Ir al contenido principal

Ascensión 2010

Non é tempo de estratexias, senón de testemuños: pés no chan e corazón quente

SIGNO:
Seguimos co signo neste tempo de pascua: aspersión da comunidade e a renovación das promesas bautismais

Pórtico

    Dinos o Evanxeo de hoxe que ao final -mira que tiveron oportunidades!-, os Apóstolos acabaron entendendo a Xesús. Custoulles, vaia se lles custou!; pero conseguírono. Entenderon que El non era un rei de poder nin de dominio, senón de servizo e acollida. Un servizo e unha acollida que llelas foi mostrando cada día no seu contacto con eles e na súa relación coa xente.

Do mesmo xeito que lles pasaba aos Apóstolos, tamén a nós nos custa entender que o Reino de Deus esixe de nós servizo e acollida. Mira que nos empeñamos en facer o contrario!. Por iso non está de máis que neste domingo da Ascensión, prestemos atención á Palabra que imos proclamar, e saibamos tamén nós, como ao final lles pasou aos Apóstolos, descubrir e entender que non é desde o poder, a soberbia, o ordeno e mando… senón desde a apertura do corazón e o servizo aos demais, como poderemos converternos tamén nós, deixando de mirar para o ceo, en testemuñas de Xesús e da súa mensaxe. As estratexias son para aqueles que buscan poder e dominio de persoas e cousas, nós só queremos ter o corazón quente e as mans abertas para servir.

Perdón

  • Renuncias a deixar que outros decidan por ti, para converterte nun cristián adulto, coherente, responsable e con capacidade de decisión? SI, RENUNCIO, ESPABÍLANOS, SEÑOR.
  • Renuncias a camiñar mirando cara ao ceo, esquecendo que ao noso lado hai mans que nos piden que as axudemos a saíren de tantas situacións de dor e deshumanización?. SI, RENUNCIO; ESPABÍLANOS, CRISTO.
  • Renuncias ao pasotismo,. á comodidade e ao medo, para implicarte na fermosa tarefa de ser mensaxeir@ e testemuña da Boa Nova de Xesús?. SI, RENUNCIO; ESPABÍLANOS, SEÑOR.

REMUÍÑO

  • ELIXIUNOS: Na nosa andaina cotián, moitas veces pensamos e dicimos que nós a Deus non lle debemos nada, que canto temos e somos é froito do noso esforzo, sacrificio, renuncia..E isto ten unha parte de verdade, pero non o é todo. Si, non o é todo, porque esquecemos engadir que ese noso esforzo, traballo, sacrificio... foi posible grazas a que El nos elixiu. Chámanos e móstranos o camiño, e logo invítanos a seguilo. Ser elixidos por El supón que se fixou en nós, que nos quere, que nos acompaña, que se preocupa...nunha palabra: que somos importantes para El. E isto é o que lle di Xesús aos seus discípulos no Evanxeo de hoxe: elixinvos. E unha vez que lle dixemos que si, nunca máis nos sentiremos desacougados e sen rumbo. Non estamos solos, o que significa que o entusiasmo, a alegría, o esforzo por facer ben as cousas nunca nos vai faltar. El vai ser sempre o compañeiro. Deste xeito todo resultará máis doado, e as dificultades iranse superando pouco a pouco. Diante da súa elección, está a nosa resposta, polo que xa no é tempo de quedarnos quietos, senón de agarralo e subírmonos ao seu carro.Sen medo, sen converternos en papamoscas, senón en persoas activas, traballadoras e preocupadas polo que pasa no mundo e como repercute isto nos demais. Porque só coñecendo, poderemos botar unha man e unirnos para cambiar as cousas. Elixiunos para ser testemuñas e manifestar este testemuño no que facemos cada día. Proclamalo coa nosa palabra e cos nosos feitos é a nosa tarefa.
  • Só así poderemos, como nos di o texto de Hebreos, aprender uns dos outros a camiñar no amor e no facer obras boas. Nas alegrías e nas dificultades, superando a tentación do abandono, ese deixalo todo que ás veces nos vén á cabeza, porque o noso cura non fai as cousas como a min me gusta; os bispos viran a cara para o outro lado diante dos abusos dos curas, ou o papa vive nun mundo cheo de riqueza e afastado das preocupacións, duras e difíciles, dos homes e mulleres do noso tempo. Si, esa pode ser a tentación, pero se a consentimos porá de manifesto que temos confundido o importante co secundario; os medios co fin. E ben sabemos que o fin é Xesús, non os curas nin os bispos, nin tampouco o papa. Poden gustarme os seus comportamentos e as súas actitudes, pero en quen cremos non é neles, senón en Xesús, o que pasou polo mundo facendo o ben. E se non nos damos conta disto, mal asunto. Acabaremos confundindo todo. Non sucumbamos a esta tentación do abandono, do deixalo, de non querer saber nada do fermoso e estimulante proxecto de Xesús. Traballemos sen medo para cambiar as cousas e non deixar que canto nos afasta do Evanxeo, e se converte en preguiza, engano, abuso, corrupción, falta de transparencia, soberbia... entre na nosa igrexa. Non podemos contentarnos con mirar ao ceo.
  • Deste xeito poderemos, como nos di Xesús no Evanxeo, ser testemuñas da súa mensaxe. É esta a nosa tarefa, a isto ha levarnos o chamarnos e sentirnos cristiáns. Respondamos, logo, a esta misión desde onde esteamos: familia, fábrica, barrio, asociacións, con iniciativas solidarias e así o compromiso será vida. Que o gozo que sentiron os Apóstolos sexa tamén o noso gozo.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS

(A poder ser, desde a fonte bautismal)

Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:

  • Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
  • Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
  • Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
  • Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
  • Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí a agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo

Oración da comunidade

    Pídesenos que non pasmemos mirando ao ceo, e que fagamos canto está nas nosas mans para cambiar tantas causas que non nos gustan. Sabemos que non é fácil, pero moitas mans unidas poden conseguilo, por iso unímonos para dicir:

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

  • Grazas, Señor, por alentarnos para que na Igrexa xurdan cada vez máis voces que, desde o amor e o respecto, non queden caladas diante do esquecemento de que Deus é amor e pide verdade, honestidade, transparencia, e non corrupción e escurantismo, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

  • Dámosche grazas polas nosas comunidades, nas que como cristiáns adultos e responsables, nos esforzamos, ás veces non sen dificultades, por alentar a quen está triste, acubillar a quen se sente só, visitar a quen está enfermo, esperanzar a quen está desalentado, integrar a quen está marxinado, OREMOS

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

  • Dámosche grazas polo testemuño, moitas veces calado pero sempre eficaz, de tantas e tantas persoas que, ao noso redor, traballan na construción dunha sociedade máis xusta, máis digna e na que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

Grazas, Señor. Deixándonos levar da túa man, queremos facer da fe recibida no bautismo un testemuño de amor que nos converta en testemuñas do teu Reino no medio do mundo. PXNS. Amén

PARA A REFLEXIÓN

Señor, pídesnos que testemuñemos,

saíndo das nosas comodidades,

afrontando riscos,

para vivir en estado de misión.

Ide, para anunciar o Reino e a súa presenza,

para ser sinais do Evanxeo, irmáns e irmás de todas as persoas.

Ide, é a túa ensinanza,

abrindo camiño para o paso do sementador, que xa está connosco.

Ide, é o teu exemplo,

camiño compartido, vivencia comunitaria, testemuño fraterno, aprendendo xuntos.

Ide, aínda que sexades poucos, porque o Reino é lévedo.

Ide, atentos e preparados, porque haberá conflitos e dificultades, presenza da cruz.

Ide, con sinxeleza, empobrecidos polo Reino, aprendendo a confiar.

Ide, invítasnos mirando ao corazón e descubríndonos que podemos,

se nos animamos, se nos xuntamos, se nos desinstalamos das nosas seguridades

para vivir, coma Ti, en estado de misión.

CANTOS

  • ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
  • ASPERSIÓN: A auga do Señor
  • GLORIA
  • LECTURAS: Escoita, Ti
  • OFERTORIO: Pan do ceo
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel