Ir al contenido principal

22 domingo TO 2011

TODOS NECESITAMOS UN POUCO DE SUR PARA PODER VER O NORTE

PÓRTICO

Vivimos nunha sociedade que se caracteriza pola incapacidade para o sufrimento e a renuncia. A nosa civilización do confort e da comodidade non quere escoitar falar diso. Pero, que pensar dunha sociedade que evita, esconde e rexeita determinados xeitos de sufrimento?. Que dicir dunha sociedade que saca rapidamente de casa aos inválidos e anciáns e que borra da súa memoria rapidamente o recordo dos mortos?. Que dicir dunhas xeracións de pais e fillos que cortan o máis axiña posible a comunicación entre eles, aínda que vivan xuntos, para evitar conflitos e vivir con maior tranquilidade?. Que dicir de quen non sen detén diante dos dereitos máis elementais das persoas e actúan sen ningún escrúpulo, movidos só polo éxito económico, polo triunfo social ou polas ansias de posuír?. Que dicir dunha sociedade incapaz da máis mínima renuncia cando contempla na beirarrúa de enfronte a millóns de persoas que non teñen o básico para vivir?. Non estaremos estropeando a nosa propia vida?. As palabras de Xesús “Quen queira vir comigo, que renegue de si mesmo, que cangue coa súa cruz e que me siga”, moitas veces rexeitadas e desprezadas coma unha moral de escravos, poden cobrar de novo toda a súa actualidade e Boa Nova. Que a celebración que agora comezamos nos axude a abrírmonos a Aquel que quere motivar os nosos retos e proxectos.

O PERDÓN

Porque non convertemos a túa Palabra en cerne para a nosa vida, senón que facemos dela interese individualista, SEÑOR, QUE NON NOS NEGUEMOS A SEGUIRTE.

Polas veces en que xustificamos o nosos actos, os nosos silencios e as nosas omisións nunha falsa imaxe dun Deus feito á nosa medida, CRISTO, QUE NON NOS NEGUEMOS A SEGUIRTE.

Porque non temos sede de ti, senón de canto nos converte en consumistas e estragadores, SEÑOR, QUE NON NOS NEGUEMOS A SEGUIRTE.

REMUÍÑO

Poucos aspectos do Evanxeo foron e son tan distorsionados e desfigurados coma a chamada de Xesús a “tomar a cruz”. E é que son moitas as persoas que teñen ideas confusas sobre a actitude cristiá a adoptar diante do sufrimento. “Todo o bo da vida é inmoral, ilegal ou engorda”, dise moitas veces, querendo facer fincapé nisto que vimos de falar: fe e felicidade só teñen en común a sílaba pola que ámbalas dúas palabras comezan, máis nada, pois como todo o mundo ben coñece, relixión e felicidade son case termos antónimos, nunca sinónimos. Por iso, o que vimos de escoitar da cruz no evanxeo de hoxe, é unha ocasión bárbara para facer caer na conta de que, como se dicía naquela serie de televisión “a fama (neste caso a salvación) custa, e aquí é onde ides empezar a suar”. Xa está ben de medias tintas, se ata o mesmo Xesús di que hai que cangar coa cruz!. Este é o argumento que esgrimen as moitas persoas que entenden relixión como renuncia, sacrificio.... e nunca como felicidade e sorriso.

Porén, se queremos seguir a Xesús con fidelidade non podemos esquecer que nel non atoparemos ese sufrimento que tantas veces nos acompaña e que nace da nosa envidia, do baleiro interior ou do egoísmo... e que debemos ir suprimindo se queremos seguilo. Por outra banda, Xesús non ama nin buscar arbitrariamente o sufrimento, nin para el nin para os demais, coma se este encerrara algo especialmente grato a Deus. É un erro crer que unha persoa sigue máis de cerca a Xesús se busca sufrir sen necesidade ningunha, pois o que lle agrada a Deus non é o sufrimento senón a felicidade.

Pero hai sufrimentos, rexeites, conflitos ou mesmo cruces que temos que asumir e axudar a levar. Velaí a cuestión. E é como ben di un anuncio que está de moda, “todos necesitamos un pouco de sur... para poder ver o norte”. A pesares de que se nos queira vender o contrario, vivimos nun mundo cheo de cruces, no que hai moitas persoas crucificadas, mesmo moi preto de nós: parad@s, maiores, enferm@s, inmigrantes, mulleres maltratadas, nen@s prostituíd@s, explotad@s... Non é de recibo que nós, que temos a sorte de ter nado no norte, na parte da opulencia e da riqueza, lle deamos as costas a todas estas persoas, irmás nosas, que viven nun calvario permanente. Porque moitas veces buscamos unha vivencia cómoda da fe, collemos o que nos interesa e rexeitamos o que nos complica a vida. Por iso entendemos actitude de Pedro, a quen, coma a nós, lle gustan os aspectos amables do seguimento, pero non o sacrificio. Gústalle o Tabor, pero non o Calvario. A nós, pásanos o mesmo: gústannos os aspectos folclóricos da fe: a festa do patrón, as cerimonias sociais, as procesións.... pero cando se nos pide coherencia, cando se nos ofrece formación, cando se nos di que temos que ser cristiáns adultos, cando se trata de encarnar a fe..... entón a cousa cambia e dicimos: que pase de min este cáliz. Por iso, as palabras que escoitamos hoxe deben resoar nos nosos oídos e tocar o noso corazón: temos que cargar coa cruz e seguir a Xesús. E esa cruz ten nome: coherencia, a coherencia dunha fe que, vivida dun xeito responsable, vainos conducir cara á felicidade verdadeira. Velaí o cerne da cuestión.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñémonos agora nas mans de Deus, que nos ama e digámoslle:

QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ

Para que na Igrexa non renunciemos nunca ao compromiso ético de defender sempre a dignidade das persoas, por riba de credos relixiosos, políticos ou económicos, OREMOS.

QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ

Polas nosas comunidades, para que pouco a pouco vaiamos desbotando tantas ideas e concepcións dun Deus feito á medida do que nós queremos e do que nós buscamos, en favor do verdadeiro Deus, que nos chama a tod@s a descubrilo en Xesús, OREMOS.

QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ

Por tantas e tantas persoas crucificadas no mundo de hoxe: @s famentos, as mulleres maltratadas e tratadas coma obxectos, @s nen@s escrav@s, @s vell@s abandonad@s, @s que non teñen saúde, traballo ou vivenda digna… para que sexamos quen, desde a nosa opción por Xesús, de axudarlle a levar a súa carga, descubrindo que todos precisamos un pouco de sur para poder ver o norte, OREMOS.

QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ

Grazas, Señor, por quereres que a fe sexa a luz que alumee o noso camiño e non un conxunto de normas inútiles que constitúan unha pesada cruz sobre os nosos ombreiros. PXNS. Amén.

REFLEXIÓN

Permíteme orar,

non para obter protección contra os perigos,

senón para afrontalos sen temor.

Permíteme pedir,

non alivio á miña dor,

senón o valor de superala.

Permíteme buscar no campo de batalla da vida,

non aliados,

senón a propia fortaleza.

Permíteme non suplicar, temeroso, pola miña salvación;

pero si ter paciencia para conseguir a miña liberdade.

Concédeme,

que non sexa covarde,

sentir a túa misericordia no meu triunfo soamente;

pero deixa que, no meu fracaso,

atope a aperta da túa man. Amén.

CANTOS

ENTRADA: Andarei na presenza do Señor

LECTURAS: Canta aleluia

OFERTORIO: Sementar, sementarei

PAZ: Que veña a paz

COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor