non fagamos da nosa vida un engano, créndonos os mellores e sen necesidade de arrepentírmonos e pedir perdón, OREMOS.

SEÑOR, QUE TOMEMOS EN SERIO O AMOR AOS DEMAIS

Señor, anima e alenta esta nosa oración comunitaria. Que atopemos en Ti a forza que nos leve a superar divisións e enfrontamentos entre nós. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
HOXE SÉI QUE A MIÑA VIDA É UN DESERTO
(Liturxia das Horas, Luns II, Laudes)
Hoxe, que sei que a miña vida é un deserto

no que nunca nacerá unha flor,

veño pedirche, Cristo xardineiro,

polo deserto do meu corazón.

Para que nunca a amargura sexa

na miña vida máis forte que o amor,

pon, Señor, unha fonte de alegría

no deserto do meu corazón.

Para que nunca afoguen os fracasos

as miñas ansias de seguir sempre a túa voz,

pon, Señor, unha fonte de esperanza

no deserto do meu corazón.

Para que nunca busque recompensa

ao dar a miña man ou ao pedir perdón,

pon, Señor, unha fonte de amor puro

no deserto do meu corazón.

Para que non me busque a min cando te busco

e non sexa egoísta a miña oración,

pon o teu corpo, Señor, e a túa palabra

no deserto do meu corazón.
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar 
  • LECTURAS: Canta o sol 
  •  OFERTORIO: Como che cantarei 
  •  COMUÑÓN: No colo de miña nai

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel