Ir al contenido principal

SER CRISTIÁN COMPLICA, PORQUE IMPLICA, A VIDA

PÓRTICO

As relixións, calquera relixión, son algo moi cómodo. Trátase de cumprir cunha serie de obrigas, non comer carne, por exemplo, e xa somos bos… Ir á pagoda, á mesquita, ao templo… facer as oracións e as novenas… e xa está.

E, ademais, hai tantas relixións que mesmo podemos servirnos á carta. O caso é que realizando algúns ritos teñamos contento a Deus, que ganemos o ceo. Despois, tranquilos e contentos, sen problemas. Só temos que seguir as normas, canto máis ao pé da letra, mellor.

Porén…ser cristián e cristiá e outra cousa; ser cristián e cristiá complica, porque implica, a vida… Complica a vida pero paga a pena. Que a celebración que agora comezamos nos axude a descubrilo.

O PERDÓN

*      Limpa os nosos ollos polas veces nas que non poñemos luz na vida das persoas, senón que co noso comportamento, sementamos máis dúbidas, SEÑOR, QUE O PODER NON NOS DESHUMANICE.

*      Limpa os nosos ollos de ver o negativo, o que non ten remedio, de ver con mirada xulgadora, con esixencia, con intolerancia…, CRISTO, QUE O PODER NON NOS DESHUMANICE.

*      Limpa os nosos ollos para que non nos acostumemos a ver o deterioro ecolóxico como algo normal, e os problemas medioambientais como algo que non vai con nós, SEÑOR, QUE O PODER NON NOS DESHUMANICE.

REMUÍÑO

VIVIMOS NA ESCURIDADE?: A inmensa maioría das persoas ven, algunhas delas con lentes para corrixir a vista, pero podemos ver. Distinguimos as cores, as formas, as dimensións... Pero que vexamos coa vista non quere dicir que non esteamos cegos, ou que non necesitemos máis luz.

Así moitas veces deixámonos levar polo que di a maioría, polos ditados da moda. Fixámonos nas aparencias, como facía Samuel na primeira lectura. Sen darnos conta caemos na cultura da imaxe que nos cega, que non nos deixa ver mais aló de nos mesmos.

Outras veces céganos a nosa prepotencia, o noso orgullo, a nosa vaidade. Crémonos superiores, confiando nas nosas propias forzas e sen contar cos outros. “Somos fillos de Abraham”. Incluso chegamos a rebaixar aos que pensan diferente ou non teñen os mesmos recursos ca nós, tanto económicos como intelectuais

E tamén podemos facernos unha imaxe propia de Deus. Unha imaxe falsa que fai que non descubramos a verdadeira, que esteamos cegos para descubrir a súa vontade. Cegos por non poder ver a súa pegada no mundo, nos acontecementos cambiantes e sempre novos.

Temos pois que descubrir que cegueiras temos dentro de nós para tratar de aplicar o remedio oportuno.

PERO DEUS ELÍXENOS: A pesares destas actitudes e cegueiras, Deus elíxenos a cada un e a cada unha de nós, desde a nosa pequenez; porque El non mira as aparencias, non repara na nosa fachada, senón que ten unha mirada máis limpa, máis profunda, máis humana… que pousa no noso corazón. Por iso hai dous xeitos ben diferentes de vivir ese encontro. Un primeiro sería como confianza plena naquel que entrou na nosa vida, como risco e resposta persoal a un Deus que elixe, chama e respecta a nosa liberdade. Pero tamén hai moita xente, demasiada quizais, que vive a relixión coma unha especie de póliza de seguros, agarrándose ao que sempre se practicou: o legalismo, o ritualismo e a tradición. En que lado estamos nós?.

RESPONSABLES: Un home cego de nacemento á beira do camiño. Un marxinado. E a pregunta dos discípulo, que dá por descontado que a súa cegueira é un castigo de Deus polos pecados de alguén. Era a ideoloxía dominante daquela… e tamén presente hoxe nos tan actuais profetas de calamidades, que seguen a utilizar tantas veces o nome de Deus en van para recriminar, crispar, separar en bos (os que pensan, aman, senten e fan o que eles din) e en malos (os outros) coma se nós non fosemos capaces de decidir, opinar e falar por nós mesmos, reducíndonos a ser simples monicreques nas mans dun Deus vingativo e rancoroso. O problema baséase, entón, na idea de Deus daqueles e dos actuais fariseos: un Deus que esixe sometemento e obediencia, sen que lle importen nin a liberdade nin a felicidade das persoas. A pesares de que os feitos da súa historia llo demostraban, non lles cabía, non lles cabe, na cabeza un Deus liberador das persoas… e por iso atacan violentamente; porque resulta perigoso afirmar que crer en Deus esixe traballar pola igualdade, a xustiza e a liberación do pobo… e volven utilizar a coacción moral e a ameaza: contra o non sometemento, marxinación!, din eles.

Por iso, neste camiño coresmal, pedímoslle a ese Deus Pai-Nai, liberador, ao Deus Amor, que nos abra os ollos, para que non trabuquemos o camiño, para que sexamos capaces de recrear o mundo que puxo nas nosas mans facendo del, de verdade, un fogar non que todas as persoas teñamos cabida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque Deus sempre está disposto a dar novas oportunidades e a rachar as tebras dos nosos ollos, dicimos xunt@s:

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

*      Pola Igrexa, para que cos seus escritos e ensinanzas, sexa luz para tódalas persoas, especialmente para aquelas que pasan por momentos de dificultade, de incertidume e de desánimo. OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

*      Polas nosas comunidades, para que nunca nos deixemos levar polas aparencias ou pola fachada das persoas e saibamos camiñar xunt@, abrindo os ollos ante @s diferentes, @s inmigrantes, @s que sofren.. para despois de miralos, abrirlles o noso corazón e tenderlles a nosa man, OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

*      Por cada un e cada unha de nós, para que nunca esquezamos que temos un compromiso fondo e serio co medio ambiente, pois estamos chamad@s a coidar o mundo que Deus puxo nas nosas mans, OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

Grazas, Señor, por ser para nós luz que nos permite descubrir no medio do mundo a nosa misión: acompañar as esperanzas e tristuras de todas as persoas de ben. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Nos momentos duros, míranos con misericordia.

Cando somos tentados e fraqueamos, míranos con misericordia.

Cando estamos cegos e ofuscados, míranos con misericordia.

Cando somos capaces do peor, míranos con misericordia.

Cando tropezamos e caemos, míranos con misericordia.

Cando non recoñecemos os nosos erros, míranos con misericordia.

Cando facemos sufrir ao irmán ou á irmá, míranos con misericordia.

Cando nos facemos sufrir a nós mesmos, míranos con misericordia.

E cando pasamos pola noite, axúdanos coa túa misericordia.

Cando entramos no deserto, axúdanos coa túa misericordia.

Cando buscamos sedentos, axúdanos coa túa misericordia.

Cando subimos ao monte, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos pesa a cruz, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos pesa o irmán ou a irmá, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos morde a crítica ou un bico traizoeiro, axúdanos coa túa misericordia.

Cando xa non podemos máis, axúdanos coa túa misericordia.

CANTOS

ENTRADA: Arrepentido

LECTURAS: Na noite escura

OFERTORIO: Canta o sol, canta o mar

COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel