Ir al contenido principal

Domingo 12 TO 2008

Non basta con non ter medo. O Evanxeo invita a tomar partido por Xesús con valentía e con todas as súas consecuencias”

Non lle imos dar esa satisfacción.

Non teñamos medo!

PÓRTICO

Vivimos nun momento de auxe das posicións conservadoras dentro da Igrexa, mesmo dentro da sociedade. Que é o intento de impor sesenta e cinco horas semanais de traballo na empresa, senón un querer volver ao século XIX, que tanta explotación, miseria e morte creou; e que tan ben denunciou a Doutrina Social da Igrexa e o chamado catolicismo social. Pois ben; nesta situación de querer volver atrás, como moitos pretenden, esquecendo a historia, non está de máis que prestemos atención ao profeta Xeremías, e denunciemos esa situación. É verdade que son moitos os que están á espreita para sacar rendibilidade, pero como seguidores de Xesús, aquel que non calou diante da inxustiza, estamos chamados a perder os medos e a non deixarnos vencer.

Que a celebración de hoxe nos alente, estimule e enforteza para desenvolver esta tarefa.

O PERDÓN

  • Porque a nosa falla de cuestionamento fai que nos sintamos superiores e doutrinalmente seguros, rexeitando aos que non son, pensan ou fan coma nós, SEÑOR, VARRE OS NOSOS MEDOS.

  • Porque queremos e mesmo lle esiximos aos demais aquilo que nós non estamos dispostos a facer, CRISTO, VARRE OS NOSOS MEDOS.

  • Porque o medo a perder prestixio, seguridade, comodidade ou benestar fai que permanezamos mudos diante de tantas e tantas inxustizas, converténdonos así en cómplices cos nosos silencios, SEÑOR, VARRE OS NOSOS MEDOS.

REMUÍÑO

  • Non lles teñades medo: Son moitas as pantasmas que temos os seguidores de Xesús neste momento. Unhas pantasmas que acaban bloqueando todo o potencial e as capacidades que temos; o que acaba facendo que nos convertamos, mesmo de xeito inconsciente, en persoas sen ilusión e sen garra; levándonos a ser demasiado, por non dicir, moi mediocres. Os nosos medos, as nosas inseguridades, a nosa incapacidade para ser consecuentes coa fe recibida no bautismo acaba facendo que nin a nosa presenza no medio do mundo: traballo, organizacións comprometidas coas causas xustas e solidarias, familia, barrio... nin a nosa capacidade de facer que poidamos ser escoitados pola importancia ou novidade do que dicimos. O que pon de manifesto que pouco é o caso que lle facemos á chamada/invitación que desde o Evanxeo nos fai hoxe Xesús de perder os nosos medos e comezar a ser, sen ningún tipo de complexo, nós mesmos. Se o fixeramos así, outro galo nos cantaría e moitos dos espectáculos que como Igrexa estamos a dar –sempre á defensiva e buscando reverdecer uns laureis que xa son doutro tempo e non nos serven para hoxe– evitaríanse.

  • Faládeo á plena luz: Se perdemos complexos e comezamos a integrar o que supón e significa confesarnos crentes, recuperaremos a liberdade e a capacidade que temos de facer cousas, desde o pequeno e cercano, que poden ir cambiando o noso contorno e cambiándonos a nós. Facéndonos sensibles a canto está a pasar a tantos dos nosos irmáns. Evitando crernos na seguridade de que o sabemos todo e que nada se nos escapa, como se fosemos o “vademecum” do catolicismo. Desde este compromiso/resposta de vida, é desde onde temos que entender o que nos di Xesús de falar a plena luz, de dicir o que pensamos, sabendo respectar aos demais, pero sen calarnos de manifestar o que pensamos, cremos e é importante para nós. Ademais neste camiño nos estaremos so@s; se de verdade queremos construír comunidades cristiás ao estilo e segundo a pegada de Xesús, nelas temos que atopar forza, axuda e alento, para así estar no mundo con criterio e sen actitudes vergoñentas.

  • Vós valedes máis ca tódolos pardais xuntos: E sabemos que a forza para levar a cabo esta tarefa vénnos de Xesús. El dinos no Evanxeo de hoxe que por riba de calquera outra cousa, ou por moita sensibilidade que teñamos cara calquera situación ou realidade do noso mundo, nunca debemos esquecer que o centro de todo o noso actuar, dicir e facer é a persoa –imaxe e semellanza de Deus- desde ela, con ela e por ela temos que ir facendo camiño. Como di a canción dun equipo do futbol inglés, moi de moda nestes últimos anos, “nunca camiñaremos so@s”. El está sempre a nosa beira, por que nos custa tanto sentir a súa presenza?. E se non camiñamos so@s, é porque para El somos o máis importante, o centro de todo, a razón da ser da súa redención e presenza no medio de nós. Si que temos que respectar a natureza e todo o que nela hai, pero facémolo porque esta ha de estar ao servizo das persoas, e se Deus o fixo todo, no medio da súa obra colocounos a nós. Por que somos tan fráxiles de memoria?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Deus convócanos hoxe, e invítanos a tomar conciencia de que a fe non é para pechar nin dentro dos templos in dentro dos nosos cuartos, senón que temos que levala á vida, para que perdamos o medo e deamos froitos de defensa da dignidade que El puxo en Nós. Con esta convicción, dicimos xuntos:

QUE O MEDO NON NOS FAGA MEDIOCRES

  • Para que a Igrexa, en fidelidade co pensamento social que desde Xesús nos foron legando as comunidades e os seus responsables, estea atenta ao que pasa no mundo e saiba erguer a voz na defensa de quen ve asoballados os seus dereitos, OREMOS.

QUE O MEDO NON NOS FAGA MEDIOCRES.

  • Para que deixemos de ser unhas comunidades cristiás que se limitan a consumir celebracións e cumprir rutinariamente prácticas de piedade, e comecemos a vivir desde o Evanxeo, aplicándoo á realidade e ás situacións que hoxe se dan no mundo, OREMOS.

QUE O MEDO NON NOS FAGA MEDIOCRES.

  • Por cada un e cada unha de nós, para que deixando atrás medos e angurias sexamos quen de descubrir que é no aquí e no agora onde hai que anunciarte e confesarte, uníndonos ás causas xustas que defendan ás persoas e axuden a facer do noso mundo un espazo de liberdade, respecto e xustiza, OREMOS.

QUE O MEDO NON NOS FAGA MEDIOCRES.

Grazas por axudarnos a espertar a nosa conciencia durmida por tanto encantador de serpes que nos impide coñecer, acoller e poñer en práctica a túa mensaxe.Ti que vives e reinas por sempre eternamente.Amén.

PARA A REFLEXIÓN

FIARSE DE XESÚS

Non teñas medo aos que ameazan,

aos que feren, aos que danan a dignidade e matan o corpo

pero non poden quitarche a vida.

Non teñas medo aos que agachan a verdade ou,

créndose donos dela, manipúlana, dosifícana e véndena;

aos que coa arma da mentira queren dominar pobos e persoas.

Rebélate,

manifesta en todos os lugares, en todo momento,

a tempo e a destempo,

a túa fe na vida e na irmandade adquirida ao acubillo do Pai,

ao lado de Xesús,

á sombra do Espírito,

no seo da comunidade.

Fai desa fe un gozo persoal diario,

un estandarte de liberdade, unha fonte de vida,

un banquete compartido, unha canción de esperanza,

a túa reivindicación máis sentida.

Non teñas medo aos que, por iso, poden castigarte,

retirarche o seu apoio, privarte do traballo,

ignorar a túa presenza, esquecer a túa historia,

golpear a túa debilidade ou facerche dano.

Non teñas medo.

Fíate de Xesús, responde á súa chamada,

fíate do Pai, descansa no seu colo,

fíate do Espírito, loita e se libre.

Estás investindo a vida no proxecto máis grande posto nas nosas mans. Non teñas medo.

Fíate de Xesús.

CANTOS

  • ENTRADA: Amigos nas penas

  • LECTURAS: O Señor é o meu pastor

  • OFERTORIO: Todos xuntos

  • COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor