Ir al contenido principal

18 domingo TO C

DE PASO, SEMPRE DE PASO. DE PASO. GOCEMOS DA NOSA CONTINXENCIA

Pórtico
Formulamos moi ben as cousas teoricamente, pero non somos o mesmo de lúcidos cando temos que aplicar toda esa teoría ás nosas vidas, ao día a día de cada un de nós e dos que nos rodean. Dicimos isto porque todos temos manifestado en diversas ocasións que estamos aquí de prestado, que somos para un tempo, que non podemos aferrarnos ás cousas materiais, que todo queda aquí, que para alá non levamos nada... cantas veces non nos temos manifestado así?. E tal e como o dicimos, parece mesmo que o cremos, que o tomamos en serio. Logo, cando vén o problema, a enfermidade, o fracaso inesperado, a partida dun familiar ou amigo ocorre que nos resulta difícil aceptar e entender o efémero da nosa vida, a nosa continxencia e limitación.

         A pensar sobre isto é ao que nos invitan os textos que hoxe imos proclamar na celebración. Por iso non debemos esquecer cales son os centros, os principios, os referentes que nos van dando forza nos moitos momentos de incertidume que todos imos sentindo ou polos que imos pasando ao longo da vida. Clarifiquémonos entón, porque necesitamos facer ben as cousas e valoralas na súa xusta medida, para non ter que atoparnos, en situacións difíciles, perdidos e  desnortados. É fundamental traballar, é necesario facelo ben para sentirse feliz con un mesmo e co que podemos ofrecer aos demais, pero tamén o é non esquecer que só no Señor, poderemos atopar o noso refuxio, o noso acougo que nos axuda a non esquecer que estamos de paso; e que a ese ir pasando temos que darlle sentido e horizonte. E, aínda que soe cansino, o sentido e o horizonte dun crente é Deus; que se manifestou de xeito pleno en Xesús.

 

PERDÓN
  • Para que non esquezamos que estamos de paso, e no noso pasar debemos encher a vida de sentido e da responsabilidade de facer as cousas ben, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA INSENSATEZ DE CRERNOS AUTOSUFICIENTES.
  • Para que non esquezamos que só en Deus poderemos atopar refuxio que nos acolla, acompañe e agarime, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA INSENSATEZ DE CRERNOS AUTOSUFICIENTES.
  • Para que nos esforcemos sempre por non deixarnos levar polos agoiros dos que nunca son capaces de descubrir que na vida non só hai tebra, senón que tamén xermola e asoma a luz, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA INSENSATEZ DE CRERNOS AUTOSUFICIENTES.
 

REMUÍÑO
*        O traballo é un ben persoal e comunitario que vai facendo que a nosa vida teña sentido, se perciba como útil e enriquecedora. Desde el imos madurando, sendo conscientes das nosas capacidades e limitacións, do que lle podemos ou non aportar aos demais. Sabémolo ben neste momento no que é tan escaso e son moitas as persoas que non o teñen. Asemade, o traballo é tamén un medio de crecemento e desenvolvemento comunitario. Grazas ao traballo duns e outros, imos gañando calidade de vida, o que fai que as nosas condicións persoais, sanitarias, educativas, tamén laborais, sexan mellores. Isto xera o paradoxo de que as melloras acadadas en calquera dos eidos do mundo laboral supoñen sempre mellores condicións para desenvolvelo; pero iso ten un custo: xa non se necesiten tantos traballadores. Pensemos en como era calquera profesión hai trinta anos, e vexamos como é hoxe. As melloras teñen sido moitas, pero tamén se foron perdendo postos de traballo. Neste paradoxo temos que vivir sempre.  Non é algo novo que xurdira agora; desde que o ser humano descubriu o traballo como medio de vida e canle de desenvolvemento persoal e comunitario ten sido así. O que temos é que buscar de superar unha percepción negativa de traballo -herdanza dunha lectura equivocada e negativa dos textos do A.T.-, para comezar a construír reflexión e vivencia que nos axude a percibir e sentir o traballo como don, medio, realización, contribución á mellora social... e deste xeito saber dar resposta persoal e razoada á pregunta que se fai o autor do texto do libro de Eclesiastés que temos escoitado na primeira lectura. Como escoitamos agora moitas veces –mágoa que teñamos chegado a isto pola vía negativa da súa falta– non se sabe canto importa e vale o traballo ata que se perde.

*        En Deus os crentes atopamos refuxio e acougo. Refuxio e acougo que tan necesarios son sempre, pero principalmente en momentos duros e difíciles como son polos que agora están a pasar tantas persoas e familias por mor da falta de traballo. Deus non é un recurso abstracto e afastado ao que nos diriximos cando as cousas non nos van ben, senón que El é a presenza permanente na que nos sentimos acollidos, a man que percibimos e nos impide que caiamos nos abismos do desespero e a ausencia de perspectivas na vida persoal. Non é medo o que lle debemos ter, senón confianza. A confianza que dá quen nos ofrece agarimo e se move non na lóxica do interese, a rendibilidade, o engano ou a utilización dos demais; senón na lóxica –hoxe tan ausente– do don, a gratuidade, a acollida, o que trascende a estreitura de miras nas que habitualmente nos movemos, abríndonos a un horizonte desde o que entendemos por que a vida ten sentido e paga a pena apostar por ela: porque detrás de cada irmán e irmá, está presente o Deus que é imaxe e semellanza, e plasma a súa pegada en cada un/ha de nós. Por iso non pode ser outra cousas máis que refuxio. Moi lonxe do algo abstracto e etéreo do esoterismo e modasnew age tan de moda hoxe, e que tan pouca consistencia teñen para asentar o sentido da vida das persoas.

 

*        Invitados a buscar en Deus, descubrimos na persoa e na mensaxe de Cristo o porqué e a razón de afirmar que temos fe. El non engana nin entretén. O seu testemuño móstranos a entrega xenerosa da súa vida; unha vida que asume a dúbida –“Pai, que pase de min este cáliz, pero...”– pero non queda nela, senón que loita por superala. Unha vida que sabe que está de paso, pero un paso que vai deixando pegadas de eternidade e sentido, e que tod@s nós somos invitados -que non obrigados- a seguir para así ir descubrindo que o efémero non ten máis que a consistencia do momento, que esmorece, que é fráxil e débil. Necesitamos afondar máis, poñer rumbo e horizonte para chegar ao núcleo, á meta, ao porto no que atracar o barco da nosa historia persoal. Sempre rezamos no credo, inda que as veces esquecémolo, que a vida é triunfo de eternidade, de presenza e goce de Deus. E iso non é máis que o triunfo de cada unha das historias persoais e comunitarias na presenza e plenitude de Deus; a vitoria e o resarcimento , logo de todas as dores, sufrimentos e dificultades polas que teñamos pasado. Se non somos capaces de prantexarlo desde este horizonte, a nosa fe é baleira e estéril. E a nosa oración unha perda de tempo. Si, a fe é don, pero o don hai que acollelo e facelo render. Esa é a tarefa de cada un de nós namentres estamos no mundo e da que nos falaba Xesús no Evanxeo de hoxe: vivir con dignidade si, atesourar esquecendo distinguir o accesorio do fundamental, non.
 

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Compartamos este momento de oración comunitaria dicindo:
SEÑOR,QUE NON CAIAMOS NA COBIZA DO EGOÍSMO
û  Pola Igrexa, para que nunca utilice a relixión para intereses persoais privados: adquisición de poder, de prestixio, de bens materiais… senón que saiba presentala coma camiño que dá sentido á vida das persoas, OREMOS.
SEÑOR,QUE NON CAIAMOS NA COBIZA DO EGOÍSMO
û  Para que nos esforcemos por construír comunidades cristiás asentadas na forza da solidariedade, o traballo comunitario e a axuda desinteresada ao veciño que estea pasando por dificultades, OREMOS.
SEÑOR,QUE NON CAIAMOS NA COBIZA DO EGOÍSMO
û  Para que non esquezamos nunca que a fe non se asenta sobre formulacións teóricas, senón sobre o testemuño co que cada un/ha de nós, imos mostrando que é Deus, quen nos invita a traballar por un mundo máis xusto e solidario do que o atopamos, sen caer na preguiza nin no derrotismo, OREMOS.
SEÑOR,QUE NON CAIAMOS NA COBIZA DO EGOÍSMO
Grazas, Deus amigo, por alentarnos no esforzo de non deixarnos levar do pesimismo que encolle corazóns e secuestra esperanzas. P.X.N.S. Amén.

 

PARA A REFLEXIÓN
Ando polo meu camiño, pasaxeiro,
e ás veces creo que vou sen compañía,
ata que sinto o paso que me guía,
ao compás do meu andar, de outro viaxeiro.

Non o vexo, pero está. Si vou lixeiro,
el apura o paso; diríase
que quere ir ao meu lado todo o día,
invisible e seguro o compañeiro.

Ao chegar a terreo solitario,
el préstame valor para que siga,
e, si descanso, onda min repousa.
e, cando hai que subir monte (Calvario chámao el),
sinto na súa man amiga,
que me axuda, unha chaga dolorosa.

(José María Souvirón)

CANTOS

*    ENTRADA: Camiñando pola vida
*    LECTURAS: Escoita ao Señor
*    OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco
*    COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor