Ir al contenido principal

Bautismo do Señor


PORQUE SEMPRE NOS COLLES DA MAN E MESMO NOS LEVAS NO TEU COLO.................... GRAZAS, SEÑOR!!!!!!!!!!!!!!!
PÓRTICO
A tod@s nos ten pasado que en momentos importantes, mesmo decisivos da nosa vida, cando tiñamos que dicir e expresar o que pensabamos, o xeito de abordar unha cuestión ou a necesidade de mostrar a desconformidade diante dunha cuestión que nos ocupaba, temos calado. Si, demos a calada, o silencio, por resposta, converténdonos en acomplexados, cómplices ou colaboradores dunha situación coa que non estabamos de acordo. Verdade que nos ten pasado así?. Pois ben, a celebración de hoxe móstranos a Xesús manifestándose como o Mesías, o enviado de Deus, o Fillo que comeza a facer publica a encomenda do seu Pai. E faino sen medo, consciente de cal era a súa tarefa, e sen ningún tipo de medos nin complexos. Todo o camiño que nos abriu para que o seguiramos!. Que canto hoxe celebremos e compartamos neste momento de oración, nos axude a manifestar con ledicia a misión recibida no bautismo alí onde nos atopemos.
O PERDÓN
  • Axúdanos a perder complexos e medos, SEÑOR, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA.
  • Empúrranos cando nos chegue a tentación de abandonar e deixalo todo, CRISTO, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA.
  • Aléntanos para non deixar que o pesimismo creza no corazón e na vida, SEÑOR, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA.
REMUÍÑO
  • O Señor prefírenos. Para el somos importantes e ocupamos un lugar de preferencia. A dignidade coa que nacemos é o mellor sinal de canto estamos a dicir. E quérenos porque é Pai/Nai que acompaña, educa, alenta e corrixe. Faino sen necesidade de chamar a atención, sen publicitarse. Non inviste en campañas de publicidade, senón que se fai presente de xeito silandeiro en cada un dos pasos da nosa vida; unha presenza que moitas veces non queremos ou non conseguimos descubrir, pero que está, o que leva a que non nos perdamos diante da “marabunta” de sons que se escoitan ao noso redor. Bendita presenza!. Si, bendita porque nos agasalla cunha amizade que moitas veces non sabemos nin descubrir nin valorar. Desde o día do noso bautismo, esa presenza vai con nós, nos trebóns e na brisa da nosa vida, que de todo hai. El sempre está, inda que nós non sexamos capaces de facerlle oco. Como é testán, e a pesares das nosas teimosías, non nos deixa de lado, non se esquece, non nos falla. Pero nós, e son moitas as veces, si lle fallamos a El. Non estaría de máis que hoxe nos preguntaramos por que.

  • A presenza do Espírito móstranos a un Xesús que nos chama a preguntarnos pola fidelidade ás convicións que van asentando na nosa persoa. Fai que nos preguntemos si temos prezo, se somos capaces de deixar atrás o que son principios profundos á hora de estar e actuar no mundo por un prato de lentellas en forma de prestixio, relevancia, poder, aburguesamento... para que non pensen que eu son un/ha mixiricas. Cantas veces nos ten pasado!. E tamén, cantas veces o temos esquecido e repetido. Aquilo de, “se queres acalar ao veciño, dálle un carguiño”. Entón nin Espírito, nin principios, nin convicións, nin... deixámonos ir, inda que logo nos arrepintamos, pois case sempre é tarde. O Espírito está, pero nós témolo secuestrado, amestrado á nosa comenencia. Como molesta e fainos revisar onde temos posto o eixo da nosa vida, preferimos aparcalo, escondelo, sacarlle o volume...silencialo. Pero facémolo nós, non El, que segue presente inda que non nos guste.

  • Canto vimos dicindo non son máis que consecuencias do noso bautismo. Si, xa sei que podemos saír afirmando que a nós bautizáronnos, que eramos pequenos, que nos meteron no club sen pedirnos opinión... pero tampouco debemos esquecer que hoxe, no aquí e agora de cadaquén, ninguén nos obriga a ser crentes, a confesar a fe, a participar nas celebracións, e moitas máis cousas en relación coa nosa fe. Pero se o facemos, non podemos esquecer todo canto iso nos compromete e esixe. Ser cristián no medio do mundo, con criterio, con racionalidade, con capacidade de facer escoitar a voz e non deixarse enganar nin manipular polo interese persoal, non é doado. Xa o sabemos, pero se queremos selo, non queda outra que facelo de maneira coherente, responsable e libre. Como o fixo Xesús, e como estamos chamados a facelo nós. O bautismo non é máis ca un sinal de que alí comezamos un camiño que temos que ir facendo cada día, nunca solos, senón en comunidade; tampouco en gueto, senón no medio do mundo e sabendo da pluralidade que nel hai. Este é o reto. Seremos capaces de acollelo?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Coma Xesús, coma Pedro, coma Isaías, coma tantas e tantas persoas que nos transmitiron a fe que profesamos e cremos, poñémonos nós tamén nas túas mans amorosas de Nai e dicímosche:
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS
  • Para que na Igrexa saibamos ter sempre actitudes de respecto, liberdade, coherencia e responsabilidade, desterrando a tentación de crernos mellores e superiores aos demais, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS
  • Para que nos esforcemos para que nas nosas comunidades agromen experiencias de cercanía, axuda, preocupación polos demais e acompañamento a quen se senta necesitado, como un dos xeitos de facer visibles as consecuencias do noso bautismo, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS
  • Alenta, Señor, na nosa vida o esforzo constante por dicir si a toda acción e comportamento que nos faga mellores persoas, máis cercanos, menos egoístas, e nunca autosuficientes, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS
Grazas, Señor, por esta invitación comunitaria e renovar as esixencias do noso bautismo. P.X.N.S. Amén.
Reflexión
Meu fillo, miña filla,
que estás no mundo.
Ti es a miña gloria
e en ti está o meu reino.
Es a miña vontade e o meu querer.
O teu nome é o meu gozo cada día.
Quérote.
Elévote e sostéñote.
Douche todo o que é meu:
o pan, os irmáns, o Espírito.
Quero a túa felicidade
e que axudes a vivir aos demais.
Perdóoche sempre
e pídoche que ti fagas o mesmo.
Non teñas medo.
Eu librareite de todo mal.
Día e noite penso en ti,
meu fillo,
miña filla.
CANTOS
  •  ENTRADA: Camiñando pola vida
  •  LECTURAS: A auga do Señor
  •  OFERTORIO: Que ledos hoxe estamos
  •  COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas


Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor