Ir al contenido principal

3 Pascua C

QUE NUNCA TEÑAMOS MEDO DA TENRURA: QUÉROTE....
QUE PALABRA TAN FERMOSA CANDO SE DI CO CORAZÓN!

PÓRTICO

Paz e ben. Os discípulos non se decataban de que Xesús estaba alí, con eles, ao seu lado. E non eran capaces de recoñecelo porque inda non se deran conta de que a súa presenza non necesita anunciarse nin mostrarse con grandes roupaxes e pontificais barrocos. Non, El vaise facendo pequeno na sinxeleza das cousas de cada día: na ledicia de facer ben o traballo, no tempo dedicado a falar coa muller e cos fillos, cos pais, cos avós, cos veciños, cos amigos...na palabra que sabe recoñecer o ben que outros fixeron as cousas… no saber aproveitar cada un dos momentos da nosa vida para dar resposta positiva á invitación do “sígueme“ que nos fai. Non teñamos medo, superemos a desconfianza. El está ao noso lado. Aprendamos a dicirlle:”aquí estou, Señor, e sabes que?. Quérote!”. 

O PERDÓN

Aínda que ás veces non nos esforzamos por recoñecerte nas cousas pequenas de cada día, e non traballamos para facelas ben, SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO.
A pesares de que nos cremos mellores que os demais, que non aceptamos que as persoas poidan cambiar, que levamos conta das ofensas que nos fan os irmáns e que non damos oportunidades para o cambio, CRISTO, TI SABES QUE TE QUERO.
Pese a que moitas veces temos medo ou vergoña de manifestar a nosa fe, e somos capaces de negarte para quedar ben, SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO.

REMUÍÑO

·        Se hai unha insistencia ao longo de todo o tempo de pascua nos textos que iremos proclamando, é a de ser testemuñas. As mulleres, os apóstolos, Paulo… foron testemuñas dunha profunda experiencia de Deus que lles cambiou a vida: a uns de xeito radical, a outros pouco a pouco, pero o caso foi que o acontecido con Xesús xa non volveu deixalos indiferentes. Unha das consecuencias disto foi que pouco a pouco ían perdendo os medos. Xa non se sentían desamparados, solos e incomprendidos. Do mesmo xeito que tod@s eles percibiron e viviron isto, tamén nós hoxe somos invitados a testemuñar a alegría de saber que o Deus no que cremos é un Deus de vida e para a vida.

·        A iso é ao que se refire Xesús cando nos di que temos que botar as redes ou apacentar. Mal interpretada, esta invitación pode levarnos a caer nun proselitismo erróneo que tantas veces unha boa parte da nosa Igrexa utilizou e mesmo utiliza e que tan malos resultados lle deu e lle está dando. Botar as redes para que o Señor as encha significa achegarse, confiad@s en que El camiña connosco, a todas as persoas para ofrecerlle o que somos e o que temos, o noso esforzo e a nosa axuda para ir construíndo entre todos comunidade, Igrexa, Reino… Pero ollo, non desde a imposición ou desde a obediencia cega, senón desde a invitación. Porque temos que desenganarnos: no medio dunha sociedade que se esquece e mesmo ás veces parece querer matar a Deus, a Igrexa, que non o esquezamos, somos tod@s nós, seremos cribles se coas nosas accións, coas nosas palabras, cos nosos xestos… nunha palabra, se, co noso talante estamos dispost@s a ser testemuñas daquel que, o día de Xoves Santo que tan fresco temos na nosa vida, nos invitou a pasar polo mundo vivindo as palabras amor, solidariedade e servizo, non como anónimas senón co rostro e o nome de tantas persoas que ao noso carón saben vivilas e testemuñalas. Polo tanto non se trata de berrar moito, de dicir palabras fermosas, de laiarse de que outro tempo pasado foi mellor… trátase máis ben de mirar cara adiante co optimismo e coa ledicia de sabérmonos querid@s e agarimad@s por un Deus que é amor e que nos invita a facelo presente no mundo sendo, coa nosa vida, homes e mulleres sementadores de esperanza e de ilusión. Porque, con qué criterio predicamos a Deus e non acompañamos aos nosos irmáns e irmás cando sofren?. A fe, malia que lle pese a demasiados, non é só cuestión de culto, de templo, de sancristía, senón que tamén ten unha dimensión social que en demasiadas ocasións esquecemos, porque compromete a nosa vida a xornada completa. Certamente é importante non faltar á celebración do domingo, orar diante do Santísimo, rezar o rosario… pero non é menos importante non explotar ás viúvas cobrando estipendios inxustos, dar conta dos cartos da comunidade, acompañar a quen sofre a perda dun ser querido, alentar a quen se sente precisado do noso tempo, do noso sorriso, da nosa man.... Iso tamén forma parte da vida de fe. E esas son as redes que se nos invitan a botar hoxe: as da cercanía, do diálogo, da escoita, do agarimo, da xustiza, da compaña....

·        Así é como daremos razón da nosa esperanza: se temos sempre presente que non podemos disociar a vida e a fe, o que cremos do noso actuar, o que rezamos do que facemos… Non temos a posesión absoluta da verdade, temos que confiar na xente, dar oportunidades… coma fai Xesús hoxe con Pedro. A pesares de telo negado tres veces, hoxe o Señor volve darlle unha nova oportunidade. Que nós tamén, nesta nova oportunidade que se nos abre co tempo pascual, saibamos facer presente ao Resucitado ao noso redor dende as redes evanxélicas. 

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
(A poder ser, desde a fonte bautismal)
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:
·        Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
·        Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
·        Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
·        Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
·        Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí a agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S.Amén. 

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, sabemos que Ti nos queres incondicionalmente; por iso che dicimos:
QUE AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
Pola Igrexa, por cada un e cada unha de nós, para que sempre botemos as nosas redes para favorecer a todas aquelas persoas que nesta vida foron situadas nun lugar escuro e apartado da sociedade, OREMOS
QUE AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
Polas nosas comunidades, para que sexan comunidades vivas, esperanzadas e esperanzadoras, non excluíntes, alegres, agarimosas, e así fagan presente no noso mundo ao Resucitado, OREMOS.
QUE AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
Por cada un e cada unha de nós, para que sempre vaiamos pola vida coma Xesús, botando as redes do amor, coas mans estendidas cara todas as persoas, denunciando a utilización e a opresión do pobre, e abert@s á xustiza e á esperanza, OREMOS.
QUE AS NOSAS REDES SEXAN SEMPRE AS DO AMOR
Grazas, Señor, porque a pesares de que moitas veces queremos ir por libre, Ti segues a confiar en nós e a subir á ventá do faiado esperando a nosa volta. Grazas por estar sempre aí. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
(Preparamos fotocopias para repartirllas á xente e rezámola tod@s xunt@s)

Señor, Ti sabes que sempre te quixen,
e que sigo queréndote.
Ti sabes que te quero.

A pesares da miña soberbia e do meu orgullo,
a pesares dos meus medos e infidelidades,
Ti sabes que te quero.

A pesares do cansazo e do abandono de tantos días,
a pesares da miña cachola de pedra,
Ti sabes que te quero.

A pesares de que me custa adiviñarte entre a xente,
a pesares do torpe que son para verte vestido de pobre,
Ti sabes que te quero.

A pesares das miñas dúbidas de fe,
da miña esperanza vacilante,
do meu amor posesivo,
Ti sabes que te quero.

A pesares das bravuconadas dalgúns días,
da apatía e da desgana doutros,
a pesares dos meus pés cansos,
das miñas mans sucias,
do meu rostro desencaixado,
Ti sabes que te quero.

A pesares de que me custa quererme a min mesmo,
a pesares de que non sempre te entendo,
a pesares das liortas nas que me meto,
Ti sabes que te quero.

Quérote, Señor,
porque Ti me quixeches primeiro,
e non renegaches de min,
a pesares de ser zote e fráxil.

Quérote, Señor,
porque sempre confías nas posibilidades que teño de ser,
xunto contigo,
aquí, no meu posto,
servidor fraterno.

CANTOS
¨    ENTRADA: Unha xuntanza de amor
¨    GLORIA: Gloria a Deus, gloria ao Pai....
¨    LECTURAS: Canta, aleluia
¨    OFERTORIO: Camiñar sen Xesús
¨    COMUÑÓN: Déixate querer

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor