Ir al contenido principal

15 Domingo TO C

O SACERDOTE E O LEVITA CHEGARON SEN OBSTÁCULO AO FINAL DO SEU CAMIÑO.... PERO FALTARON AO ENCONTRO.
O SAMARITANO SÓ DEU DOUS PASOS.... PERO NA DIRECCIÓN EXACTA
PÓRTICO
Dun tempo a esta parte, competitividade, esa é a palabra clave que escoitamos desde todos os ámbitos. Hai que loitar polos propios intereses. O próximo só é un obstáculo e mesmo un adversario que me pode desbancar. Cada vez está máis claro: non vai haber recuperación económica para todas as persoas, pois a reconversión vaise facer relegando na pobreza a sectores que non poderán beneficiarse do benestar material que pretendemos conseguir. A saída da crise só vai ser para os máis privilexiados, porque se vai lograr fundindo no traballo intermitente, no paro e na crise aguda aos máis febles e desafortunados.

Unha vez máis, repítese a parábola de Xesús. Á beira do camiño van quedando homes e mulleres despoxados, empobrecidos e maltratados. E unha vez máis vémonos obrigados a escoitar a chamada do evanxeo. Ou seguimos tranquilos o noso camiño, coma o sacerdote e o levita, dando un rodeo e abandonando a esta xente á súa sorte, ou actuamos, coma o bo samaritano, comprometéndonos activamente a resolver a súa necesidade. Abrámonos á Palabra e troquemos competitividade e narcisismo por solidariedade e misericordia.

 

O PERDÓN
Señor, na nosa sociedade hai demasiado consumo inútil, superficial e egoísta. Para que nos decatemos de que é inxusto e inhumano seguir disfrutando sen límite, mentres deixamos a tant@s irmáns sen o que lles cómpre para vivir con dignidade, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á SOLIDARIEDADE.
Cristo, son demasiadas as ocasións nas que pensamos que o noso próximo só merece a nosa adicación e esforzo se “é dos nosos”, dubidando das persoas que precisan axuda e castigándoas co látigo da indiferenza; por iso che dicimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á SOLIDARIEDADE.
Señor, moitas veces desexamos ser o centro de atención, que nos digan o ben que o facemos, que nos reverencien e nos fagan a pelota, esquecéndonos de que o noso poder chámase servizo, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á SOLIDARIEDADE.

REMUÍÑO
O MANDAMENTO ESTÁ MOI PRETO DE TI, NO TEU CORAZÓN E NA TÚA BOCA. CÚMPREO: Desde pequen@s ensináronnos o Decálogo, a lei de Deus, o que tiñamos que cumprir para non pecar, para fuxirmos do castigo de Deus, para irmos ao paraíso. Co paso do tempo fixémonos adult@s e, ao pior, a nosa vida de fe non madurou, senón que permaneceu e permanece nun infantilismo constante que pouco a pouco vai facendo que detrás das nosas actuacións e das nosas palabras haxa calquera tipo de motivación (social, política, intereses particulares…) agás a motivación relixiosa. Noutras ocasións esta motivación relixiosa aparece coma algo negativo (non fagamos isto, non vaia ser que Deus nos castigue), detrás da cal está o medo, a maxia, a superstición ou un culto baleiro, ritualista, frío, sen sentido.

Porén, o cristianismo non recoñece máis que unha forma para relacionarnos con Deus: o amor. Nunca o medo ao castigo, nin o desexo dun premio, nin a lei que me obriga a facer algo baixo pena de pecado mortal ou venial, nin a tradición familiar. Ensinóusenos a doutrina, saturóusenos de nocións abstractas, definicións, normas morais e dogmas… pero ensinóusenos a amar a Deus?, ensinamos nós, coma testemuñas de Xesús, a amar a Deus?; preparóusenos para vivir a fe dunha forma serena, libre e responsable, para saber presentármonos diante de Deus sen medo e darlle unha resposta nosa, saída desde o fondo da nosa conciencia coma unha convicción persoal?. A primeira lectura que hoxe escoltamos déixanolo claro:”o precepto do Señor non é inalcanzable, non está no ceo, nin fóra deste mundo, senón que está no noso corazón”. Aí é onde temos que buscalo e atopalo.

FAI TI O MESMO: PRACTICA A MISERICORDIA CO TEU PRÓXIMO: A relixión, calquera relixión, é algo moi cómodo. Trátase de cumprir cunha serie de obrigas e xa somos bos. Ir ao templo, facer as miñas oracións, novenas.... pedirlle aos meus santos e xa está. E mesmo podemos facer unha relixión á carta. O importante é crer en algo... por se as moscas. O caso é que realizando algúns ritos, teñamos contento a Deus, que gañemos o ceo. Despois, xustificad@s, content@s e tranquil@s... marchamos a outra cousa bolboreta, sen problemas. Ves, só hai que cumprir as normas, canto máis ao pé da letra mellor. Por iso a moit@s cristiáns de hoxe, que van máis alá, comprometendo a vida, díselles todo tipo de lindezas: roxos, revolucionarios, subversivos, que non son piadosos...., facendo realidade aquela frase de Helder Cámara “cando lle dou pan a un famento, chámanme santo; cando pregunto por que a xente pasa fame, chámanme comunista”. O sacerdote e o levita son representantes oficiais da relixión, preocupados polo templo, o culto e o servizo legal a Deus. Seguro que serían uns xudeus intachables, seguro que estarían ben vistos polas autoridades relixiosas, seguro que... pero estaban ben lonxe de descubrir que El é amor. Estaban enfermos de narcisismo. Só miraban coma os burros, cara adiante, sen ser quen de mirar en abano para descubrir a quen estaba ferido no camiño. Xesús descualifícaos, porque estar “oficialmente” ao servizo de Deus e pasar de longo diante da persoa necesitada é non entender o mandado de Deus, é pasar de longo diante do que hai que facer para ter vida. O samaritano, en troques, estaba mal visto, era un revolucionario, un ninguén, un herexe, un proscrito; pero soubo mirar en abano para descubrir a quen estaba tirado na cuneta. E hoxe?. Pois podemos seguir afirmando o mesmo: a nosa Igrexa, a que formamos tod@s nós, tamén segue doente de narcisismo, segue a mirar só de fronte, pechándose a descubrir e a axudar a quen está desconsolado, marxinado, silenciado e abatido, ou o que é pior, sendo ela tantas veces quen pon o pé no pescozo de tanta xente para tirala e calala dunha vez por todas. Aquel home anónimo, viaxeiro solitario, sen nome nin compaña, maltratado por bandidos e medio morto, ten rostro e nome: o dos millóns de parad@s, o dos minusválidos, o das mulleres silenciadas e relegadas, o dos anciáns reducidos a caixeiros automáticos, o dos enfermos, relegados a un mero número, o das zonas rurais esquecidas, o dos países subdesenvolvidos... Pero claro, aínda hai moitos letrados dentro da nosa Igrexa que prefiren seguir preguntándolle ao vento quen é o meu próximo, pechándose á evidencia. Porén, a Palabra déixanos claro unha vez máis que Deus segue estando nas nosas mans, que o podemos tocar na persoa enferma, na famenta, na explotada, na inocente, na perseguida... Cando nos fartaremos de tanta teoría?. Cando inxectaremos a vacina contra a terrible enfermidade do narcisismo que tantas vítimas vai sementando ao noso redor?. Cando nos enchouparemos da misericordia do Señor e non da rixidez da letra?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Diante de Deus, que nos invita a camiñar pola vida coma o bo samaritano, con ollos, oídos, mans e corazón abertos, presentamos a nosa oración dicindo:
QUE SEXAMOS SAMARITANOS DO TEU AMOR, SEÑOR
*        Pola Igrexa que formamos tod@s nós; para que descubramos que só hai un xeito de irmos pola vida: camiñando coma o samaritano, cos ollos e o corazón ben abertos para deternos diante de quen estea precisado da nosa cercanía, aínda que non pense, sinta, rece ou ame coma nós, OREMOS.
QUE SEXAMOS SAMARITANOS DO TEU AMOR, SEÑOR
*        Polas nosas comunidades, para que pasemos das hostilidades á hospitalidade, dos desencontros á comuñón, do afán de protagonismo á humildade, da prepotencia á sinxeleza, do “eu” ao “nós”, e así evitemos a tentación do narcisismo e de mirar só para o noso embigo, OREMOS.
QUE SEXAMOS SAMARITANOS DO TEU AMOR, SEÑOR
*        Por tod@s @s samaritan@s do mundo de hoxe, aqueles dos que ninguén espera nada bo; pero que en realidade aos ollos de Deus practican o amor solidario, OREMOS.
QUE SEXAMOS SAMARITANOS DO TEU AMOR, SEÑOR
Deus, noso Pai, Ti ensínasnos que o amor e a solidariedade son o culto principal e primeiro. Fai que sempre esteamos dispost@s a ser o bo samaritano para todas aquelas persoas que a sociedade marxina. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN
As persoas que me fixeron sufrir, quizás non sexan tan malas.
As que non comparten as miñas ideas, quizás non sexan intratables.
As que non fan as cousas coma min, quizás non sexan unhas tolas.
As que pensan doutro xeito, quizás non sexan ignorantes.
As que non me caen simpáticas, quizás sexan boas persoas.
As que son máis vellas ca min, quizás non estean atrasadas.
As que son máis novas ca min, quizás non sexan unhas inexpertas.
As que teñen máis éxito, quizás o merezan.
As que teñen máis cartos, quizás sexan moi honradas.
As que me dixeron unha palabra amable, quizás o fixeron sen esperar nada a cambio.
As que me contradín, quizás teñan razón.
As que me fixeron un favor, quizás o fixeron de mil amores.
As que pasan do que a min me importa, quizás me axudan a buscar o verdadeiramente importante.
As que non van na miña dirección, quizás buscan o mesmo por outros camiños.
As que non mo poñen fácil, quizás me obrigan a renovar o esforzo e a ilusión día a día.

CANTOS
ö  ENTRADA: Vinde axiña
ö  LECTURAS: Canta, aleluia
ö  OFERTORIO: Benaventurados
ö  COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel