Ir al contenido principal

2008 Inmaculada

O Deus dos pequen@s e dos humildes alégrase na dignidade de María, e con ela na de tódalas mulleres

PÓRTICO

Moitas veces temos escoitado que a Igrexa, case sempre entendida coma o Papa, os bispos e os curas, acepta, ou mesmo xustifica,a violencia e o maltrato ás mulleres, ou polo menos, dise, non ten falado coa mesma forza del como o fai doutras cuestións, en principio menos importantes. Porén, Xesús sempre, no seu dicir e no seu facer, proclama a igualdade de homes e mulleres, non coma unha cuestión de ideoloxía de xénero, senón como posuidores da mesma dignidade concedida por Deus. Nós, os que hoxe somos os seus discípulos e seguidores, somos urxidos a seguir o camiño aberto por El; é dicir, a nós nos compete converternos en construtores de igualdade e respecto da vida, de toda vida, pero especialmente daquelas que se ven ameazadas pola violencia e a coacción do que ten máis forza ou poder.

Que a celebración de hoxe, na que queremos honrar a María, muller e cristiá, nos dea azos para saber camiñar na coherencia.

PERDÓN

  • Que saibamos, como María, perder os medos para romper o costume de reducir a fe ao espazo de dentro das igrexas, SEÑOR, NECESITAMOS DA TÚA COMPAÑÍA.

  • Que superemos a tentación de xustificar situacións de violencia e falta de respecto á dignidade que puxeches en cada un e cada unha de nós, ben sexa nas familias, as parroquias ou nos nosos lugares de traballo, CRISTO, NECESITAMOS DA TÚA COMPAÑÍA.

  • Que non nos empeñemos en vivir unha fe de obrigas e normas, senón que coma María, loitemos por converter en actitudes e feitos a túa Palabra, SEÑOR, NECESITAMOS DA TÚA COMPAÑÍA.

REMUÍÑO

  • A Palabra de Deus dinos hoxe que diante súa non valen xustificacións, tampouco tentar acordos –tratos– con El como se fose un vendedor ao que lle compramos o xénero. Deus non é intermediario de nada; e esta falta de convicción é o que nos leva a non entender a razón, o por que, os cristiáns, debemos saber respectar sempre á persoa, afastando a tentación de crer que unhas son máis importantes ca outras; sen acabar de entender que homes e mulleres temos a mesma dignidade, somos iguais. E se isto é un principio fundamental da fe que cremos, e debemos de non esquecelo nunca; nestes momentos de crise, onde os intereses dos que máis teñen acababan sendo os que saen máis beneficiados, en detrimento da situación e da persoa dos máis pequenos e necesitados, os esquecidos do noso mundo; pois se falar do recoñecemento da dignidade das persoas é un fundamento da fe, non só non deberiamos esquecelo, senón que teriamos que traballar para que ninguén deixe de respectalo.

  • Paulo pon a Cristo coma centro desta igualdade e dignidade que Deus colocou en nós. Desde Cristo, esa igualdade fainos fillos e irmáns, chamados a ser sempre construtores de amor e entendemento; sabendo unir proxectos e mans, para orientalos a facer cada día do noso actuar unha resposta ao plan de Deus. Fillos e irmáns son dúas dimensións da proposta cristiá que camiñan xuntas,e esixen de nós espertar do sono que nos pretende illar do que pasa no noso mundo. Non se pode ser hoxe cristián sen saber, sen coñecer, sen implicarse co que pasa no noso mundo, pois so así conseguiremos que o seu rumbo vaia cambiando, e que ninguén acabe converténdose en xoguete roto nas mans dos poderosos.

  • María, aquela muller sinxela e humilde, que non formaba parte de ningún dos grupos de poder daquel tempo: fariseos, herodiáns, saduceos, celotes, membro de Sanedrín... desde a súa sinxeleza quixo responder á chamada, co seu si, que Deus lle fixera, o que a converte en “chea de graza”. Polo seu saber tratar aos demais, polo seu non calar diante de situacións inxustas, polo seu saber estar ao lado dos que sufrían ou necesitaban da súa axuda, polo seu non querer caer no clasismo simplista de dividir ás persoas entre boas e malas –esquecendo que sempre hai moitos matices que impiden falar con esa rotundidade dos demais– soubo chegar ao corazón de todos, especialmente dos máis débiles. Ela, muller e nai, foi na súa vida un compromiso de verdadeira liberación e resposta a Deus. Unha resposta xenerosa e xusta, que camiñaba desde o amor, respondendo á chamada de Deus. Por iso lle chamamos Inmaculada.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Con María, tamén nós queremos agora por a nosa confianza en Ti, e facémolo dicindo xuntos:

SEÑOR, QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI

  • Que a Igrexa, sabendo acoller o testemuño de María, viva no día a día os valores da paz, o diálogo, a igualdade e o respecto de culturas e razas, OREMOS.

SEÑOR, QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI.

  • Que nas nosas comunidades non renunciemos nunca ao compromiso de vivir a igualdade entre todos os seus membros, non calando cando a violencia e a falta de respecto aparezan nelas, OREMOS

SEÑOR, QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI.

  • Que cada un de nós saibamos, como María, cantar coa nosa vida de servizo aos enfermos, maiores, persoas solas, nenos faltos de amor... as “marabillas de Deus”,converténdoa no espello da túa presenza, OREMOS

SEÑOR, QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE QUE SI.

Deus Pai, que non esquezamos nunca o noso compromiso, como tamén fixo María, de poñer a nosa vida, o que somos e facemos nas túas mans. P.X.N.S.Amén.

REFLEXIÓN

Virxe e Nai, Santa María,

que animaches á primeira comunidade, na que

todos eles se dedicaban conxuntamente á oración”,

axuda á Igrexa a ser no mundo de hoxe icona da Trindade,

signo elocuente do amor divino a tódalas persoas.

Virxe María, que respondiches con prontitude

á chamada do Pai dicindo:

Velaquí a escrava do Señor”,

intercede para que non falten no pobo cristián

servidores da alegría divina:

Sacerdotes que, en comuñón cos seus Bispos,

anuncien fielmente o Evanxeo e celebren

os sacramentos, coidando ó pobo de Deus,

que estean dispostos a evanxelizar a toda a humanidade.

Que aumente o número das persoas consagradas,

que vaian contracorrente, vivindo os consellos

evanxélicos da pobreza, castidade e obediencia,

e dean testemuño profético de Cristo

e da súa mensaxe liberadora de salvación.

María, que comprendiches mellor que ninguén o sentido

das palabras de Xesús: “A miña nai e os meus irmáns son os

que escoitan a palabra de Deus e a levan á

en práctica”, fai que os irmáns e irmás ós que o

Señor chama a vocacións particulares na Igrexa,

aprendan a escoitar ó teu divino Fillo.

Axúdanos a todos, a dicir coa vida:

Aquí estou, oh Deus, para facer a túa vontade”.

XLIV Xornada Mundial de Oración polas Vocacións

CANTOS

  • Entrada: Noraboa María

  • Lecturas: Cantade as marabillas do Señor

  • Ofertorio: María, chea de Gracia..

  • Comuñón: Coa nosa naiciña do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor