Ir al contenido principal

2 advento


ADVENTO, TEMPO DE CONFIRMACIÓN
INICIAD@S NA CONFIRMACIÓN
SIGNO:
Colocamos no taboleiro ou prendemos a segunda candea, que terá o nome do sacramento da confirmación ou algún signo alusivo a dito sacramento.

 
PÓRTICO
A iniciación que se nos abre co sacramento do Bautismo non se estanca, senón que continúa e vai convertendo en experiencia viva o crecemento e a maduración da fe. Aquela raioliña de esperanza que significaron a auga, o crisma e máis o óleo o día do noso Bautismo, teñen agora a súa continuidade no sacramento da Confirmación, sacramento de fondura e reafirmación, en liberdade e autonomía, do que noutro momento pediran para nós pais e padriños. Agora tócanos a nós, xa non somos dependentes do que outros decidan, senón que nos corresponde persoalmente dicirlle si ou non ao seguimento da persoa e mensaxe daquel que é a razón da nosa esperanza. Que mellor que neste segundo domingo de Advento para, diante da segunda candea que dentro duns momentos colocaremos no taboleiro, sentir a presenza do Espírito e pedir a súa forza para que alente, acompañe e agarime a nosa andaina e a coherencia das nosas decisións.
O PERDÓN
  • Porque as nosas dúbidas, a nosa falta de convicción e o noso deixarnos ir, apagan a chama do Espírito recibido o día da confirmación, SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS APAGAR A CHAMA DA FE.
  • Porque nos pesan máis as rutinas e as seguridades que o alento renovador do teu Espírito, CRISTO, QUE NON DEIXEMOS APAGAR A CHAMA DA FE.
  • Porque estamos ben lonxe de consolar, escoitar, esperanzar e acariñar a quen se sente menosprezado, triste, desesperanzado ou marxinado, SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS APAGAR A CHAMA DA FE.

 

REMUÍÑO
  • "CONSOLADE AO MEU POBO": Estas palabras coas que comeza a primeira lectura deste domingo, ben podían ser o eixe sobre o que ir artellando a nosa reflexión de hoxe. E dicimos isto porque unha vez máis se nos volve a presentar a imaxe de Deus con rostro humano. O Deus que consola e sabe estar ao noso lado en momentos difíciles, que acompaña as nosas ledicias, que sempre é forza e alento no camiño da nosa vida. Canto acabamos de escoitar está bastante afastado da idea que habitualmente temos de Deus, a quen no noso imaxinario vemos como un señor moi maior ao que hai que ter medo e prestarlle submisión. Tristemente, por máis que unha e outra vez a palabra de Deus nos vai dicindo e mostrando o contrario, empeñámonos -seremos masoquistas?- en seguir construíndo toda a experiencia da fe, non na confianza, a misericordia ou o amor, senón no medo; o que da lugar a un falseamento, en imaxes e en vivencia de oración bastante lonxe do que El quere ser para nós. Nestes momentos nos que socialmente estamos a vivir a dureza dunha situación que, expresada baixo a palabra crise, encerra a vida de moitas persoas sen traballo, o derroche dunha clase política que nos mente e nos conta medias verdades para manternos pasivos e domesticados, así non lles damos problemas; a desconfianza dun sistema socio-económico que nos fai vivir en constante medo a que pasará maña, porque témonos empeñado e insistido tanto en vivir o presente, que fomos descoidando o futuro que temos que construír e abrirlle aos que veñen tras de nós. E agora, cando o presente se vai vindo abaixo, dámonos de conta que nos faltou previsión, sinxeleza, realismo, sinceridade para valorar as nosas posibilidades, capacidade de aforro… solidariedade para pensar que despois do hoxe continúa o mañá, para nós e para os que nós traemos á vida. Porén, está moi ben botarlle a culpa a quen toma decisións: políticos, mercados… pero, que fixemos nós?. Acaso non nos deixamos levar. Non entramos no xogo que nos propuñan sen dicir nada?. É mais, a quen nos falaba ou invitaba a pararnos a pensar sobre como estabamos a vivir, e nos preguntásemos se o noso nivel de vida respondía á realidade ou era pura ficción, rapidamente o desautorizabamos dicindo que iso eran ideas do pasado, que agora hai que vivir o presente, que o dos "vellos" xa non servía… e claro, por mor daqueles lameiros, estamos agora embarrados. Por iso é tan importante que saibamos integrar o noso vivir cotián coa experiencia da fe. Non para crear un mundo irreal, senón para atopar nela razóns que nos fagan construír a vida desde valores que respecten ás persoas e que non abusen delas; forza para non virse abaixo no momento no que agroman as dificultades; e unha comunidade coa que te sintas en comuñón para poder compartir, rezar e sentirte acollido cando o frío dos números fai esquecer ás persoas. Por iso, como nos di Isaías, temos que buscar en Deus ese consolo que tantas veces nos falta porque nos fallan as persoas. Se El nos ofrece consolo, nós, que dicimos ser os continuadores da súa misión no aquí e agora do noso tempo, tamén temos que saber consolar a quen se sente necesitado de consolo, acompañar a quen vai sendo esquecido, e mostrar a misericordia para quen recoñece terse equivocado.
  • E todo isto convencidos de que a forza do Espírito que recibimos na confirmación é unha forza real, viva, operante en nós. Non un rito máis que cumpro, pero non asumo no que supón e significa na miña vida. Confirmar é reafirmar algo que xa tiñamos, neste caso a fe. E que mellor momento que hoxe, neste segundo domingo de Advento, para que dediquemos un pouco do noso tempo, que tantas veces enchemos de cousas baleiras e superficiais, para pensar sobre o sentido da confirmación e a razón de ser das consecuencias de ter recibido este sacramento. Non esquezamos que confirmamos a fe en Cristo e no seu proxecto de amor; é dicir, o proxecto que El viviu e compartiu cos seus discípulos, e que lles mandou que continuasen espallando de xeito universal por todos os recunchos do mundo. Ese proxecto que chega ata nós o día do noso bautismo, e ao que de maneira libre, adulta e madura, esperemos que así fose, dixemos si o día que recibimos o sacramento da confirmación, e con el a forza do Espírito, facendo realidade aquilo que Xesús lles dixera tamén aos seus discípulos: "non estades solos". Preparemos entón o camiño, endereitemos os vieiros da nosa vida, e non teñamos medo a deixarnos alentar pola súa presenza, non para que nos infantilice e non nos deixe crecer e madurar de maneira autónoma e libre, senón para afrontar os tempos recios e difíciles nos que vivimos.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Invitad@s a preparar o camiño, e sabendo que nese camiñar atoparemos sempre ao Deus que nos ofrece a súa compaña e o seu consolo, dicimos agora xunt@s:
QUE A FORZA DO ESPÍRITO ACOMPAÑE O NOSO CAMIÑO
  • Sentíndonos Igrexa universal e ao servizo da comuñón con toda a humanidade, queremos esforzarnos cada día por ser consolo e agarimo para tantas persoas que senten que a súa vida vai sendo destruída pola explotación, o abuso, o maltrato e a utilización, por iso che dicimos.
QUE A FORZA DO ESPÍRITO ACOMPAÑE O NOSO CAMIÑO
  • Sentíndonos comunidade parroquial, queremos ser consolo e agarimo para tantas persoas das nosas parroquias que están solas, necesitadas de poder atopar a alguén que as escoite e pasando por momentos de especial dificultade, persoal ou familiar, sabendo que esta é a mellor maneira de preparar o camiño do Deus que chega para ser e estar cos pobres, por iso che pedimos:
QUE A FORZA DO ESPÍRITO ACOMPAÑE O NOSO CAMIÑO
  • Sentíndonos continuadores da misión de Xesús, para que non esquezamos nunca que tamén somos Igrexa, e como tal temos voz, criterio e responsabilidade para manifestar a nosa opinión dentro da comunidade e a responsabilidade de testemuñar o que cremos e vivimos nos nosos barrios, parroquias, traballos, familias…dicímosche:
QUE A FORZA DO ESPÍRITO ACOMPAÑE O NOSO CAMIÑO
Grazas, Señor, por invitarnos a saber vivir con confianza e agarimo canto temos manifestado no día da nosa confirmación. P. X. N. S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN    
Unha vez máis,
invítasnos a preparar os camiños polos que Ti vés traendo boas novas.
Grazas, Señor.
Porque contas con nós
para achandar penedos e vales
e para desterrar mentiras e opresións,
Grazas, Señor.
Por poñerte no vieiro
polo que imos camiñando
para que te atopemos,
Grazas, Señor.
Porque entras na nosa casa
e queres facer dela unha morada nova
para todas as persoas que camiñan e se achegan,
Grazas, Señor.
Ti atopáchesnos,
e ese toque teu transfórmanos.
A vida vai xermolando dentro dos nosos corazóns.
Grazas, Señor.
CANTOS
  • ENTRADA: Vén axiña visitarnos
  • LECTURAS: Manda o teu Espírito
  • OFERTORIO: Xesús chamado amigo
  • COMUÑÓN: Volve Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel