Ir al contenido principal

Sagrada Familia 2012 Oracións


POLOS NENOS DO SUR

Hai neniños, Señor, a mancheas
que non saben o que é unha flor
descoñecen as tardes felices,
os Amenceres de festa e candor.

Hai neniños, Señor, estragados,
ignorantes de pais con paixón,
picariños tirados nas rúas,                                                    
esmoleiros de pan e de amor.

Hai neniños, Señor, que nos falan
con linguaxe sinxela, sen voz,
e nos mostran a urxencia divina
da xustiza que Cristo encetou.

Hai neniños, Señor, pouca cousa,
que cobizan a liberación
nas súas vidas cheíñas de ausencias
que ata agora ninguén lles colmou.

Hai neniños, Señor, e ti neles
reclamando diante de nós
o dereito a medrares contento
feito neno nos nenos sen voz.


FELICES OS VELLOS

Que non nos falten os vellos, Señor,
que non falten os vellos.
 
Felices os vellos,
cheos da forza de Deus,
que sempre, desde nenos,
se deixaron guiar por El.

Feliz a casa que os criou
e que os recolle;
feliz a parroquia que os conta
na súa veciñanza,
feliz a comunidade que os ve
nos seus asentos.

Felices os vellos
que ao longo de moitos anos
souberon manter acesa
a esperanza dun pobo,
e non aforraron esforzos
para ir facendo real esa esperanza.

Felices os novos
que herdaron a súa fala;
felices os nenos
que escoitan as súas historias;
felices as terras
feitas fecundas coa súa suor.

Felices os vellos:
que fermosas as súas caras engurradas,
os seus lombos dobregados,
as súas mans incertas,
a súa fala entrecortada,
o seu andar dubidoso,
a súa cabeza descuberta,
as súas canas resecas,
o seu corpo canso e encollido!

Que non nos falten os vellos, Señor,
que non nos falten os vellos.


E O MENIÑO XESÚS NON DURMÍA
 
E o meniño Xesús non durmía ....
- "Durme, durme, durme agora,
(rogaba a Virxe María),
que, mal asomou a aurora,
senteime xunto ao tear
e por todo o día fóra,
ata que xa se non vía,
non deixei de traballar!"

E o meniño Xesús non durmía ....
Nunha voz mais fatigada
tornaba a Virxe María:
- "Durme, pombiña nevada,
durme, durme, durme ben ....
Ve que está case apagada
a frouxa luz da buxía,
do pouco aceite que ten".

E o meniño Xesús non durmía ....
E a voz da Virxe volveu:
- “Repara no meu ollar,
ve como el entristece ....
Durme, durme, durme ben,
oh albo lirio do ceo!;
olla que estou a chorar:
ten pena da túa nai!"

Noso Señor, entón, adormeceu ....
(Augusto Xil 1873 -1929)

 

 

DECÁLOGO PARA CULTIVAR O AMOR

 

1.- O amor é confianza, en si e no outro.

2.- O amor desenvólvese paseniño, con tino e coidado.

3.- O amor é paciente, espera sen límites.

4.- O amor non é competitivo, derradeiro reduto da gratuidade.

5.- O amor permanece aberto, sempre en camiño para crecer.

6.- O amor é expansivo, aberto á fecundidade e á comunidade.

7.- O amor é rebuldeiro, non lixeiro, si espontáneo.

8.- O amor é sincero, nada ten que ocultar nin calar.

9.- O amor é estimulante, dende a mutua autoestima.

10. O amor é delicado, sempre respectuoso.

                                               (José Román Flecha)

 

 

O AMOR ACÉPTASE TAL COMO É

 

O amor acéptate tal como é.

Afirma a túa vontade e os teus dons.

Preocúpase por ti, quere saber que estás ben.

Impúlsate a que te realices plenamente.

 

Crea empatía: sabe o que se sente ao ser ti.

Anímate a que creas en ti mesmo.

É amable no trato contigo.

Garda os teus segredos: estás a salvo.

 

É bondadoso: sempre te apoia e está ao teu lado.

Rise moito: sempre contigo, nunca de ti.

Busca a túa bondade e atópaa.

Fai que te sintas satisfeito de ser ti mesmo.

 

Non ten en conta as túas vaidades e debilidades.

Ora polas túas necesidades e deféndete.

Ten tacto incluso cando se enfronta contigo.

Diche a verdade sempre e con honestidade.

 

Pensa en ti e nas túas necesidades.

É duro e tenro, segundo o que necesites.

Compréndete e permíteche ter malos días.

Señor, pedímosche que este sexa o amor

sobre o que se asenten as nosas familias.

 

 

SE O NOSO DEUS GALEGO SE FAZ

 

Ai, se noso Deus

galego se faz,

vámose a cantar

á chouciña na que naz!

 

Ai, se a súa nai

é de Compostela,

vamos a cantar,

fermosa galega!

 

Todo galeguiño

toque churumbela,

que o belo meniño

é da nosa terra.

 

Fagamos todos

a danza galega,

que esta desnudiño

e chora e tembra.

                                                                                             

Pois nace en Galicia,

na falda da terra,

galego se faz,

é da nosa terra.

                        (Anónimo, 1637)

 

 

UN NENO NACE EN ÁFRICA

 

Silencio, só silencio.

A lúa, con cara opaca,

ilumina a verde sabana de Tami.

 

Silencio, só silencio.

A lúa, con descaro no seu esplendor,

inspira en noite de creación.

 

Silencio, só silencio.

O aire, húmido e claro,

sombrea cansazo de rostros en desvelo.

 

Silencio, só silencio

en paredes acomodando esquecemento

do seu onte branco e limpo.

 

Silencio, só silencio,

e en frío túmulo apagado

dous corazóns pulsan soño de vida.

Silencio, só silencio.

Escuridade en luz de parto

en noite de lúa chea.

 

Silencio, só silencio,

e en misión calada,

de acougo disimulado,

tres mulleres africanas agariman

que a vida sexa en nai esgotada.

 

 

Silencio, só silencio.

Dor enteira, suor de dureza,

empeño de vida en nai

con soño ou obrigación de muller,

e un neno nace en África.

 

Silencio, só silencio.

Sen berros, xemidos ou choros,

sen gasas, sen quirófano, sen auga,

sen brisa suave, sen luz;

sen un abrazo, sen un bico... sen nada,

e un neno nace en África.

 

Silencio, só silencio.

Un chorar de angustia e vida:

Unha muller africana,

no medio de escuridade inhumana e cruel,

contempla calada, con ollos rendidos,

o froito vivo da súa entraña.

 

Silencio, só silencio.

A lúa bebe toda a súa beleza

nas augas de vida empantanada

da verde sabana de Tami.

 

Silencio, só silencio.

Luz de nai, luz de vida.

Luz de lúa, luz de auga.

Luz de suspiro, luz de África.

 

Silencio, só silencio.

Un neno nace en África.

 

Luís Rebolledo,  Tami, 29 de xullo de 2007

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel