PARABÉNS PARA NÓS POR CRER SEN TER
VISTO
Os que nos consideramos crentes vivimos, a miúdo,
coma os discípulos do evanxeo: ao
anoitecer, coas portas pechadas, cheos de medo, temerosos das autoridades.
Estamos mergullados na vella creación, non miramos nin experimentamos ao
Resucitado, a nova humanidade parece ausente das nosas vidas. As nosas
comunidades están, as máis das veces, repregadas, ocultas, sen dar testemuño,
coma se non tiveran ledicia, perdón e vida que transmitir. A pesares de ser este
día o primeiro da semana, o primeiro da nova creación, nós seguimos ancorados,
se cadra cada vez máis, ao vello, ao de antes.
Precisamos que o Señor se faga presente. Cómpre
que os recoñezamos nos seus sinais: a paz, o agasallo do Espírito, a
experiencia do perdón, a comunidade reunida. Non deixemos que o arco da vella que
Deus pon na nosa vida pase de longo sen decatarnos da súa existencia.
O PERDÓN
*
Porque
andamos a meter a man nas feridas dos demais para abrilas, e non para curalas, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.
*
Porque non
somos capaces de compartir o que temos, o que somos e o que valemos, para facer
vida en común, CRISTO, MÓSTRANOS A TÚA
MISERICORDIA.
*
Porque non
damos testemuño de unión, de solidariedade, de axuda, de perdón e de amor entre
nós, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA
MISERICORDIA.
REMUÍÑO
·
No comezo da pascua fomos invitad@s a rachar cadeas e cocer pan, ou
dito doutro xeito, a superar actitudes derrotistas e desalentadoras para volver
ás actitudes dos primeiros cristiáns: esperanza, alegría, confianza, perda de
medo..... testemuñando deste xeito que é posible vivir a ledicia da
resurrección na nosa vida. Xesús é quen trae a paz. No medio dun mundo
crispado, dun mundo desesperanzado no que os vellos conflitos de ideas son
substituídos por conflitos novos: entre ricos e pobres, dos pobres entre si,
entre os distintos grupos culturais ou entre diferentes crenzas, El vén para
agasallarnos co arco da vella da paz cos nosos veciños, cos nosos compañeiros
de andainas, coa xente coa que compartimos a vida, tantas veces ao noso
pesar... con nós mesm@s. Pascua é un bo momento para reflexionar se de verdade
as nosas actitudes cotiás serven para relaxar conflitos ou para provocalos.
Crispamos ou temperamos coas nosas palabras, cos nosos feitos, cos nosos xestos?.
·
Sabemos de
certo que o mundo de hoxe, ese que tantas veces criticamos e queremos mellorar
e superar, camiña cada vez máis dándolle as costas á Igrexa. A xente nova cada
vez é menos crente, cada vez desconfía máis da Igrexa.... Por que?. Non abonda
culpar aos outros. Hai que erguer, no medio do mundo, sinais cribles da
presenza de Deus, do amor de Xesús por toda a xente, comezando polos últimos da
terra. O Libro dos Feitos dos Apóstolos dinos que os primeiros cristiáns
pensaban e sentían o mesmo.... e nós?. De verdade vivimos o Evanxeo coma unha
chamada a compartir o que somos, o que sentimos, o que valemos e o que
queremos?.
·
Só así será
posible entender as palabras do evanxeo de hoxe, na que se nos di que non
importa tanto o ver coma o crer, o confiar, o compartir, o buscar consello, o
escoitar... para así descubrir a presenza do Resucitado. O importante non é ir
ao sepulcro e comprobar que alí non hai nada. O importante é ter a experiencia
de que Xesús está vivo porque o sintamos nós mesm@s vivo en nós, nos demais,
nas persoas e nas cousas nas que andamos cada día. Nós non podemos ir ao
sepulcro, pero podemos sentir a Xesús Resucitado vivo dentro de nós, non coma
unha imaxinación, senón coma unha certeza que o Espírito pon no noso corazón. Como
nos falta fe, entusiasmo, convición!!!!!!!!!!!!!!!!. Tamén nós acabaremos nas
mans de Deus. Atoparemos nel a vida chea pola que tod@s andamos loitando. Os
nosos soños de dignidade total para toda a xente do mundo só se verán cumpridos
cando entremos na casa grande do Pai. Mentres... toca loitar coma Xesús, que
hoxe tamén nos di a cada un e a cada unha de nós: Felices os que sen veren,
traballan, arriscan, loitan e se esforzan por facer familias, parroquias,
barrios, países, mundo onde se busque o que une e non o que enfronta; se busque
o amar e non dogmatizar; se busque propor e non impor. Benia @s que cremos sen
veren!.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, estamos a vivir a
ledicia da Pascua: o teu Fillo resucitou, e iso enche de sentido a nosa vida. Agradecid@s
e confiad@s, dicímosche:
FELICES
NÓS QUE CREMOS SEN VER
Grazas
porque na Igrexa, en pequenas comunidades de fe e de amor, imos atopando
sentido para a nosa vida, forza para o noso camiño e alento para a nosa
esperanza, OREMOS.
FELICES
NÓS QUE CREMOS SEN VER
Grazas
porque as nosas parroquias, as nosas comunidades cristiás, as nosas familias,
van poñendo unha mesa de vida que se comparte apaixonadamente para que todo o
mundo teña razóns para seguir esperando, OREMOS.
FELICES
NÓS QUE CREMOS SEN VER
Grazas
porque no noso interior, a pesar do cansazo e o desánimo que nos cercan por
veces, atopamos a túa voz que nos anima, a túa auga que refresca a nosa
existencia, a túa luz que se converte en nós en pulo de vida e de esperanza,
OREMOS.
FELICES
NÓS QUE CREMOS SEN VER
Grazas,
Señor, porque sabemos que camiñas connosco, porque sabemos que día a día pasas
pola nosa vida para sacarnos da servidume do pecado e para que andemos nunha
vida nova. Fai que te sintamos sempre preto, moi preto. P.X.N.S. Amén.PARA A REFLEXIÓN
Non queremos vivir só do que nos digan outras
persoas,
por moito que sexa bo acoller e agradecer
o que os nosos maiores na fe e na vida nos
transmitiron.
Que tamén moitas e moitos nos falan do amor,
e agradecémosllelo, e cremos no amor,
pero precisamos coñecelo amando,
sentindo o corazón latexar en presenza da xente
amada.
Así queremos nós sentirte, Xesús,
queremos ter a certeza fonda e firme
de que estás vivo ao noso carón.
Sentirte vivo ao noso lado,
cando estamos tamén vivos, ilusionados,
coa ollada fresca das mañás de primavera.
Sentirte vivo, a carón noso aínda máis,
cando o desánimo nos envolve,
e a invernía asolaga as esperanzas todas.
Como María Magdalena, coma Pedro,
coma os teus primeiros seguidores e seguidoras
todas,
verte cheo de vigor, resucitado,
pousando en nós a túa ollada nova.
E apegarnos á vida, sempre, coma Ti,
desde as cousas miúdas que a abren ao concreto:
o pan, a casa, o bico, o posto de traballo;
desde os soños proletarios que a embarcan no
infinito:
a dita de ser un, ou unha, co último inmigrante
que chega ás nosas portas na busca de amizade.
E volta a comezar –a Galilea de novo-,
confirmados e confirmadas no amor que nunca falla,
e no sentido da loita que abre vías.
Seguros de que máis alá da morte,
tamén nós en Deus atoparemos
o bico que sanda e nos aleda
e a aperta que irmanda e libera.
(M. Regal “Xesús, aquel home de aldea pax. 160)
cantos
ENTRADA: Bendito, Xesús resucitadoGLORIA: Gloria ao Pai...
LECTURAS: Cantádelle ao Señor, unha cantiga nova
OFERTORIO: Acharte presente
COMUÑÓN: O amor é o meirande.
Comentarios