Ir al contenido principal

Oracións Bautismo do Señor 2013

ALGUNHA VEZ POLO MENOS

Que te vexa, Deus,
que te sinta e que te palpe.
Algunha vez polo menos.

Que a túa man aloumiñe
o meu corpo ensombrecido.
Algunha vez polo menos.

Que a túa voz me devolva
a frescura esmorecida.
Algunha vez polo menos.

Que o teu alento descenda
e me encha de enerxía.
Algunha vez polo menos.

Que a túa voz me dea acougo
cada noite; e cada día.
Algunha vez polo menos.

Que teña a ledicia inmensa
de sentir a túa sombra
cubrindo a miña fraqueza.

Que algunha mañá sequera
sinta o teu bico aceso
co aire que me esperta.

E serei un con Xesús
en tanta loita diaria
sen medo a caer en cruz.

E levarei os traballos,
e atoparei forzas novas
para poder amansalos.

E farei corpo cos pobres,
con eles abrirei paso,
buscando o Reino de Deus
feito de pulsos e abrazos.

 
UN POBO QUE EMPEZA O SEU CAMIÑO

O Pobo estaba esperando ó Mesías ...
Feliz a xente que sabe agardar,
humilde e valente,
feliz o pobo capaz de soñar.

O que é máis forte ca min ...
Máis forte cós nosos medos,
para vencelos,
máis forte cós nosos pecados,
para curalos,
máis forte cás nosas poucas ganas,
para crealas .

Havos bautizar con Espírito Santo ...
E seremos xente nova,
co alento de Deus nas entrañas,
por fin bateremos coa forza
que renove as nosas vidas cansadas.

Mentres oraba, abriuse o ceo ...
E o ceo sempre aberto
para escoitar a voz dun pobo
que suplica paz con pan e arde con xustiza.

Baixou sobre el o Espírito Santo ...
Un Espírito que crea vida nova,
que alenta, que aleda e que renova,
compañeiro imprescindible no camiño
que unha vez máis tomamos nesta hora.

Ti es o meu Fillo benquerido ...
Unidos a Xesús co seu Espírito,
nesta ansia por erguer as nosas vidas,
saberémonos de Deus fillos queridos,
de Deus recibiremos forza e paz cumpridas.

 
PREGARIA DE ENTREGA E OFRECEMENTO
 
Aquí estou, pois ti me queres,
Señor do todo e da nada,
coa miña vida nas mans
agardando a túa chamada.

Pódesme pedir sen taxa:
polos vivires te quero,
e para quen ama a fondo
no se dar non hai tempero.

O teu Espírito en min
clama sen fin día e noite,
para facerme fillo fiel
que a túa palabra escoite.

Quero buscarte nos sitios
onde Xesús te buscou,
quero gozarte nas cousas
onde Xesús te gozou.

No pobo fixeches casa
e nel fuches subversivo;
porque entre rezos baleiros
non queres verte cativo.
Oalá que te comprazas
nos meus diarios camiños,
pois coa vida quero honrarte
meu Deus, querido paiciño!


SERVO DE DEUS, XESÚS
Servo de Deus, Xesús, pero reinando.
Rei de reis, Xesús, pero servindo.
Es servo de Deus, o predilecto,
feito amor e servizo, esa é a túa vida.

Vés para servir, en liberdade,
vés para reinar, no servizo.
Ensinas a servir para ser libre,
ensinas a ser libre no amor.
Ensinas a vivir no amor,
ensinas a irmandade en comuñón.

Ensinas a sacar os prisioneiros,
a cantar a liberdade, cheos de gozo.
Invitas a curar de toda lepra.

Ensinas a partir o pan e a repartilo.
E a facerse pan, a lavar os pés,
a ser enteiramente bautizados e bautizadas
no lume do Espírito do teu amor.

PAI, NESTE DÍA
Pai, neste día no que celebramos o bautismo de Xesús
e lembramos o noso propio bautismo no Espírito,
pedímosche coraxe para confesar a Cristo
como Señor das nosas vidas,
para poder rezar o Noso Pai sentindo no noso corazón
o que dicimos cos beizos, e abrimos ao amor fraterno,
para ser membros conscientes e adultos do teu pobo, a Igrexa,
a fin de que o mundo vexa o testemuño da nosa fe e conduta,
para derreter o noso xeo e encher o noso baleiro interior,
para vencer o pecado coa forza do teu amor no corazón,
para vivir, en fin, a moral cristiá con talante de fillas e fillos teus
e como Lei do Espírito que dá vida en Cristo Xesús.Amén
 

O MOMENTO DAS GRANDES DECISIÓNS
Hai moitos que pensan
que Xesús, por ser Fillo de Deus,
xa o tiña todo resolto.

Non tiña que escoller,
non tiña que decidirse,
non tiña que resistir as tentacións,
non levaba interrogantes dentro del
Todo para el era coma un camiño sen fochas,
como un ceo sen nubes,
como un mar sen ondaxe,
como unha noite estrelada.

E non foi certo.
Xesús foi Fillo de Deus,
pero iso non o privou
nin das pequenas decisións
nin das grandes decisións
que a vida leva consigo.

Tivo que facer fronte
ao mal que o tentaba.
tivo que buscar saída
aos interrogantes que o afogaban.
Tivo que buscar un camiño
para a súa vida incerta.

No camiño das grandes decisións
o bautismo de Xesús foi o primeiro paso.
Desde aquel momento
acompañouno sempre unha certeza:
El era totalmente de Deus, e para Deus;
e Deus era totalmente del e para el.  

O Espírito foi quen selou esta alianza
que nada nin ninguén
xamais poderá romper.

DESCENDICHES AO NOSO INFERNO
Descendiches ao noso inferno
E asumiches as nosas miserias.

Para que tivésemos a luz,
fixécheste cego.

Para que tivésemos a unión,
experimentaches a separación do Pai.

Para que posuísemos a sabedoría,
experimentaches a «ignorancia».

Para que esperásemos,
case desesperaches.

Para que Deus estivese connosco,
sentíchelo lonxe de ti.

Para que fose noso o ceo,
sentiches o inferno.

Para darnos unha existencia gozosa
na terra entre cen irmáns e máis,

fuches excluído do ceo e da terra,
dos homes e da natureza.

            Chiara Lubich, Cittá Nuova, In Memoriam!
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor