Ir al contenido principal

32 domingo TO B


APRENDER A COMPARTIR ÁBRENOS A DESCUBRIR QUE SÓ DESDE A IGUALDADE E O RESPECTO SEREMOS CAPACES DE APARTARNOS DA TENTACIÓN PATERNALISTA DE QUEN DÁ CRÉNDOSE MELLOR E SUPERIOR AOS DEMAIS

PÓRTICO

Dúas mulleres son as protagonistas da Palabra que imos proclamar. Dúas mulleres que non teñen nada en común con aquelas que, a diario, ocupan as páxinas dos xornais, das revistas ou dos programas de televisión. Dúas mulleres dobremente marxinadas: por mor do seu xénero e polo seu estado de viúvas. Dúas mulleres que, a pesares dos golpes e da dureza da vida, saben manter a fe e a confianza en Deus coma o mellor dos seus tesouros. Dúas mulleres que serven de exemplo nunha sociedade rexida e preparada para os homes. Dúas mulleres que volven poñer enriba da mesa aquilo que moitas veces esquecemos: Deus non se fía das aparencias, non fai distingos, vai ao fondo das persoas. Para “tocar”o seu corazón non fai falla ser importante, nin saber moito, nin ser letrado, nin vestir amplos roupaxes.... Cómpre só darse, poñer a vida na bandexiña e esperar o milagre: El fará que non se acaben nunca a esperanza, a ilusión, a inquedanza, o amor.

No mundo da aparencia, no mundo no que nada é o que parece, senón que todo e mesmo todos parecen ter unha letra pequena que contén o truco para o engano e a dobre lectura, a Palabra que imos proclamar nesta mañá de domingo lémbranos, unha vez máis, que temos que saber camiñar na autenticidade, que a fachenda non é importante, que honestidade e a coherencia, cinguidas co amor, deben ser sinal de identidade do noso dicir e do noso actuar.

Que a invitación que se nos fai a redescubrir que a auténtica relixiosidade e o culto a Deus comeza cando empezamos a compartir non do que nos sobra, senón do que temos necesidade, non caia en saco roto.

O PERDÓN

ö  Que aprendamos de ti, Señor, para que as nosas mans non se pechen en puños que golpean, senón en palmas que se abren a acollen, SEÑOR, QUE NON ANIÑE EN NÓS O EGOÍSMO.
ö  Que camiñemos contigo, Cristo, para facer dos nosos pasos pegadas comunitarias que seguir, e non camiños solitarios onde nos perdamos, CRISTO, QUE NON ANIÑE EN NÓS O EGOÍSMO.
ö  Que o pan de cada día non o estraguemos; sabendo que hai preto de nós irmáns necesitados de pan, que saibamos, Señor, compartir con quen non ten, SEÑOR, QUE NON ANIÑE EN NÓS O EGOÍSMO.

REMUÍÑO

A CARA: DÚAS MULLERES
O libro dos Reis narra a historia do profeta Elías e a viúva pobre que pensando que chega ao fin a súa existencia, prepárase para terminar as súas mínimas provisións e morrer despois, xunto co seu fillo. Se en calquera cultura ser viúva é símbolo e de soidade e de baleiro, no momento histórico no que se nos presenta a viúva de Sarepta, ser viúva debía ser... como para morrer. Quizá non se podía atopar unha persoa menos persoa que unha muller viúva. Pois ben, onda ela chegou Elías e con ela fixo o milagre, un milagre arrincado pola fe cega e a xenerosidade sen límites daquela muller. Elías pediulle de comer e ela entregoulle, sen reservarse nada, todo o que tiña, fiada na promesa daquel home a quen non coñecía de nada, pero que lle falaba no nome de Deus. E o Deus de Israel velou para que a tina da fariña non se acabara e a aceiteira do aceite non minguara. Toda a forza de Deus aparece posta ao servizo dunha muller pobre, débil, abandonada e ignorada.
A outra muller que protagoniza o evanxeo é tamén pobre e insignificante. Non sabemos nin tan sequera o seu nome. Tamén era viúva. Tamén tiña unha situación difícil. Fronte dela pasan os ricos, botando abundantemente no peto do templo. De súpeto, dous céntimos tintinaron cun son especial. Era o donativo da viúva que, ao botalos alí, quedaba sen nada. Aquela muller, símbolo de persoa desamparada e débil, é insignificante para todos agás para Deus. Os ricos daban unha maior cantidade de cartos, pero a súa vida seguía igual, non o notaban, porque daban o que lles sobraba. Sentíanse seguros. Pola contra, a viúva deu do que necesitaba; e quedou sen algo do que precisaba para comer. Por mor da súa esmola, a súa vida cambiou. É esta xenerosidade a que destaca Xesús.
Dúas mulleres que merecen, na Escritura, honras dunha primeira páxina a toda cor. Dúas mulleres pouco decorativas, posiblemente enrugadas, envellecidas, agoniadas por tantos e tantos problemas. Dúas mulleres que atravesaron o tempo para chegar ata nós e golpearnos co seu exemplo dunha relixiosidade auténtica. Non importa que non saibamos o seu nome nin a cor dos seus ollos. O verdadeiramente interesante é que esas dúas mulleres foron, por un momento, protagonistas dunha historia vivida con Deus e cumpriron perfectamente o seu papel nela. Ter fe, esperar contra toda esperanza, tirarse esperando caer nas mans seguras de Deus. Dar todo, ata quedar sen nada. E canto máis entreguemos, máis grande será a recompensa. Que insensat@s somos, que mal@s negociantes... non nos damos de conta que o pouco que entregamos hásenos devolver centuplicado, revalorizado.
A CRUZ: OS LETRADOS
Na cruz da moeda atopamos a descualificación dos ricos... de relixión. Si, porque no evanxeo Xesús denuncia aos letrados xudeus. Eles son os especialistas da lei. Séntense orgullosos e satisfeitos dos seus coñecementos e das súas prácticas relixiosas, encántalles ser recoñecidos e reverenciados, reservándolles as primeiras filas. Porén, Xesús advírtenos “coidadiño con eles”, coidado con aquelas persoas que, onte e hoxe, utilizan a súa posición “relixiosa” para impoñer, para figurar, para obter beneficios, para explotar aos irmáns ou ás irmás, para medrar ou para encher petos e bandullos esquecendo o principal: o amor a Deus e ao próximo. Xesús denuncia a súa ostentación e a súa soberbia. Reacciona contra o seu proceder inxusto, enganando aos máis débiles con pretextos piadosos. El toma partido a favor dos sinxelos, dos que precisan axuda. E nós, que somos a súa Igrexa, tamén facemos nosa a opción de Xesús polos pobres?.
E NÓS... ONDE ESTAMOS?
Aquelas mulleres, que nada tiñan, dan unha lección do moito que se pode facer desde a sinxeleza e a grandeza humana. Para servir aos demais, para poñernos ao seu lado, para facer real o esforzo por poñernos no lugar do outr@, non é necesario nin ter moitos bens materiais, nin tampouco facer doazóns ás entidades que traballan cos empobrecidos, e que os medios de comunicación se encargan de amplificar. Non. Nada diso é necesario. Bástanos con tomar en serio ás persoas e ter a grandeza de compartir o pouco ou moito que temos. Sen facer barullo, sen querer chupar cámara por facelo, sen converter a crueza da pobreza e a dor que vai deixando detrás nunha nova que enche páxinas de xornais e consume minutos de pantalla nas televisións. A viúva deu o que tiña, e iso fíxoa grande aos ollos de Xesús, porque non buscou que se fixaran nela, senón que puxo todo o seu corazón para facer chegar toda a súa grandeza, -e iso foi o realmente importante-, a quen puidera necesitala. O pouco, cando se comparte desde a humildade e co corazón é moito. O moito, cando se busca que tod@s o saiban, acaba sendo soberbia e orgullo, que non engrandece, senón que converte a quen o fai en miserable. E iso nin naquel momento nin tampouco hoxe, o quere Xesús.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na man de Deus cabemos tod@s, sen que ninguén teña que quedar fóra. Animados e movidos por esta esperanza, dicimos xunt@s:
QUE A NOSA SOLIDARIEDADE NON SEXA IMAXE, SENÓN CONVENCEMENTO
ü  Para que a Igrexa se implique nos problemas e dificultades, tristuras e angustias dos homes e mulleres, e se signifique por defender e loitar polas persoas excluídas e marxinadas, OREMOS.
QUE A NOSA SOLIDARIEDADE NON SEXA IMAXE, SENÓN CONVENCEMENTO
ü  Nas nosas parroquias, habituados a vernos cada día, non somos moitas veces conscientes dos problemas e dificultades dos veciñ@s. Para que nos esforcemos por estar atent@s, para que ningunha persoa quede excluída e deixada de lado, OREMOS.
QUE A NOSA SOLIDARIEDADE NON SEXA IMAXE, SENÓN CONVENCEMENTO
ü  Para que cada un dos que nos reunimos os domingos no nome do Señor para celebrar e compartir a fe, non esquezamos que canto vivimos, celebramos e compartimos no templo temos que esforzarnos por vivilo, celebralo e compartilo coas persoas que menos teñen e máis nos necesitan, OREMOS.
QUE A NOSA SOLIDARIEDADE NON SEXA IMAXE, SENÓN CONVENCEMENTO
Señor, que saibamos ser agradecidos respondendo á invitación que nos fas de non deixar de atender e preocuparnos por tódalas persoas que neste momento sofren carencias materiais e dificultades económicas. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Coma a viúva, Señor.
Darei sen esperar nada a cambio.
Ofrecerei sen arrogancia.
Deixarei sen pretensión de recompensa.
 
Coma a viúva, Señor.
Brindarei, mesmo coa copa que necesite.
Entregarei con sinxeleza.
Fuxirei da cantidade e coidarei a calidade.

Coma a viúva, Señor.
Ofrecerei con humildade.
Procurarei sen buscar enganos.
Deixarei do meu para outros.
 
Coma a viúva, Señor.
Prestarei o que outros non dan: o imprescindible.
Ofrecerei o que outros negan: o ser.
Deixarei o que outros gardan: o corazón.
 
Coma a viúva, Señor.
Ofrecereiche a miña vida para que só Ti a xulgues.
Ofrecereiche os meus bens, porque sei que son teus.
Ofrecereiche o meu sustento, porque sei que Ti o fas posible.
Poño a miña vida nas túas mans.
 
Coma a viúva, Señor.
Camiñarei sen arrogancia nin seguridade en min mesmo.
Camiñarei sen medo a atoparte.
Camiñarei disposto a facilitarche o que máis precises.
 
Coma a viúva, Señor.
Mírame e condúceme.
Faime desprendido e sinxelo.
Dáme a valentía de darche o que máis me custe.
Inspírame o xesto e a palabra oportuna.
E, se queres, Señor, arranca de min mesmo aquilo
que, por comodidade ou egoísmo, busco e amarro para poder vivir.
Amén.

CANTOS

ö  ENTRADA: Eu soñei
ö  LECTURAS: Ti es o pan de ceo
ö  OFERTORIO: Sede o sal
ö  COMUÑÓN: O pouco que Deus nos dá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor