Ir al contenido principal

Domingo 11 TO

EN TEMPOS DE SECA DE HUMANIDADE, NECESITAMOS SEMENTE QUE DEA FROITO DE ESPERANZA

PÓRTICO

Non están os tempos para despilfarros e gasto innecesario. A cousa non pinta ben, e agora tócanos pagar o que ata non hai moito nos parecía do máis normal: gasto en obras faraónicas, reivindicacións para que levaran todo ata a porta da casa, subvencións para facer, ou non facer, cousas que noutro tempo eran froito da colaboración e a gratuidade dos veciños. E tanto foi o cántaro á fonte, que acabou por romper. Por iso, neste momento de tanta dificultade, necesitamos resituarnos, pararnos e pensar, con sinceridade e sen tentar enganarnos a nós mesmos, sobre cales son as necesidades fundamentais da nosa vida. Que queremos, que buscamos, que é o que nos pode axudar a ser mellores persoa e máis felices?. Só a partires de aquí poderemos comezar a endereitar a situación. Porque, é verdade, os que nos mandan teñen unha parte grande de culpa, pero tamén nós temos algo que dicir, ou non?. Non vaia ser que, por botarlle a culpa aos demais, esquezamos que nós somos cidadáns, e coma tal, podemos escoller e votar aos nosos representantes. Será que temos a situación que merecemos?. Empecemos por nós mesmos a sementar humanidade e realismo, para deste xeito poder recoller a esperanza coma o mellor dos froitos.

Perdón

  • Señor, que non esquezamos que tod@s temos responsabilidade de moitas das cousas que estamos  a vivir, SEÑOR, PERDÓN POR TERNOS DESENTENDIDO.
  • Cristo, que aprendamos a recoñecer que pasar dos problemas non é actitude de quen quere ser seguidor teu, CRISTO, PERDÓN POR TERNOS DESENTENDIDO.
  • Señor, que non caiamos na tentación de botarlle a culpa aos demais dos problemas e dificultades que hoxe estamos a vivir, SEÑOR, PERDÓN POR TERNOS DESENTENDIDO.

REMUÍÑO

Confianza e sinxeleza son as dúas actitudes desde as que hoxe a Palabra de Deus nos invita a ver a vida. E son estas dúas actitudes que neste momento non cotizan á alza. E non o fan porque, por unha banda, as nosas actitudes, diante do inestable mundo laboral e económico polo que estamos a pasar, xeran moita desconfianza e inseguridade, en nós mesmos e nas persoas que toman decisións que logo repercuten sobre nós. E como sabemos, cando unha situación coma esta se alonga no tempo, as consecuencias de fracaso, frustración, desacougo... van agromando día a día e producindo a sensación de ser monicreques nas mans dos que deciden. Porén, o texto do profeta Ezequiel quere romper con esta dinámica, e chámanos, unha vez máis a poñer a nosa confianza en Deus. Só El pode darmos os gromos dos que saian novos froitos. Cando imos apartando a Deus da nosa vida, e buscamos substituílo por poder, diñeiro, prestixio, posesións, chega un momento que nada nos enche e todo nos baleira. Fronte disto, só nos queda a confianza e a sinxeleza, actitudes que constantemente nos vai poñendo diante nosa a Palabra para que encaremos a vida e, desde elas, busquemos os gromos que dan froitos non só para hoxe, senón para sempre. Os gromos que nos achegan, pouco a pouco pero sen pausa, a Deus. Nesta esperanza camiñamos e facemos da nosa vida semente de diálogo e participación. A soberbia, a superioridade, o engano, a falta de respecto cara os pobres e necesitados, non son máis que escenarios inseguros que cando menos se pensa veñen abaixo con todos os actores enriba. Pero Deus, na sinxeleza e confianza, sabe erguer a árbore derreada e facer florecer a árbore seca.
Para que medren os xustos e se ergan os enganados e asoballados. Dicir Deus para un crente é dicilo todo, pero é un todo que non está alleo a canto lle pasa ao irmán que sofre, non ten traballo, foi enganado, non se sente con ánimo para volver intentalo outra vez logo de moitos fracasos. É chamada e tarefa para non tomalo en van, xogar con El ou buscar sacarlle rendibilidade material. Deus é presenza constante nas persoas; unha presenza que temos que saber descubrir e alentar. Cando o que se busca é aproveitarse dos demais, inda que digamos que se fai non nome de Deus, iso non é outra cousa máis que tomalo en van e manipulalo ao noso favor, pero El non se deixa manipular, pon a cadaquén no sei sitio, e chámanos a saber velo en cada man que tendamos aos demais e deixamos que outros tamén nola tendan a nós. Non están os tempos, logo de tanto engano e abuso como se teñen dado na nosa sociedade, como para volver confiar, pero ás veces esquecemos que Deus sempre  estivo aí, que fomos nós os que nos iamos afastando e prescindindo del. Abandonemos entón o pragmatismo de recorrer a El so nos momentos nos que estamos mal –Sta. Bárbara cando trona- e comecemos a sentilo coma forza, alento, ánimo e presenza que non nos deixa caer polo terraplén da desesperación e a desconfianza. Reino, salvación, amor, resurrección, vida, son palabras que non poden sonar a oco nas nosas vidas, senón a tarefa comunitaria e constante de busca da proposta de Deus para nós.
No pouco a pouco, sen cansar, desta tarefa, irmos descubrindo a súa presenza, que como a semente que se bota á terra, vai medrando paseniñamente ata que acada o froito. A fe, cando somos capaces de poñela en Deus e no seu proxecto de amor e salvación, vai tamén crecendo en nós, case coma se non nos deramos conta, ata ir abranguendo a nosa vida, ofrecéndonos valores, actitudes e capacidade de ver o mundo desde outra perspectiva distinta á que nos poden ofrecer os medios de comunicación, as revistas do corazón ou os que teñen moito poder e pensan que o saben todo. Si, a fe, non busca medallas que a publiciten, senón sinxeleza e verdade. E estas só se poden atopar no corazón de quen se esforza e quere, pero sen buscar o interese que a tantas persoas ten levado á tristura e desesperación, ir medrando para dar o mellor dos froitos: o sentido da vida e o camiño por onde ilo conseguindo. Esta é a mensaxe que hoxe nos quere transmitir a Palabra de Deus: que deixemos que a semente que plantou en nós o día do noso bautismo vaia dando froitos día a día. Froitos que nos fagan máis felices, mellores persoas, e auténticos discípulos.

Oración da comunidade

Diante do Deus que vai plantando a semente na nosa vida, compartimos a oración comunitaria que nos dá a forza para dar froitos de boas obras, e dicimos:
QUE A FE NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
Pola Igrexa, para que sexa testemuño de fidelidade á semente de Xesús, e dea o froito das boas obras manifestadas no servizo, a colaboración, o diálogo e a igualdade no medio da sociedade, Oremos.
QUE A FE NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
Para que nas nosas comunidades, aprendamos que os froitos son posibles con actitudes de servizo, axuda, cercanía e constancia ao lado das persoas que poden necesitarnos por estar soas, enfermas, paradas, enganadas, manipuladas e sempre necesitadas dunha man amiga e da voz que saiba transmitirlle que a semente da fe é presenza humana e solidaria, Oremos.
QUE A FE NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
Para que nós, coma o gran de mostaza, vaiamos crecendo e madurando nunha maneira de vivir a fe que nos leva a ir dando froitos de alegría, honestidade, interese e preocupación polos problemas e urxencias dos nosos barrios, as nosas parroquias, na nosa familia e no noso centro de traballo, Oremos.
QUE A FE NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
Señor, hoxe quixeches que espertaramos a canto está a vivir a sociedade da que formamos parte para que, colaborando, vaiamos entre todos, traballando para que estas dificultades e problemas non nos convertan en persoas amargadas e desilusionadas. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

NOS CINCUENTA ANOS DO VATICANO II
@s leig@s teñen coma vocación propia buscar o reino de Deus ocupándose das realidades temporais e ordenándoas segundo Deus.
Inda que na Igrexa algúns foron constituídos para os demais como doutores, administradores dos misterios e pastores, porén existe unha verdadeira igualdade entre tod@s en canto a dignidade e actividade común a tod@s os fieis na edificación do corpo de Cristo.
Que o mundo se impregne do espírito de Cristo e acade máis eficazmente a súa fin na xustiza o amor e a paz. Na realización universal desta tarefa @s leig@s ocupan o posto principal.
@s leig@s teñen dereito, e algunhas veces a obriga, de manifestar o seu parecer sobre o que se refire ao ben da Igrexa. Os sagrados pastores, pola súa parte... encárguenlles con confianza tarefas ao servizo da Igrexa, e déixenlles liberdade e espazo para actuar, e mesmo anímenos para que espontaneamente tomen iniciativas.
(L.G. 31.32.36.37)

Cantos

ENTRADA: Amigos nas penas
LECTURAS: Con tódalas criaturas
OFERTORIO: Na nosa terra
COMUÑÓN: Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor