Ir al contenido principal

NO AMOR DE CRISTO, O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE
SIGNO DE CORESMA: A frase que escollemos para colocar este segundo domingo arredor do signo principal é TAN ASUSTADO ESTABA, QUE NON SABÍA O QUE DICÍA. Con ela queremos expresar de que moitas veces a nós tamén nos pasa que estamos tan asustados que non sabemos o que dicimos, e a solidariedade convértese en avaricia e egoísmo.

PÓRTICO
                Dinos o Evanxeo de hoxe que Pedro, co susto que tiña ao descubrir quen era Xesús e como se lles acababa de manifestar, non sabía o que dicía. E cando un non sabe o que di, pola súa boca acaban saíndo cousas sen sentido, e das que moitas veces acaba arrepentíndose. Que mellor invitación entón, á luz do Evanxeo que logo proclamaremos, para que fagamos o esforzo de pensar as cousas antes de dicilas; de introducir a reflexión no canto do arrouto; de non falar para o aire. Non é doado, pero estamos na coresma, un tempo privilexiado para buscar, cambiar e rectificar comportamentos e formas de facer as cousas que sabemos están equivocadas.
                Que a celebración que agora comezamos sexa momento de esperanza, participación e reflexión desde a que retomemos o camiño do que as veces as nosas rutinas nos van apartando.

O PERDÓN
*        Porque estamos tan ben aquí, no primeiro mundo, seguros, aburguesados, cómodos e instalados, que non queremos baixar do pedestal para escoitar os berros de tantos irmáns e irmás que viven na desesperanza, na fame ou na tristura, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA TÚA PRESENZA.
*        Porque non acabamos de conseguir pensar as cousas antes de dicilas, evitando así ferir co que sae pola nosa boquiña, CRISTO, QUE CAMIÑEMOS NA TÚA PRESENZA.
*        Porque a nosa falta de confianza en Ti fai que vivamos unha fe chea de complexos, teimas e medos en vez de coma unha proposta e un agasallo que nos fas para encher a nosa vida de sentido, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA TÚA PRESENZA.
 REMUÍÑO
  • Uf!. Que difícil é manter as nosas convicións!. Que difícil resulta ser fieis a principios e valores que nos axudan a ser máis felices, máis humanos, máis solidarios!. Abrahán descubriu na súa propia experiencia que a confianza supón esforzo, traballo e, na meirande parte das veces, moito sacrificio. Un sacrificio que nos pode facer cuestionar esa confianza que poñemos ben sexa nas persoas que están preto de nós, ben sexa nos nosos amigos, na familia e mesmo en Deus. Confiar ten o seu risco, e conleva ás veces ser incomprendidos ou mesmo rexeitados por quen non nos entende ou por aqueles que pensabamos que eran achegados a nós. E isto é así porque a confianza móstrase tanto nos momentos nos que todo parece correr ben como naqueles onde temos a impresión de que as cousas van esmorecendo... e nós con elas. E isto pásanos moitas veces, pero especialmente vivímolo na nosa relación con Deus. Nela non pode ser o medo e a sumisión os que nos guíen, senón a capacidade de descubrilo a El como quen sabe estar ao noso lado en todos os momentos da vida. Un estar que respecta as nosas decisións e non cae na tentación de manipularnos e facer que actuemos como a El lle gusta, senón que nos concede a liberdade para poder reflexionar e actuar con responsabilidade e coherencia, sendo nós mesmos e non uns monicreques nas súas mans. Crer é gozo, pero tamén sacrificio, paciencia e loita para seguir no camiño ao que El nos invita e chama, pero ao que ninguén pode responder por nós. A resposta á súa chamada é persoal, libre e responsable. Teremos mediacións ao noso redor que nos poden axudar, pero ao final son eu, e non outros por min, o que ten que dicir se verdadeiramente estou dispost@ a seguilo. Que coma Abrahán aprendamos a poñernos nas mans de Deus, a fiarnos del.... porque, aínda que ás veces nos custe entendelo ou mesmo non queiramos darnos por aludid@s, estamos seguros de que non nos vai fallar.

  • Sabemos entón que hai moito camiño por percorrer... e que non todo é liso e chan. Atoparemos pendentes, baixadas, curvas..... tamén rectas. Pero, de seguro que o Señor vai con nós. A nosa confianza non é cega, sen probas, senón que, como nos lembra Paulo “Deus daranos todo”, ou o que é o mesmo, temos que ser persoas que proxecten a súa vida desde os valores de Deus, persoas presentes no noso contorno con toda a intensidade, persoas comprometidas no mundo e co mundo, sabendo pór en cada acontecemento, por pequeno e sinxelo que sexa, a luz da fe; persoas conscientes e convencidas de que, co noso esforzo, seremos capaces de parir una nova sociedade máis xusta, máis igualitaria, máis fraterna, máis humana... pois El camiña ao noso lado.

  • Por iso non é de recibo regodearnos no “que ben se está aquí”, no noso Tabor, no noso primeiro mundo, na sociedade da opulencia e do benestar. Ao pé da montaña hai moitos irmáns e irmás que agonizan en tantas e tantas cruces: na cruz do desenvolvemento, da pobreza inxusta, da fame, da ignorancia, da enfermidade, da soidade, da incomprensión, da marxinación... e que esperan que nós baixemos da montaña máxica e irreal dos poderosos e dos duros de corazón para escoitalos, axudalos e comprometernos con eles, axudándolles a levar a súa carga. Se Deus é o sentido da nosa vida, estamos chamad@s a anuncialo, dando a coñecer a súa mensaxe. Deixemos de pasmar mirando ao ceo, baixemos do Tabor, de tantos falsos tabores e pousemos os pés na terra, onde hai abondo que facer
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Na invitación a camiñar na presenza do Señor, atopamos a man que nos vai orientando e levando a superar o pesimismo e a vivir na esperanza. Deixándonos acompañar por ela, dicimos:
NON NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
*        Para que todos e todas nós, que formamos a túa Igrexa, saibamos acollerte non desde o medo ou a imposición, senón desde o convencemento de que lle has dar sentido á nosa vida, OREMOS.
NON NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
*        Para que as nosas parroquias se vaian convertendo en verdadeiros obradoiros nos que aprendamos a vivir entre os veciñ@s a ledicia de compartir a fe nun Deus que ama e sae ao noso encontro para acompañarnos no nada doado camiño da vida, OREMOS.
NON NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
*        Por cada un e cada unha de nós, que nos sentimos seguidores e seguidoras túas, para que non deixemos pasar este tempo de graza que é a coresma e o aproveitemos para deixar atrás canto nos fai superficiais, frívolos, rutinarios e inmaturos, impedíndonos ser espellos teus no medio do mundo, OREMOS.
NON NOS DEIXES DA TÚA MAN, SEÑOR
Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nos falsos tabores dos templos, senón nos sorrisos e nas dificultades da vida, onde temos que saber descubrirte. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
APRENDER A FALAR CON DEUS
Pelando patacas, desbrozando as leiras, limpando a casa, preparando a comida, facendo a compra, colocando plaqueta, dando unha clase... podemos dicir a Deus, sen cansarnos, sinxelamente, que o queremos, que é importante para nós. E iso vale tanto como moitas novenas, procesións ou rosarios.
                Nunca deberiamos cansar de dicir: Deus, ofrézoche o día que agora comeza: as miñas accións, os meus pensamentos, as miñas palabras, os meus xestos, as miñas ledicias e tristuras; os meus acertos e erros.
                Todo canto de ben poida facer ao longo deste día, póñoo, Señor, aos teus pés, para que o arco da vella de cores co que ti nos agasallas, siga iluminando o camiño da miña vida. Amén.

CANTOS 
  • ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
  • LECTURAS: Lemos o Salmo
  • OFERTORIO: Seguirei os teus pasos
  • COMUÑÓN: Quédate Señor connosco


Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor