Ir al contenido principal

Corpus 2012

VIVE CON SINXELEZA E A ECONOMÍA DA GRATUIDADE FARANOS FELICES

(CAMPAÑA DE CÁRITAS)

PÓRTICO

Compartir a mesa é o gran símbolo da convivencia, da reconciliación, da inclusión; e desde o Antigo Testamento, os banquetes son a mellor metáfora do que Deus lle prepara ao seu pobo. O banquete da comida fraterna é a imaxe que elixe Xesús para falarnos do reino de Deus. Por iso, hoxe, domingo do Corpus, é un bo día para preguntarnos como e con quen compartimos o banquete da nosa vida, a quen sentamos á mesa do noso tempo, da nosa amizade, dos nosos bens, do noso interese e a quen excluímos e por que; para medrar con ese talante de incorporar, agregar, atraer, xuntar.... proxectando estratexias que non exclúan a ninguén.
E neste contexto de non exclusión, celebramos o día da caridade, que nos lembra que o presente é, se cadra máis ca nunca, tempo de caridade, tempo para vivir unha economía da gratuidade e ao servizo dunha sociedade máis xusta que saiba redistribuír os bens e os servizos para todas as persoas; poñendo en valor outros modelos de comercio e consumo que non priman o enriquecemento por enriba do benestar.
Que esta invitación que o Señor nos fai a confiar nos irmáns e nas irmás, compartindo a vida e os bens para facer posible o milagre da multiplicación, non caia en saco roto e que a lóxica do don se converta no motor das nosas vidas.

O PERDÓN

  • Porque recibimos un derroche de graza; pero somos egoístas e mesquiños, SEÑOR, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN.
  • Porque non sabemos valorar e agradecer os dons cos que nos agasallas, CRISTO, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN
  • Porque nos afacemos a unha vida mediocre, que nos leva á indiferenza cara tantas inxustizas, SEÑOR, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN.

REMUÍÑO

Corpus Christi é unha festa de alianza co Señor; unha festa na que facemos memoria do seu compromiso de amor e de entrega xenerosa; unha festa na que lembramos que o culto e a celebración cristiá van da man da xustiza. Xesús dáse como alimento e comida nunha nova alianza, ao xeito do que nós podemos comprender, para, facéndonos partícipes da súa vida, darnos vida dabondo. Por iso, se non practicamos a súa vontade de vida e de xustiza, baleiramos de contido a nosa participación na eucaristía. Máis alá de xustificacións e aparencias, a situación de inxustiza e marxinación do pobre aparece coma un claro afastamento dos compromisos desta nova alianza. Cada celebración debe lembrarnos as estruturas de pecado que existen no noso mundo, porque facer alianza con Cristo supón empezar a construír esta sociedade desde as necesidades das persoas oprimidas e excluídas. Non facelo é renunciar a celebrar o día do amor fraterno, da caridade, da comunidade e da comuñón. Corpus Christi é celebrar unha festa aberta á comuñón, á entrega e á vida, enfrontándonos a estruturas inxustas e opresoras, non de xeito pasivo ou con resignación, senón en actitude de servizo e con ánimo de festa, sostid@s pola forza do Resucitado e do Espírito co que El e o Pai nos agasallan.

Por iso o presente é tempo de CRER firmemente naquilo que tantas veces escoitamos e lemos no evanxeo: “Pedide e darásevos”:
  • Pedímoslles aos nosos gobernantes que loiten con todos os seus medios para acabar coa pobreza e a exclusión; que non recorten os gastos sociais, senón que os incrementen para paliar os efectos desta crise nas persoas máis vulnerables; que melloren as súas políticas de emprego; que cumpran o seu compromiso de contribuír co 0.7% da nosa riqueza anual aos países empobrecidos e que cumpran os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que se marcaron para o ano 2015.
  • Pedímoslle aos cidadáns, a nós mesm@s, que teñamos a convición certa de que si podemos facer algo para mellorar a vida de miles de persoas no mundo, porque co noso xeito de vivir, de comportarnos, de actuar con ética e compromiso persoal, podemos influír para ben no noso ámbito. Creámolo ou non, cada un/unha de nós ten un anaquiño de mundo no que pode facer algo para mellorar a sociedade.
Por iso a lectura do evanxeo de Marcos que vimos de proclamar, interróganos a cada un e cada unha de nós. A Última Cea e a institución da Eucaristía prenden un facho de amizade e de solidariedade que non deixa de medrar e que ten o seu alicerce no servizo, establecéndose o principio de que só hai unha cousa que paga a pena: o amor vivido desde a gratuidade e desde a comuñón, o amor que evita o illamento e a exclusión. Porque, como podemos disfrutar da vida se ninguén te senta á mesa da creación?, como se pode disfrutar do banquete da creación mentres hai algún Lázaro á nosa porta ou tirado no chan?. A Eucaristía que compartimos e repartimos apórtanos solucións clave:
  • é de xustiza compartir o pan en vez de acaparalo
  • é caridade partir o pan en vez de conservalo
  • debemos sementar trigo en vez de minas antipersoais
  • debemos amasar a fariña con tenrura e con esperanza e non cun frío interese
  • temos que rachar cadeas e cocer pan no forno do amor e non co lume da avaricia
  • estamos chamad@s a protexer a quen sementa o pan coa suor da súa fronte
  • urxe comer o pan na mesa da solidariedade e da fraternidade
  • temos que comer menos pan se alguén pasa fame
  • hai que buscar medios xustos e solidarios de repartir os pans
  • se xa non temos pan, que cada un e cada unha de nós nos fagamos pan, coma Deus
E porque a Eucaristía é festa, forza, urxencia e compromiso, xa non podemos virar a cara para outro lado ou agochar a cabeza para evitar ver a realidade. Por iso non podemos esquecer que hoxe é o día no que Cáritas quere por diante de nós o rostro, tantos rostros de Cristo que van quedando á beira da nosa sociedade, e piden que nós sexamos para eles agarimo dese Deus que, a través nosa, sae ao seu encontro. Non lle fallemos a El e non lles fallemos aos irmáns e ás irmás.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Neste día de Corpus, día da caridade, no que celebramos o sinal do amor máis grande, pedímoslle ao Pai da misericordia dicindo:
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE
Pola Igrexa, para que medre en caridade e se manifeste sempre como servidora das persoas, defendendo os seus dereitos e a súa dignidade, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE
Polos que moven os fíos do poder político e financeiro, para que escoiten a voz dos que non teñen voz nin poder, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE
Por todas as persoas que son vítimas da crise, da inxustiza, da violencia, da desesperanza ou do desamor, para que nunca lles pechemos a nosa porta, senón que as sentemos á mesa do amor, sempre incluínte, OREMOS.
GRAZAS SEÑOR POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE
Por todas as persoas que traballan en Cáritas ou en calquera ONG, para que se renoven, seguindo as esixencias do evanxeo e os sinais dos tempos, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE
Por todas as persoas que ofrecen o seu tempo, o seu traballo, a súa vida dun xeito gratuíto en favor das persoas máis pobres, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS A UNHA MESA QUE NON EXCLÚE
Por cada un e cada unha de nós, para que entendamos que sentar á mesa do Señor significa poñer en común os nosos dons e os nosos corazóns, estando dispost@s a lavar pés, a abrir mans e brazos, a partir e a facerse pan, para que ninguén quede excluído da mesa de Deus, OREMOS.
GRAZAS POR CONVIDARNOS Á UNHA MESA QUE NON EXCLÚE
Que vivamos a caridade na verdade, sendo consecuentes co que rezamos e celebramos e concédenos o don da gratuidade. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Comulgar é optar pola forza misteriosa de Cristo Resucitado.
Comulgar é contar coa forza liberadora do Espírito.
Comulgar é crer que o pan partido é fermento de renovación das persoas, da Igrexa e da sociedade.
Comulgar é crear lazos de comuñón nun mundo roto e enfrontado.
Comulgar é aprender a colaborar, respectando a dignidade e os dereitos de cada persoa, respectando os carismas e as capacidades de todas as persoas.
Comulgar é aprender a compartir.
Comulgar é aprender a servir.
Comulgar é optar pola gratuidade.
Comulgar é vivir no amor; pero o amor entregado coma o de Cristo, que se parte e que se deixa comer porque, como nos di no evanxeo, “Quen me come, vivirá por min” (Xn 6, 57).

CANTOS

ENTRADA: Vinde axiña
LECTURAS: Xesús é Señor
OFETORIO: Grazas, Señor, graciñas
COMUÑÓN: Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor