Ir al contenido principal

2 Domingo TO B 2012


DEUS FALA, PERO NÓS NON O DAMOS ESCOITADO
PÓRTICO
Como lle ocorreu a Samuel, tamén nós somos moitas veces incapaces de escoitar a voz de Deus. Unha voz que nos chega de moitas maneiras e xeitos; unha voz que non se pon afónica, ao contrario, segue permanentemente invitando, chamando, consolando... a quen precisa dela. A mágoa é que nós, precisando e moito desa voz esperanzada e clara, non acabamos de prestarlle a atención debida. Mesmo ás veces manifestamos que El deixou de falarnos, porque non damos percibido a súa voz. Non será que, atarefados como andamos en cousas menos importantes, queremos xustificarnos, cargando sobre El unha ausencia, que só indica que non foi El, senón nós os que nos temos apartado?. Rompamos, logo, este círculo vicioso, e dispoñámonos a escoitar a súa voz. Hoxe pode ser ese día.

PERDÓN
  • Cando falas, Señor, dámosche as costas porque a túa voz nos compromete e esixe, por iso che dicimos: SEÑOR, QUE DEIXEMOS RESOAR A TÚA VOZ EN NÓS.
  • Cando falas, Cristo, sempre nos invitas a escoitarte na capacidade que poñemos en estar preto dos irmáns que nos necesitan, por iso che suplicamos: CRISTO, QUE DEIXEMOS RESOAR A TÚA VOZ EN NÓS.
  • Cando falas, Señor, sempre nos chamas a poñer o noso corazón en canto nos fai medrar como persoas e nos descubre que a solidariedade só se pode expresar desde o amor, por iso che pedimos: SEÑOR, QUE DEIXEMOS RESOAR A TÚA VOZ EN NÓS.
REMUÍÑO
  • Estamos a vivir nun momento da historia no que sobran palabras e faltan silencios. Sobran palabras porque todo o mundo coida que ten algo que dicir, e para tal fin utiliza algún dos moitos medios ao seu alcance. Así, non é de estrañar que, dun ou doutro xeito, teñamos unha saturación de palabras, o que trae como consecuencia que non deixamos tempo para o silencio, a reflexión, o pensamento pausado que vai madurando no tempo e co tempo. Algo así lle pasaba tamén a Samuel. Entre tantas palabras non era capaz de distinguir a voz de Deus, por iso a confundía con outras. Resultáballe descoñecida. Pero Deus, que non se rende facilmente, insiste unha e outra vez para que lle fagamos oco na nosa vida, para que lle prestemos atención á súa palabra, para que o descubramos no decorrer dos acontecementos de cada día. Deste xeito, inda que tarde (cousa que a Deus, que ten unha perspectiva diferente á nosa, non lle importa), Samuel acaba escoitando e recoñecendo a súa voz. E unha vez recoñecida, e sabendo a fondura que esa voz aporta, ábrese á confianza e deixase levar polo agarimo dunha palabra que ten a Deus como principio, acompañante e meta no camiño da vida. Por iso, cheo de confianza, responde: “fala, Señor, que o teu servo escoita”. Tamén hoxe, a cada un e cada unha de nós, Deus nos vai falando, vai dirixindo a súa voz, vai espallando o eco da súa palabra; pero moitas veces, como lle ocorría a Samuel, non somos capaces de distinguila, de escoitala, de recoñecela, porque a nosa atención está noutras palabras. Porén, El non cansa, como non cansou con Samuel, e segue a chamarnos, a facernos oír a súa voz. Oxalá nos esforcemos por recoñecela no medio do balbordo dun mundo cheo de voces, si; pero escaso de palabras que entusiasmen, enchan, alenten e aleden.
  • A nosa resposta en positivo, libre e esperanzada abriranos á confianza da nosa relación con Deus. O “aquí estou, Señor” de cada un e cada unha de nós ha ser a esixencia de converter a nosa vida non na rutina do sucederse dos días, senón no esforzo por facer presente as actitudes que emanan desa palabra que chega a nós a través da voz do compromiso ético, da responsabilidade á hora de facer cousas a favor dos demais, da superación da tentación do individualismo e do derrotismo que afirman que o importante é un e que non se pode facer nada máis que pensar nun e no dun. O aquí estou de cada un e cada unha de nós pasa pola vida, polo que facemos, polo modo de facelo, pola dispoñibilidade cara aos demais, pola actitude positiva a pesares dos nubarros e dificultades que seguimos atopando cada día. Porque, se non fose así, cómo nos poderiamos confesar crentes e afirmar a importancia e interioridade da fe na nosa vida?. Ter fe non é crer no que non vemos, senón actuar desde Aquel en quen que cremos.
  • Entenderon moi ben isto os seu discípulos, e Xoán hoxe cóntanolo no Evanxeo. E entendérono porque descubriron canto lles aportaba e canto os enchía estar ao seu lado, por iso quedaron con El. Tamén nós podemos quedar con El, ou mellor, deixar que El quede con nós. Pero non vai depender tanto do que El faga –esta é a nosa percepción equivocada–, senón do que nós fagamos para que El quede. Unha vez máis, no respecto á nosa liberdade, de nós depende acollelo e deixar que nos acompañe no camiño que imos facendo. Pero para iso, antes é necesario atoparse con El. Fariamos o esforzo de buscalo?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Acheguémonos á mesa do altar e poñamos enriba dela as nosas ledicias e tamén as nosas dificultades, para que o Señor nos acompañe e alente neste noso percorrido pola vida. Digamos xunt@s:
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
  • Pola Igrexa, por cada un e cada unha de nós, para que descubramos que quen non é capaz de liberarse de todo apego, de toda comodidade, de todo prexuízo, de toda riqueza, de toda vontade de dominio, está afogando a voz de Deus na súa vida, OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
  • Nas dificultades que xera unha sociedade que se empeña en crecer esquecendo ás persoas e primando o materialismo dos resultados, queremos, Señor, ser unha Igrexa solidaria, fraterna e sinxela. OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
  • No desacougo que nos produce unha empresa que pecha, unha familia onde tod@s están no paro, moitas persoas ás que non se lles abren as portas, que saibamos ser, Señor, parroquia unida, solidaria e acolledora, OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
  • No día que a Igrexa dedica ás Migracións, pedimos por todas as persoas que veñen doutros países, continentes e culturas, para que esteamos sempre dispost@s a abrirlle as nosas portas e saír ao seu encontro, OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
  • Por todos e todas nós, para que na nosa vida busquemos tempiños de oración e interiorización dunha Palabra que nos chama a dar testemuño esperanzado, sen medo nin vergoña, dunha fe comprometida, solidaria e profética, que non xustifique inxustizas, silencios cómplices, explotación ou discriminacións de calquera xeito, OREMOS.
FALA, SEÑOR, QUE TE ESCOITAMOS
Que o teu agarimo, Señor, nos acompañe no camiñar cotián, para que saibamos escoitarte a través da contemplación do mundo que puxeches nas nosas mans. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓNNiso de buscar escusas
son, Señor, especialista.
Diante da urxencia dunha resposta
atopo sempre argumentos
para non dar golpe.
Pero Ti disme: vén e verás.
Asegúroche, Señor,
que miro, vexo e respondo
segundo a miña comenencia.
Moitos días vexo e non miro nada.
Estou durmido diante das persoas marxinadas
e feridas do noso mundo,
e creo que aquí non pasa nada.
Outros días vexo dobre
e atopo unha inxustiza a cada paso.
Penso que isto non ten arrego
e digo: nada se pode facer.
Pero Ti disme: vén e verás.
E cando me poño mans á obra
son moitas as persoas que afirman
que iso non vai con nós,
que o noso é outra cousa,
que non debemos facer política
nin espertar a quen durme debaixo da figueira.
Pero Ti disme: vén e verás.
E eu, confiando en Ti,
cóllome forte da túa man
e déixome arrolar pola túa voz
que, paseniñamente, coma un murmuio,
me canta:
Vén, vén e verás.
CANTOS
  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Escoita ti
  • OFERTORIO: Sede o sal
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor