Ir al contenido principal

28 domingo TO B

DA ABUNDANCIA DO CORAZÓN FALA A BOCA

Pórtico

Cántas veces non temos escoitado aquela frase que di “da abundancia do corazón fala a boca”. Si, cantas veces non o temos feito; e tamén que pouco caso lle temos prestado, inda que sexa verdade o que di. 
No noso xeito de actuar, moitas veces non nos damos conta que aquilo que verbalizamos, o que falamos, o noso xeito de expresar e dicir as cousas, non é máis que un sacar para fóra o que pensamos, a nosa forma de ver e entender as cousas, o xeito que leva a que sexamos desta maneira e non doutra. Por iso é tan importante pensar antes de dicir, calar antes de falar e escoitar no canto de actuar con premura e precipitación. 
Sobre todo isto invítanos a pensar a Palabra que proclamaremos. Prestémoslle atención para facer dela un verdadeiro pulo á hora de actuar e mostrar os valores que verdadeiramente nos importan, e polos que loitamos e traballamos, cada día.

Perdón

  • Para que deixemos atrás o que nos impide presentarnos diante dos demais con ollos limpos e sen segundas intencións, SEÑOR, QUE O ENGANO NON ANIÑE EN NÓS.
  • Para que os desexos e intencións da nosa vida respondan ao noso xeito de facer e dicir as cousas, CRISTO, QUE O ENGANO NON ANIÑE EN NÓS.
  • Para que non esquezamos que seguirte a Ti, pide primeiro coñecerte e descubrirte desde as páxinas do evanxeo, e o testemuño de quen busca a verdade e a colaboración, SEÑOR, QUE O ENGANO NON ANIÑE EN NÓS.

Remuíño

A experiencia que as persoas imos acumulando ao longo da vida fai que aprendamos a ver as cousas con certa perspectiva; unha perspectiva que non teñen as persoas máis novas, inda que moitas veces consideren o contrario e pensen que saben máis e mellor que os seus maiores. Isto, que é un feito que a pouco que reflexionemos podemos facilmente darnos conta del, fai que moitas veces xurdan desencontros ou mesmo enfrontamentos xeneracionais entre novos e maiores. Uns desencontros nos que case sempre son os maiores os que saen perdendo, pois se lles acusa de estar fóra da realidade, de non comprender o que está a pasar ou de terse quedado no pasado. Porén, as palabras que hoxe escoitabamos como primeira lectura, cuestionan este xeito de ver as cousas, á vez que nos invitan a repensar un pouco o noso xeito de actuar e dicir. O libro da Sabedoría lémbranos algo que non deberiamos esquecer, e que só quen ten pasado ou coñecido situacións semellantes é capaz e entender: non está a felicidade e o atoparse a gusto cun mesmo na acumulación de riquezas e cousas materiais, senón en aprender a ver as cousas en perspectiva, desde tódolos ángulos posibles. Unha perspectiva así só pode dala o tempo e a capacidade de reflexión. Non nos deixemos enganar, mocidade non é sinónimo nin de acerto nin de dominio e coñecemento, ao contrario, porque falta experiencia, porque o percorrido ten sido curto, necesitamos escoitar a outros que xa teñen andado; mesmo se teñen equivocado, para así poder aprender deles. Non deixemos logo que isto caia en saco roto.
 
Por iso é tan importante ser sinceros. Sinceros con nós mesmos, e tamén sinceros cos outros. Ocorre que moitas veces, crendo que podemos enganar aos demais, non dicimos toda a verdade, escondemos datos cando manifestamos algo, buscamos só a perspectiva que nos beneficia e non facemos o mesmo fincapé nas cousas que poderían clarificar as situacións inda que nós non saiamos tan beneficiados. En fin, que moitas veces actuamos coma se foramos resabidos estando de volta de moitas cousas, buscando unicamente sacar tallada e aproveitarse de quen vai sen segundas intencións, con confianza ou falando as cousas con e desde a sinceridade. Entronca isto que vimos dicindo co que acabamos de ler na carta aos Hebreos, onde se nos di que Deus “xulga os desexos e intencións do corazón”. De aí que teñamos que preguntarnos cales e como son as nosas intencións cando actuamos, cando buscamos algo ou cando necesitamos dos demais. É o noso actuar sincero e sinxelo, ou temos sempre preparada a trastenda do que queremos conseguir?. Abordamos as cuestións con limpeza e claridade, ou móvennos, moitas das veces, segundas intencións?. Á luz da palabra que hoxe vimos de escoitar, si que poderiamos preguntarnos onde estamos, por que estamos e que pretendemos cando actuamos. Non vaia ser que por deixarnos levar da cobiza, ou do que nos din outros que non teñen intencións claras, acabemos nós tamén caendo na negrura da mentira e o engano.
Seguir a Xesús vainos pedindo cada día sinxeleza no actuar, claridade no dicir e modestia no vivir. Sinxeleza porque aprendemos del que o noso vivir non debe levarnos nin a crernos superiores a ninguén nin tampouco máis espabilados para enganar aos outros; claridade á hora de manifestarnos, porque quen sabe o que quere e é capaz de comunicarllo aos demais, vaise labrando un camiño no que xera confianza, tanto á hora de ofrecela como de recibila dos demais, pois cando fala e se manifesta, sábese o que quere e como o quere, sen enganar nin deixar que o enganen. Estamos acostumados a ver aparecer entre nós persoas que, desde intencións escuras, inda que se presenten baixo unha falsa afabilidade, tentan enganarnos e buscar como sacar proveito para os seus interese, sexan estes do tipo que sexan. Xesús é claro á hora de marcar cales son os vieiros polos que debe descorrer a vida de quen está disposto a seguilo –e non esquezamos que a fe é básica e fundamentalmente seguimento de súa persoa, non un conxunto de imposicións ou tradicións impostas a través do tempo–. A invitación do Evanxeo de hoxe non deixa a menor das dúbidas ao respecto.

Oración da comunidade

Porque o Señor quere corazóns dispostos a acoller e actuar comprometidos para axudar, presentemos a nosa oración comunitaria dicindo:
QUE O CORAZÓN REBORDE DE SINXELEZA
Para que a Igrexa, neste Ano da Fe que agora comezamos, se esforce por tender pontes que unan, e constrúa camiños que acheguen a quen está afastado da fe, a quen xa lle deu as costas a Deus e a quen non ten o amor como motor da súa vida, OREMOS.
QUE O CORAZÓN REBORDE DE SINXELEZA
Para que nas nosas comunidades valoremos a importancia de formarnos e coñecer máis e mellor que significa seguir a Xesús, e busquemos formar grupos onde aprendamos que a fe non é unha imposición, senón unha decisión libre, OREMOS.
QUE O CORAZÓN REBORDE DE SINXELEZA
Para que nós nos esforcemos por vivir na nosa vida as actitudes que Xesús foi capaz de vivir e compartir: a verdade, a sinceridade, o respecto, a axuda e a colaboración, OREMOS.
QUE O CORAZÓN REBORDE DE SINXELEZA
Señor, que canto poñemos agora nas túas mans, reciba de Ti a forza necesaria para vivilo cada día alí onde estamos. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

Ti dásme o Espírito, Pai.
Onde eu poño palabras, pos ti o teu Espírito.
Onde eu poño discursos elevados, pos ti o teu Espírito.
Cando eu son débil, pos ti o teu Espírito.
Cando eu ando inquedo, pos ti o teu Espírito.
Cando eu ando angustiado, pos ti o teu Espírito.
Cando a miña palabra non ten brillo, pos ti o teu Espírito.
Cando non domino as técnicas, pos ti o teu Espírito.
Envólvesme todo enteiro co poder do teu Espírito.
El ensíname o teu proxecto misterioso e secreto,
El ensíname a Xesucristo, crucificado,
El dáme o pensamento de Cristo.
Para min,
para a miña tarefa na comunidade,
para a miña tarefa no mundo,
Ti dásme o teu Espírito, Pai.
(Manolo Regal, Chorimas. “Acollendo o Espírito” 25)

Cantos

* ENTRADA: Andarei
* LECTURAS: Camiñarei
* OFERTORIO: Ti es o pan do ceo
* COMUÑÓN: Señor Xesús

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor